Lugo estará presente en Fitur para “mostrar ao mundo” os valores paisaxísticos, gastronómicos e culturais da cidade

A titular de Turismo asegurou que os datos da campaña 'Lugo Km100' están a demostrar esta tendencia sobre a relevancia que vai gañando a cidade dentro do panorama turístico galego

A concelleira de Cultura, Turismo e Promoción dá Lingua, Maite Ferreiro, prente en anos anteriores en Fitur. CONCELLO DE LUGO

A concelleira de Cultura, Turismo e Promoción da Lingua, Maite Ferreiro, asistirá en representación do Concello de Lugo á Feira Internacional de Turismo (FITUR) co obxectivo de “mostrar ao mundo” os valores paisaxísticos, gastronómicos e culturais de Lugo, centrándose na promoción da campaña ‘Lugo Km100’.

Ferreiro declarou que acudirá un ano máis á feira que se celebra en Madrid a finais de xaneiro. Segundo a edila, Lugo está a situarse actualmente como un punto importante no turismo, tanto polo patrimonio co que conta a cidade, como pola súa proximidade co resto de Galicia.

A titular de Turismo asegurou que os datos da campaña ‘Lugo Km100’ están a demostrar esta tendencia sobre a relevancia que vai gañando a cidade dentro do panorama turístico galego. “Trátase dunha aposta para pór en valor a cidade de Lugo e o seu patrimonio histórico e cultural”, explicou Maite Ferreiro.

Desta campaña, destacou as diversas accións executadas pola Tenencia de Alcaldía para promocionar Lugo como o punto de partida do Camiño Primitivo, “cumprindo cos 100 quilómetros mínimos que se requiren para obter a Compostelá”.

Así mesmo, tamén puxo en valor as festas de San Froilán, que este pasado ano “estiveron á altura merecida”, en palabras da concelleira, como outro dos eixos sobre os que pivotará a promoción da cidade nesta edición de Fitur.