A Deputación de Lugo destina 340.000 euros a investimentos en seis concellos da provincia

O alcalde de Monforte e presidente provincial, José Tomé / Concello de Monforte

A xunta de goberno da Deputación de Lugo deu luz verde a destinar case 340.000 euros a investimentos para seis concellos da provincia. En concreto, en Xermade, Meira, Cervantes, Viveiro, Ribadeo e Muras.

Así o adiantou a portavoz socialista do goberno provincial, Pilar García Porto, que destacou que no caso de Viveiro serán 35.000 euros para o Belén Xigante que “recibe ao ano uns 25.000 visitantes”.

Para Cervantes, García Porto pormenorizou que se aprobou “unha colaboración na que se achegan máis de 90.000 euros para dotar dunha rede de abastecemento de auga aos veciños dos núcleos de Piornedo e Vilarbite”.

“Este é un servizo do que a día de hoxe non dispoñen. Son lugares de Cervantes que aínda non teñen unha traída municipal de auga, por iso facemos esta colaboración porque se trata dun servizo esencial para os veciños. O Concello achegará preto de 5.000 euros e a Deputación achega máis de 90.000″, concretou.

As obras, precisou Porto, “consisten na captación de auga e na súa condución ata a repartición da mesma que vai servir auga aos depósitos que xa existen”. Igualmente, na mesma reunión semanal do goberno provincial aprobouse destinar 34.600 euros ao contrato para contar cun servizo de oficina móbil no marco do programa ‘Acelera Pemes’, financiado tamén con fondos europeos, para ofrecer apoio e asesoramento ás pequenas e medianas empresas e aos autónomos da provincia de Lugo.