InicioSociedadePP de Lugo insta o Goberno a presentar "canto antes" o recurso...

PP de Lugo insta o Goberno a presentar “canto antes” o recurso en Europa contra o veto á pesca de fondo

Solicitaron a comparecencia no Congreso de forma urxente do ministro de Agricultura, Pesca e Alimentación para explicar as súas actuacións para reverter esta prohibición.

PUBLICADA O

- Advertisement -

O PP da provincia de Lugo trasladou o seu apoio ao sector pesqueiro lucense, afectado polo veto á pesca de fondo por parte da Comisión Europea en 87 áreas do Atlántico nororiental, e instaron ademais ao Goberno central a presentar, “canto antes”, o recurso ante o Tribunal de Xustiza da Unión Europea coas achegas do sector e das Comunidades Autónomas afectadas para “enriquecer e fortalecer os seus argumentos”.

Así, os deputados no Congreso, Jaime de Olano e Joaquín García Díez, reuníronse con representantes da Confraría de Pescadores Santiago Apóstolo de Celeiro e varios barcos pesqueiros para coñecer como están a afectar ao sector as primeiras semanas de veto.

Segundo detallan nun comunicado, puideron constatar que “se ve moi prexudicado o palangre de fondo que, incomprensiblemente, foi incluído na prohibición”.

Ademais, entregaron as firmas recollidas entre os deputados do Grupo Parlamentario do Congreso –entre as que se atopa, segundo apuntan, a da portavoz e secretaria xeral do Partido Popular, Cuca Gamarra– en apoio ao Manifesto pola pesca, o marisqueo, a acuicultura e a cadea mar-industria europeas e o rexeitamento a medidas como a prohibición da pesca de fondo.

O deputado lucense e portavoz de Pesca do Grupo Popular no Congreso, García Díez, explicou que solicitaron a comparecencia no Congreso de forma urxente do ministro de Agricultura, Pesca e Alimentación para explicar as súas actuacións para reverter esta prohibición.

“A menos de 15 días para que expire o prazo legal para presentar o recurso, non se coñecen os fundamentos xurídicos, nin técnicos, nin científicos nos que se basea o recurso. É incomprensible que o ministro non presentase aínda o recurso e que non explicase previamente en que se argumenta”, criticou Díez.

LEI DE PESCA SUSTENTABLE

Por outra banda, tamén lles explicou a situación na que se atopa a tramitación parlamentaria no Congreso da nova Lei de Pesca Sustentable para a que, explican, xa se constituíu o relatorio tras finalizar o período de presentación de emendas.

Indican ademais que o Grupo Popular presentou unha batería de emendas e que están “preocupados” polo cambio “tan brusco no modelo de xestión dos dereitos de pesca que pretende esta Lei”.

A este respecto, insisten en que existe “unha liña vermella á hora de poder valorar o apoio á lei: que non se revisen os dereitos adquiridos por todos os armadores con anterioridade á entrada en vigor desta lei, se queda aprobada tal e como entrou no Congreso”.

ÚLTIMAS

Dous irmáns lucenses, promesas do piragüismo español

Un día de semana ás 10:00 horas da mañá en pleno verán, Hugo Argiz e...

O pleno municipal aproba esixir á Xunta que garanta o dereito das mulleres a abortar na provincia

O pleno do Concello de Lugo aprobou este venres, co voto a favor de...

Un conductor ferido grave tras caer por un terraplén no Corgo

O condutor dun vehículo resultou ferido de gravidade tras saírse da vía e caer por un...

Doa sangue e levarás gratis unha entrada para o cinema

A Axencia de Doazón de Órganos e Sangue (ADOS) e o Centro Comercial As...