InicioSociedadeCondenan o Sergas por denegar o ingreso psiquiátrico a un paciente de...

Condenan o Sergas por denegar o ingreso psiquiátrico a un paciente de Lugo que faceleu por esquizofrenia

Terá que pagar 40.000 euros á nai da vítima.

PUBLICADA O

- Advertisement -

A Sección Primeira da Sala do Contencioso-administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) confirmou a sentenza que condena o Sergas a indemnizar con 40.000 euros á nai dun paciente que sufría esquizofrenia paranoide e que faleceu o 11 de novembro de 2013, cando tiña 33 anos, en Lugo, tras ser dado de alta no Hospital de Día de Psiquiatría e no Servizo de Psiquiatría do Hospital Universitario Lucus Augusti (HULA).

A doutora que o atendeu no Hospital de Día de Psiquiatría de Lugo, segundo a sentenza difundida polo TSXG, “sempre viña poñendo en dúbida as patoloxías” do paciente. Os xuíces aseguran na resolución que en novembro de 2013 presentaba “un estado de gran alteración”, como consecuencia de ser sometido a un xuízo penal o día 7 dese mes por agresión a un profesional médico, que concluíu cunha sentenza condenatoria de conformidade.

“O empeoramento que se estaba producindo, e do que o paciente era consciente, foi posto por el, como anteriormente xa fixera en diversas ocasións, en coñecemento da doutora, quen entendeu que todo era finxido de cara a obter un beneficio ante a xurisdición penal (algo ilóxico cando xa recaera sentenza firme)”, subliña o TSXG, á vez que recalca que a facultativa “desatendeu a petición de axuda e o internamento que lle solicitaba e procedeu a darlle a alta”.

“Non satisfeita con tan anómala actitude, contactou telefonicamente co Servizo de Urxencias de Psiquiatría do HULA advertindo a outra doutora da situación do paciente e recomendándolle que, se acudía por alí, non procedese ao seu internamento”, afirman os maxistrados, quen resaltan que, neses días, a situación psíquica do paciente empeorou de forma notable, “o que foi apreciado tanto polo dono como polo encargado do hostal en que residía”.

ALERTAS E VARIOS ALTERCADOS

De feito, o persoal do establecemento alertou á policía o 10 de novembro porque escapou “nun estado psicolóxico de elevado risco”. Os axentes localizárono de madrugada cando “vagaba polas rúas de Lugo”.

Ese día foi atendido no Servizo de Urxencias do HULA por unha doutora, a cal lle diagnosticou brote psicótico, derivándoo ao Servizo de Psiquiatría de Urxencias dese centro hospitalario, onde foi atendido por outra facultativa, quen “facendo caso da advertencia e recomendación da súa colega do Hospital de Día de Psiquiatría, fixo caso omiso, tanto do previo diagnóstico da doutora, que derivara ao paciente ao seu servizo, como do seu historial médico e dos claros síntomas do seu estado”.

Así, limitouse, segundo a resolución, “a mantelo en observación ata a mañá do día 10 de novembro, en que procedeu a dalo de alta, a pesar de que instantes antes o paciente tentara agredir un médico e unha enfermeira de urxencias”. Ao día seguinte, o 11 de novembro de 2013, o paciente provocou un novo altercado fronte ao edificio da Xunta en Lugo, pois trataba de arroxarse aos vehículos que circulaban polo lugar, despois de agredir un viandante.

FALECEMENTO

A policía logrou reducilo e foi trasladado ao hospital polo 112, onde ingresou en parada cardiorrespiratoria, “a consecuencia da cal faleceu, reflectindo o informe de autopsia, como causa da morte, Síndrome de Delirio Excitado, derivado da esquizofrenia que padecía”, indícase a resolución.

Así as cousas, considérase probado que ambas as doutoras, “predispostas pola súa apreciación subxectiva e infundada de que todo era finxido ou esaxerado, incumpriron as súas obrigacións e desatenderon o ditado dos protocolos, sen valorar tampouco o historial psiquiátrico do paciente, e optaron por pechar os ollos e darlle o alta, abandonándoo á súa sorte”.

“Manter, como fai a administración, que non se probou a necesidade do internamento do paciente no presente caso, constitúe unha afronta á intelixencia dun cidadán medio por profano que sexa na materia”, destaca a Sala, á vez que indica que “a relación de causa a efecto entre a situación psiquiátrica do paciente, o seu mal diagnóstico, a ausencia de internamento nun centro adecuado a este tipo de pacientes e a súa morte devén indiscutida”.

NON SE PODE AFIRMAR CON SEGURIDADE QUE OCORRESE

No entanto, os maxistrados sinalan que “non cabe afirmar con total seguridade que outro fose o resultado de atenderse correcta e adecuadamente ao paciente e de telo internado no centro a véspera do seu óbito”.

Con todo, recalcan que “é precisamente esa incerteza acerca do que puidese acontecer de actuarse coa dilixencia esixible, de diagnosticarse certeramente a súa patoloxía, en lugar de supor actuacións finxidas ou esaxeradas que a propia vida demostrou inexistentes, de acordarse o seu internamento con tratamento ad hoc e baixo control permanente, o que fai entrar en xogo a doutrina da perda de oportunidade, ante a imposibilidade por esta Sala de apreciar unha infracción da lex artis –pois a sentenza só foi recorrida polo Sergas e pola súa entidade aseguradora–, coa consecuencia a efectos de indemnización que, nese caso, fose procedente”.

Contra o fallo do TSXG cabe presentar recurso.

ÚLTIMAS

Mochilas sensorias neurodiverxentes nos Museos de Lugo

Os museos provinciais --Museo Provincial de Lugo, Museo do Mar de San Cibrao, Museo...

Obradoiros de coiro, cerámica e teares para celebrar os ‘Días Europeos da Artesanía’

A Vicepresidencia da Deputación de Lugo, a través da área de Artesanía, súmase á...

Coñecemos á ‘Galiartesá’, Pepa Lombao, oleira de Bonxe

O Galicia Confidencial presenta a serie 'Galiartesáns e galiartesas' coa que procura visibilizar diferentes oficios artesáns...

O Concello de Lugo defende que os recursos empregados no Ceao foron “suficientes”

A concelleira de Cohesión Social de Lugo, Ana González Abelleira, saíu ao paso das...