Chechu Salgado, protagonista do audiovisual sobre a provincia de Lugo que presentará a Deputación en Fitur

Chechu Salgado, protagonista do vídeo promocional da Deputación de Lugo en Fitur 2023 / DEPUTACIÓN DE LUGO

Deputación de Lugo informou de que roda estes días o audiovisual sobre a provincia que presentará na Feira Internacional de Turismo (Fitur) 2023 no mes de xaneiro. O actor Chechu Salgado, natural de Sober, é o protagonista desta campaña turística provincial.

Salgado, coñecido por proxectos audiovisuais como As Leis da Fronteira, Fariña ou Patria, entre outros, foi distinguido co Goya ao Mellor Actor revelación neste ano 2022.

A deputada de Réxime Interior, Promoción do Territorio e Turismo, Pilar García Porto, destacou a importancia de contar “cun actor da altura de Chechu Salgado”, que leva, salientou, o nome da provincia “por todo o país”. “Quixemos facer unha campaña dinámica e visual para impulsar a proxección da nosa provincia, cun embaixador de primeiro nivel como Chechu Salgado”, recalcou.