InicioEconomíaO Eixo Atlántico propón a Fomento tres novas conexións ferroviarias para Lugo

O Eixo Atlántico propón a Fomento tres novas conexións ferroviarias para Lugo

Coa achega dos concellos, o Eixo integra a Lugo nos plans de Fomento de cara á negociación de fondos europeos para o Corredor Atlántico

PUBLICADA O

- Advertisement -

O Ministerio de Fomento está en posesión dun completo estudo que integra as propostas dos concellos galegos e portugueses no proxecto ferroviario do Corredor Atlántico. O Eixo Atlántico insta ao ministro José Luis Ábalos, que estará este mércores co presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, a preparar sobre este documento a negociación dos paquetes europeos de investimento en infraestruturas para o período 2021-2028.

O informe analiza alternativas de transporte por tren para A Coruña, Vigo, Ourense e Lugo, alén da liña lusa, e ten a sinatura de Miguel Rodríguez Bugarín, catedrático de ferrocarrís na Universidade da Coruña, e do expresidente Fernando González Laxe. Foi elaborado a raíz da ausencia dun proceso participativo que integrara as administracións locais e os axentes sociais e económicos de Galicia, imprescindible para levar un plan de investimentos a Bruxelas, que si existiu en Portugal. Este debate foi paralelo ás conversas da Comisión e mailo Consello da Unión Europea.

Entre 2014 e 2020, a comunidade europea adica 460.000 millóns de euros a fondos estruturais e de investimento, quedando oito de cada cen euros en España. O novo marco presupuestario prestará especial atención ás vantaxes do transporte ferroviario; o estudo do Eixo Atlántico reflicte os obxectivos de mellora dos treitos transfronteirizos, que irmanda coas necesidades da Eurorrexión Galicia-Norte de Portugal.

Obras da alta velocidade a Galicia | Adif
Obras da alta velocidade a Galicia | Adif

Os promotores do documento critican a tardanza de Ábalos con este asunto, pois a reunión co homólogo luso aconteceu o 17 de setembro. Xoán Vázquez Mao, secretario xeral do Eixo Atlántico, lembrou ao responsable de Fomento que “está en xogo a cohesión de España, e non a dunha parte”, en relación ás xuntanzas que o ministro mantivo polo Corredor Mediterráneo. Ábalos estará este mércores en Galicia.

Dentro da política común ferroviaria, o Eixo recolle as necesidades dos concellos portugueses e galegos, con varios capítulos que abranguen a conexión ferroviaria de Lugo con Ourense e A Coruña, amais da rede que conecta Monforte de Lemos con Palencia.

En primeiro lugar, propón a modernización da liña entre Lugo e Ourense, mellorando varios treitos para incrementar a velocidade máxima de 90 a 220 quilómetros por hora. A rectificación do trazado equipararía os tempos de viaxe ata Madrid cos do resto de cidades galegas. Inclúe as variantes de Rubián, Canabal, Monforte e Os Peares, cun orzamento final de 950 millóns de euros.

A ‘T deitada’ que propón o Eixo integraría a Lugo no Corredor Atlántico de mercadorías

A segunda proposta para a provincia é a optimización da conexión Monforte de Lemos – Venta de Baños, para acadar un servizo competitivo en viaxeiros e mercadorías. Este treito incorporaríase ao Corredor Atlántico, unindo deste xeito os portos galegos á rede  ferroviaria europea. A intervención obtería fondos do mecanismo financieiro Conectar Europa. En conxunto co anterior punto, crearía a ’T deitada’ a través do noroeste peninsular.

A terceira e derradeira aposta do Eixo Atlántico é a mellora da liña que une as cidades de A Coruña e Lugo, abandonada dende o Plan Galicia de 2003.

ÚLTIMAS

Ainhoa Arteta inaugura coa súa potente voz e ante un cheo total o novo Auditorio Fuxan os Ventos de Lugo

Tras oito anos de espera, este venres abriu as súas portas o novo auditorio...

O luns abre o prazo para apuntarse nas actividades da Reserva Terras do Miño

A Deputación de Lugo abrirá o vindeiro luns o prazo para inscribirse nas novas actividades ambientais...

Denuncian un home en Lugo por levar un martelo-machete de cociña e un coitelo na vía pública

Axentes da Policía Local de Lugo identificaron e denunciaron a un home que portaba...