A alcaldesa de Lugo destaca que a aprobación do 5% da PXOM supuxo un “fito” para a cidade

A rexedora espera ser recibida polo presidente da Xunta para abordar "temas de interese" para a cidade.

A alcaldesa de Lugo, a socialista Lara Méndez.

A alcaldesa de Lugo, a socialista Lara Méndez, asegurou este luns que a aprobación do cinco por cento do Plan Xeral de Ordenación Municipal (PXOM) supuxo un “fito” para a cidade. Así o manifestou despois de que o xoves da pasada semana saíse adiante ese cinco por cento cos votos do grupo socialista e popular, mentres que o BNG votou en contra e Cs abstívose.

“Foi un fito para o Concello, pero sobre todo para aquelas persoas que ven afectadas pola mellora e a inclusión da aprobación do cinco por cento do plan xeral. Falamos deses case 60 núcleos que afectan á zona rural e vailles a permitir asentar poboación”, destacou.

Sobre todo, incidiu no “necesario” que era para o “desenvolvemento” a zona rural, que para o seu goberno “é moi importante”. “Cando fomentamos o rural facémolo con feitos e non só con palabras, cando hai outras administracións como a Xunta que non se cansa de dicir que mira para o rural, pero mírao de lado porque realmente non fixo ningunha política activa para fomentar todas esas actuacións que son necesarias para o asentamento da poboación e o incremento de servizos”, afeou ao Goberno galego.

TEMAS PENDENTES

Doutra banda, Lara Méndez confirmou que aínda “non” recibiu resposta por parte da Xunta á invitación que se cursou polo Concello para abordar temas “pendentes” da cidade co presidente autonómico, Alfonso Rueda.

A rexedora de Lugo confía en que en “breve” a poida recibir Rueda, e “se lle poida trasladar persoalmente as necesidades do Concello, das que é coñecedor porque leva 13 anos como vicepresidente do goberno da Xunta”.

Ten que ser coñecedor das demandas do Concello, o que si espero é que esa reunión sirva, á súa vez, de desbloqueo e non que se sigan bloqueando demandas tan importantes como a rolda Este, o cuartel de San Fernando ou como pode ser o Plan Paraday e outras necesidades novas que van xurdindo, porque mentres non pechemos etapas e capítulos non seremos capaces de xerar novas necesidades e así seguir crecendo”, reivindicou. Lara Méndez anunciou que a “finais deste mes” contarase xa coa praia fluvial que impulsa o Concello e atribuíu á empresa un “certo atraso” nas obras.