InicioPolíticaUn novo intento de externalizar o servizo de grúa de Lugo acende...

Un novo intento de externalizar o servizo de grúa de Lugo acende á oposición

A remunicipalización da retirada de vehículos foi aprobada en 2015, mais o executivo local di que é un contrato provisional ata que o cambio na xestión sexa efectivo

PUBLICADA O

- Advertisement -

O Concello de Lugo asume que non poderá asumir no futuro próximo a municipalización do servizo de grúa. No canto de executar o expediente aprobado polo pleno da coporación en novembro de 2015,  tentará redimensionar o contrato de explotación, nestes intres expirado e en mans de Cechalva, filial de Vendex e investigada no marco da Operación Pokémon.

Esta empresa obtivo o contrato en 2005. O acordo estaba sobredimensionado, como recoñeceu o executivo, mais foi prorrogado en 2015. Foi unha decisión polémica, con Cechalva no sumario xudicial por supostos sobornos no proceso de contratación. Daquela existía xa un acordo unánime no pleno da corporación para que os servizos municipais realizaran a recollida de vehículos.

Como estaba previso, o contrato expirou en 2016, co expediente de municipalización paralizado. Dende entón, o executivo segue pagando á empresa polo servizo, malia que as grúas pasaron a ser de propiedade pública, e o mantemento do material e as instalacións corresponde ao Concello. Cechalva percibe unha media de medio millón de euros anuais pese á ausencia de contrato, porque a corporación asume o déficit do servizo. Trátase dun contrato demasiado grande para o número de vehículos que son recollidos en Lugo, catro ao día.

Así as cousas, este é o segundo intento en 2018 de lograr a contratación da grúa e eviar así seguir pagando a Cechalva. Desta vez, o goberno local opta pola apertura dun procedimento negociado sen publicidade, a proposta do servizo de Contratación, ante a ausencia de ofertas no anterior procedemento. Deste xeito, convidará ás empresas que operan en vilas e cidades de máis de 20.000 habitantes, publicando un anuncio no Perfil do Contratante para garantir a necesaria concorrencia.

O prazo de presentación de propostas é de corenta días, para un contrato dun ano con opción a outro de prórroga. Os pregos inclúen unha cláusula mediante a cal o contrato poderá resolverse sen indeminzación para a adxudicataria se o expediente de municipalización confirma o cambio no modelo de xestión.

A situación non pasou desapercibida na oposición. Nas filas do Partido Popular consideran un “escándalo” e unha “provocación” a insistencia en entregar a xestión da grúa a unha empresa privada. Enrique Rozas, vicevoceiro dos conservadores, alerta de que “esta nova ocorrencia continuará a agrandar o burato económico do servizo”, que dende 2006 ten un déficit promedio de medio millón de euros que asume o Concello. “A manobra de Lara Méndez confirma a súa falta de respecto á hora de acatar os acordos do pleno”, remachou Rozas.

Sobre estas alusións polo servizo deficitario, o voceiro socialista, Miguel Fernández, replicou que “se fora un servizo tan lucrativo como din, teriamos quendas para o contrato, cousa que non ocorre”. Fernández asegurou que dende o Concello non miden a rendibilidade “en termos economicistas, como fan as dereitas, senón en termos sociais”.

Dende Alternativa Cidadá de Esquerdas esixen a convocatoria da comisión que debe tratar o expediente de municipalización do servizo de recollida de vehículos. En palabras do representante da formación, Carlos Portomeñe, o goberno local “prolonga unha situación ilegal”, e non ten “a mínima intención de traballar no expediente de municipalización”.

Portomeñe insistiu en que tentarán impedir que a empresa que na actualidade opera o servizo poida seguir percibindo diñeiro público sen cobertura contractual, situación na que xa cobrou máis dun millón de euros da corporación municipal, e que está intervida xudicialmente “xusto por fraude no concurso no que saiu adxudicataria do servizo”.

Para ACE é inxustificable sacar unha nova licitación “cando hai case tres anos que o Concello está en disposición de recuperar a xestión pública do guindastre”. Din non entender como, despois do fracaso do concurso anterior, mantense o prezo de 540.000 euros anuais, máis alto ca no contrato extinguido, a pesar de que as grúas son agora de propiedade municipal.

O equipo de goberno que dirixe Lara Méndez argumenta que o proceso de contratación negociado levará a un contrato ponte, como recomendan os informes técnicos, mentres non poda realizarse o expediente de municipalización. A tramitación dos pregos é unha obriga porque o servizo de grúa está sen contrato, explicou a rexedora, e a cidade non pode quedar sen el por cuestións de regulación no tráfico.

Malia dispor de grúas de titularidade pública, o informe da Xefa de Persoal acredita que ningún funcionario en plantel pode desempeñar as funcións desenvolvidas por Cechalva. A falta de funcionarios tamén obrigará a externalizar a elaboración dos informes preceptivos, paralizados dende finais de 2015. Estes trámites de externalización dos estudos, iniciados trala aprobación dos Orzamentos que entraron en vigor en abril de 2018, fracasaron ante a negativa das universidades de formalizar este encargo.

ÚLTIMAS

Ferida unha muller por arma branca nunha liorta entre catro persoas

Unha muller resultou ferida ao ser alcanzada por unha arma branca durante unha liorta...

Accidente de tráfico en Chantada: bombeiros liberan ao condutor atrapado

Os bombeiros liberaron empregando material de excarceración ao condutor dun vehículo que sufriu un...

Ángeles Vázquez ve igual de importante o expediente de Altri como o de ampliar unha granxa

A conselleira de Medio Ambiente, Anxos Vázquez, asegura que é "igual de importante" para...

Alfonso Rueda e Ana Pontón coinciden no San Froilán

O presidente da Xunta e líder do PPdeG, Alfonso Rueda, e a portavoz nacional do BNG, Ana Pontón,...