A Sala do Social do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) recoñeceu o dereito dunha traballadora con dous fillos menores de doce anos a que a súa empresa a cambie de sede xeográfica para conciliar a súa vida familiar. Contra o fallo cabe presentar recurso ante o Tribunal Supremo.
Na sentenza, con data do 25 de maio e da que informou este sábado o alto tribunal galego, os maxistrados admiten o dereito dunha empregada dun supermercado da cadea Mercadona, situado na rúa Rafael Dieste de Lugo, a adaptar xeograficamente o seu contrato e, por tanto, ao traslado ás instalacións que a compañía ten en Vilalba, o seu lugar de residencia, para que poida conciliar a súa vida familiar.
Segundo consta na sentenza, a muller solicitara previamente unha redución de xornada para poder atender aos seus fillos, así como o traslado a Vilalba. Ademais, o fallo sinala que, con posterioridade ás peticións desta traballadora, a empresa converteu en fixos a dous empregados do centro do municipio ao que a muller pedía ser trasladada.
No documento, os maxistrados destacan que os dereitos de conciliación son “dereitos fundamentais, dada a súa vinculación coa prohibición de discriminación sexista e co dereito á intimidade familiar”. “Ao non concretar a empresa como afectaría á súa organización acceder á pretensión solicitada pola empregada, máis aló desa oposición xenérica, habemos de concluír que a negativa empresarial a estimar a súa petición é inxustificada, inoperativa e, polo tanto, vulnera o seu dereito á conciliación”, subliñan.
ADAPTACIÓN XEOGRÁFICA
Deste xeito, na resolución, o alto tribunal galego considera a “adaptación xeográfica” como manifestación da conciliación familiar e conclúe que o artigo 34.8 do Estatuto do Traballador “ampara un cambio de centro” por razóns de “conciliación familiar”.
Con todo, subliña que a persoa traballadora debe “acreditar que a adaptación é necesaria para facer efectiva a conciliación” e que as peticións solicitadas sexan “razoables e proporcionais” en relación “ás súas necesidades e as necesidades organizativas ou produtivas da empresa”.
POSTURA DA EMPRESA
Pola súa banda, a empresa explicou que “sempre ten en conta os dereitos de conciliación da vida persoal e familiar” de todos e todas as traballadoras. Así mesmo, sinala que, por “política de empresa”, todas as persoas traballadoras se contratan no domicilio da súa residencia e, despois, “se deciden cambiar o seu domicilio, a empresa non pode prexudicar a conciliación doutros traballadores para dar satisfacción a un interese individual”.