O xulgado do contencioso administrativo número 1 de Lugo emitiu un fallo, con data 28 de decembro, polo que se condena a Consellería de Sanidade a incoar un expediente sancionador contra Aqualia e o Concello de Rábade polo mal estado da auga da traída.
Esta sentenza prodúcese despois que Sanidade -nunha resolución do 4 de xuño de 2020- desestimase o recurso de alzada que presentara unha veciña da Avenida Vilalba, en Rábade, que denunciara o mal estado da auga o 13 de xuño de 2019.
Agora o fallo xudicial estima que, “á vista da denuncia formulada” e “os elementos indiciarios obrantes no expediente, estase en condicións de afirmar que os feitos merecen ser investigados, e por tanto ha de incoarse un procedemento sancionador onde se dilucide, con todas as garantías procedimientales, o que aconteceu coa subministración da auga potable durante os días 13 e 14 de xuño de 2019 na localidade de Rábade”.
PROBAS “MÁIS QUE SUFICIENTES”
No fallo exponse que “a analítica do laboratorio AMSlab da mostra recollida o 13 de xuño de 2019, a acta notarial acompañada de fotografías, os vídeos ilustrativos da características da auga destinada ao consumo humano, e as queixas xeneralizadas dos veciños supoñen un conxunto de probas indiciarias máis que suficiente da posible comisión de feitos constitutivos de infracción en materia de saúde pública“
“E en consecuencia, neste caso, resultaba obrigado incoar un procedemento, con independencia da consecuencia xurídica que no seu caso, con liberdade de criterio, a consellería de Sanidade puidese aplicar”, sostén.
Así, o contencioso de Lugo sostén que “non é de recibo que ante o grave incidente ocorrido coa subministración de auga potable, que segundo parece durou máis de 12 horas, a Consellería decida arquivar a denuncia presentada e requirirlle ao alcalde de Concello de Rábade que no futuro adopte medidas; precisamente no dito requirimento vai implícito o recoñecemento por parte da administración de que a actuación municipal foi irregular”.
SEN XUSTIFICACIÓN PARA NON INCOAR SANCIÓN
Finalmente, advírtese que se considera que “a resolución impugnada de non incoación é arbitraria e inxustificada”, e “en consecuencia, procede a estimación do recurso” desta veciña de Rábade que denunciaba os feitos, “ordenando a apertura do expediente como se solicitaba na denuncia e no súplico da demanda, pretensión para a que está lexitimada a actora”.
Por todo iso, o xulgado contencioso administrativo número uno de Lugo “estima” a demanda interposta contra a Consellería de Sanidade e “condena” á “administración demandada a que proceda, no prazo dun mes (desde o 28 de decembro) a incoar, así como a resolver en prazo, o correspondente expediente sancionador pola demandante”. As costas procesuais cárganse sobre a Xunta, neste caso sobre a Consellería de Sanidade.