InicioCulturaLeandro Barea, arte urbana de Fingoi con 127.000 seguidores: "a Pista Vermella...

Leandro Barea, arte urbana de Fingoi con 127.000 seguidores: “a Pista Vermella era a horta dos meus avós”

É o cuarto artista de rúa entrevistado por Guido Álvarez nesta serie, e, de entre todos, o que ten máis tirón nas redes. Ademais diso, destaca por ser o máis orientado á critica social e a un humor ácido que leva anos conquistando a Lugo e ó mundo. Un grande, de Fingoi: Leandro Barea

PUBLICADA O

- Advertisement -

GUIDO: Cando foi a primeira vez que pintaches na rúa? Como foi?

LEANDRO: Pois a verdade non recordo. Sei que foi pola época da miña etapa na Escola de Artes Ramón Falcón, alá na prehistoria. Pero si recordo que era complicado atopar spray e material decente para traballar.

G: Sei que es do barrio de Fingoi, de preto da Pista Vermella. Tes sentimento de barrio? Segues vivindo en Fingoi? Que significa Fingoi para ti?

L: Son, si. A casa dos meus avós estaba xusto onde está hoxe o centro de saúde de Fingoi, a Pista Vermella era parte da horta que tiñamos. Agora vivo no barrio de Montirón, pero teño moi bos recordos de Fingoi sendo neno. Eran os putos 80, xogabamos ás agochadas tratando de non pincharnos coas xeringas dos ionquis. Hepatite C e diversión sen fin, toma sentimento de barrio. Paso polo barrio con regularidade e agora en comparación con fai trinta ou corenta anos é moito máis soso. Hai menos nenos e menos vida na rúa (como en todas partes). Paseino moi ben sendo neno e unha das cousas que me marcou do barrio foi que faciamos o gamberro todo o santo día, agora sígoo facendo doutro xeito sendo xa un pureta.

“Paseino moi ben sendo neno e unha das cousas que  me marcou do barrio foi que faciamos o gamberro todo o santo día, agora sígoo facendo doutro xeito sendo xa un pureta”

G: “Más futvol por fabor” é unha das túas obras máis famosas. Escoitei que foi famosa incluso na contorna da FIFA. Como é esta historia?

L: Esa historia da FIFA non a sei pero está ben que a historia sexa como unha bola de neve (haha). Certo foi que “troleei” a Cristiano Ronaldo no aeroporto de Madeira. Moita xente pensou que fora Photoshop, pero non. Aquí en España non saiu na prensa porque as mans de Florentino sonche moi alongadas.

Obra de Leandro Barea no Carril dos Fornos, en Lugo | Foto: Guido Álvarez Parga
Obra de Leandro Barea no Carril dos Fornos, en Lugo | Foto: Guido Álvarez Parga

G: Que pensas do momento actual que vive a arte urbana? E concretamente do seu momento en Lugo?

L: Agora a arte urbana é mainstream e como todo o mainstream perde parte do seu significado inicial e pasa a ser algo reinterpretado alá onde chega. Tamén en Lugo, evidentemente. O bo que ten a rúa é que podes poñer unha mensaxe que vai ver todo dios (sábecho ben a publicidade), pero agora nas rúas das cidades en xeral hai demasiada peza decorativa. “Murales sin contenido para gente que no les presta atención” como di Daniel Muñoz (gran muralista extremeño por certo).

“Agora a arte urbana é mainstream e como todo o mainstream perde parte do seu significado inicial e pasa a ser algo reinterpretado alá onde chega”

G: De todos os artistas urbanos lucenses es, dende o meu punto de vista, o que busca lanzar máis mensaxes directas dende a pintura. E tes moi boa resposta da xente. Creo que moitas das túas causas ou intencións son compartidas por moitos, e moitas persoas atopan no teu humor ou crítica algo co que expresarse eles. Tes a mesma sensación? A túa cantidade de seguidores é xigante e parece que veñen de todo o mundo.

Trato de que sexa así, supoño que é deformación profesional da miña etapa como ilustrador de prensa. Estou moi contento e sorprendido coa resposta da xente certamente. Ségueme xente de moitas partes e é xenial no mundo de hoxe que dende Lugo poda ver o teu traballo o teu veciño do terceiro, pero tamén alguén en Oslo, Medellin ou Santiago de Chile. Un flipe.

Obra de Leandro Barea no paseo do Miño, en Lugo | Foto: Guido Álvarez Parga
Obra de Leandro Barea no paseo do Miño, en Lugo | Foto: Guido Álvarez Parga

G: Viviches algunha vez fóra de Lugo, verdade? Onde?
L: Si. Coruña, Santiago e Toledo.

“é xenial no mundo de hoxe que dende Lugo poda ver o teu traballo o teu veciño do terceiro, pero tamén alguén en, Oslo, Medellin ou Santiago de Chile. Un flipe”

G: Que significa Lugo para ti? Cales son os teus lugares favoritos da cidade?
Nacín aquí, xa estou acostumado. Se é na cidade escollería a zona do Campo Castelo, e fóra dela o paseo do Miño cerca da depuradora vella. Vou moito.

Obra de Leandro Barea no Agro do Rolo, en Lugo | Foto: Guido Álvarez Parga
Obra de Leandro Barea no Agro do Rolo, en Lugo | Foto: Guido Álvarez Parga

G: Última: que mensaxe che gustaría deixarlle á xente de Lugo?
Un gran consello para a vida, que procuren non baixar as escaleiras coas mans nos petos.

ÚLTIMAS

A redacción do proxecto para construír unha residencia na Pastoriza será financiada pola Xunta

A conselleira de Política Social e Igualdade, Fabiola García, reuniuse co alcalde da Pastoriza,...

Accidente en Guitiriz con tres vehículos implicados e un ferido

Varios vehículos víronse implicados este venres, pouco antes do seis da madrugada, nun accidente...

Abadín rexistra 62 litros por metro cadrado debido á borrasca Caetano

A borrasca Caetano, que este xoves obrigou a activar diferentes alertas laranxa e amarela...

Un bus urbano causa danos nunha vivenda en Lugo tras saírse da vía e un dos pasaxeiros resulta ferido

Un bus urbano de Lugo sufriu este xoves un accidente de tráfico e causou danos nunha...