InicioMedioambiente e Patrimonio"Temos que aprender da arquitectura rural galega: é superintelixente"

“Temos que aprender da arquitectura rural galega: é superintelixente”

Raúl Veiga, presidente da delegación do Colexio de Arquitectos en Lugo, repasa a fisonomía do casco vello da cidade de cara ao encontro solar deste venres

PUBLICADA O

- Advertisement -

Este venres Lugo alberga o I Conéctate ao Sol, o encontro solar organizado pola Asociación para a Defensa Ecolóxica de Galicia (Adega). Parte do programa da primeira xornada corresponde ao Colexio Oficial de Arquitectos de Galicia (COAG), que estará representado por dous expertos durante un paseo-coloquio acerca do aproveitamento da enerxía no casco vello. Nel participará o presidente da delegación do COAG en Lugo, Raúl J. Veiga, que atendeu a este xornal para contextualizar a arquitectura da cidade.

Como enfocan esta xornada adicada a todos os públicos?

Nós organizamos un pequeno faladoiro sobre como o sol sempre foi tido en conta na arquitectura tradicional, e como funciona nos sistemas construtivos convencionais. A idea partiu de Adega. Eles farán os obradoiros e as charlas de cociña solar, e como é un pouco lenta, pois para entreter o tema, chamáronnos a nós. Estará José María Alonso, arquitecto autor do Plan Director da Catedral de Lugo. O faladoiro que faremos é coloquial, sen datos técnicos, con lenguaxe común.

Queremos enfocar o paseo pola contorna do encontro solar, dende a Praza Maior, vendo a Catedral para explicar a arquitectura masiva fronte a arquitectura lixeira contemporánea, baseada en materiais illantes. A Catedral é un exemplo de edificio de pedra no que a capacidade de regulación térmica a outorga a inercia do material, e non o illamento.

E xa na Praza Maior, queremos explicar algo moi galego como son as galerías. Alí temos varios exemplos da galería como captador solar, do que son boas galerías e malas galerías, e do que son galerías e o que son só ventanais.

Cales son as características, de estilo e función, do centro histórico?

O casco vello de Lugo deriva case todo do burgo medieval, con pequenas trazas romanas. Perdeu un pouco as súas características cidadás e habitacionais, porque abandonouse un pouco, pero segue a ser un centro moi activo. O núcleo da cidade –na miña opinión como cidadán– está bastante ben conservado, non ten moitas agresións, e as construccións contemporáneas foron bastante respectuosas.

Arquitectura da Tinería | OB
Arquitectura da Tinería | OB

Houbo unha conciencia espontánea, por dicilo dalgún xeito, por parte do habitante cara un tipo de arquitectura; ás veces un pouco afectada polos intereses comerciais, do que nos decatamos todos. Pero é un casco antigo moi ben conservado, e mellor que o estará, porque a orientación tanto de particulares como de administracións é nese senso, de conservalo e reactivalo.

Cales son as solucións constructivas que das que igual non nos decatamos?

Sempre a orientación, sempre hai que buscar a orientación e a forma de construcción favorables ao soleamento. Hai que facer casas coa menor fachada posible cara o norte, e coa menor cantidade de ocos posible; isto é algo que sabían moi ben os constructores tradicionais. A arquitectura contemporánea ten outro tipo de criterios, de solicitudes e de técnicas; algunhas máis pasivas e outras máis activas. Tanto a norma como a conciencia cidadá van no senso do aforro enerxético, e cada vez terán máis en conta estas solucións.

A tendencia é cara a fontes caloríficas de pouco consumo e edificios con pouca pérdida térmica. Algo que sempre se fixo, que sempre foi así, pero que se perdeu durante a industrialización porque as fontes de enerxía eran baratas, perdeuse a capacidade de aforro enerxético. Agora volveu pola conciencia da xente e a regulación da construcción.

Lugo ten que porse a punto nestes aspectos?

Menos ca outras cidades. A construcción é moi masiva e non ten tantos problemas en comparación coa que se fai agora, que ten que recobrar as capacidades das inercias térmicas a base de illamento. Lugo non é unha cidade problemática, ten os problemas dunha cidade fría en inverno; hai que ter en conta a orientación do edificio e dos ventanais, pero son técnicas de proxectamento.

En Lugo non conservamos casas romanas, que tiñan sistemas moi intelixentes de calefacción. Temos exemplos disto no Mitreo. A casa rural galega é superintelixente, porque ten poucas perdas térmicas e fontes caloríficas mínimas: as casas de aldea quentábanse co calor dunha ou dúas vacas. Tiñan poucos ocos e os muros moi grosos. Temos que aprender deste tipo de arquitectura.

ÚLTIMAS

Volve este luns ‘Lugo Termal’: descontos en balnearios lucenses para maiores de 50

A Deputación de Lugoabrirá este luns o prazo para solicitar as 1.750 prazas do programa...

Ferida unha persoa en Begonte tras caer nunha cuneta co seu tractor e quedar atrapada

Unha persoa resultou ferida tras caer nunha cuneta co seu tractor e quedar atrapada...

Ferida unha persoa ao sufrir queimaduras por mor dun incendio na súa vivenda en Monterroso

Unha persoa resultou ferida ao sufrir queimaduras por mor dun incendio na campá extractora...

O Goberno ratifica que “nas próximas semanas” abrirá o tramo Melide-Palas de Rei da A-54

O delegado do Goberno en Galicia, Pedro Blanco, ratificou que "nas próximas semanas" abrirá o...