“Non me gusta falar de drama demográfico, nin de problema, nin de agonía. Iso soa a algo irreversible. Nós falamos de reto demográfico, porque os retos pódense gañar e solucionar”. Así o dixo o presidente do Principado de Asturias e secretario xeral da Federación de Socialistas de Asturias (FSA-PSOE), Adrián Barbón, durante un acto do PSdeG esta mañá en Lugo. No evento, centrado na cuestión demográfica, varios representantes socialistas verteron as súas impresións e posibles liñas de traballo para abordar “a nefasta realidade que deixaron once anos de goberno de Feijóo”.
Amais do mandatario asturiano, no encontro participou o secretario xeral do partido e candidato á Presidencia da Xunta, Gonzalo Caballero. Acompañárono nun primeiro momento a secretaria xeral do PSdeG-Lugo, Patricia Otero; a alcaldesa da cidade, Lara Méndez; e a coordinadora de Idea Galicia Lab, Noelia Otero.
Eles foron quen abriron a xuntanza con cadansúa radiografía da situación de Galicia, discursos continuamente salpicados de referencias á “pésima” xestión de Alberto Núñez Feijóo. “Nos anos 50, a provincia de Lugo andaba arredor do medio millón de habitantes. Hoxe, apenas 70 anos despois, temos pouco máis de 330.000 mil. Perdemos máis de 150.000 habitantes durante este tempo e, ademais, a poboación foi focalizándose na capital da provincia e nas cabeceiras comarcais”, sostivo a alcaldesa de Lugo, Lara Méndez.
“PROPAGANDA E PUBLICIDADE” NAS SIGLAS DO PP
“Quizais esta sexa unha das zonas máis abandonadas polas políticas do PP”, dicía tamén Patricia Otero. “Feijóo falaba da lexislatura do rural, pero realmente foi a lexislatura do abandono do rural. O único que fixo o Partido Popular é algo que leva nas súas siglas: propaganda e publicidade“.
Nesta liña tamén se manifestou Gonzalo Caballero durante a súa quenda, na que insistiu nos “70.000 ocupados menos” que deixa Feijóo en Galicia. “Cando ás galegas e galegos se lles pregunta polos principais problemas, falan do emprego, o despoboamento e a crise sanitaria. Iso reflicte a realidade da Galicia na que vivimos”, sentenciou o líder do PSdeG. Acusou tamén a actual Xunta de promover unha Galicia “a distintas velocidades”, en referencia ás desigualdades entre ámbito rural e urbano.
COOPERACIÓN ENTRE GALICIA E A ASTURIAS
“Xa basta de definir e decidir dende as cidades como se ten que vivir no medio rural”, dicía nese sentido o presidente do Principado de Asturias. Para el, o máis lóxico é aumentar o investimento naquelas zonas non urbanas que sofren o “esquecemento” e retraso” na aplicación das políticas demográficas. “O reto demográfico fdebe ser, necesariamente, unha política estatal”, defendeu, para logo engadir os eixos fundamentais sobre os que debe xirar: fomento da rede de servizos públicos, creación de emprego e extensión da comunicación ou accesibilidade á rede.
“Hai unha necesidade imperiosa de que Galicia e Asturias traballen da man. O reto demográfico é un elemento común a ambas comunidades autónomas”, pediu Barbón. Coincidiu con el Gonzalo Caballero, que ve un claro apoio na FSA-PSOE despois do 5 de abril.
Anteriormente, Lara Méndez mencionara tamén outra medida esencial para frear o despoboamento. A rexedora lucense avogou por ter en conta as persoas inmigrantes, que a día de hoxe “son o 10% de habitantes da cidade”.
UN MAPA DE SERVIZOS BÁSICOS
O candidato dos socialistas ao Goberno da Xunta lembrou outro dos seus compromisos de cara a unha posible lexislatura de seu. “Crearemos unha Axencia Galega do Desenvolvemento Rural e o Reto Demográfico, que dependerá directamente da Presidencia”. Desta maneira, dixo, apóstase pola transversalidade na loita contra o despoboamento e contra o abandono do rural. Así, todas as medidas pasarán polo filtro dun “mapa de servizos básicos” para asegurarse de que “o Estado de Benestar penetre en cada bisbarra de Galicia”; “para que todos teñamos os mesmos dereitos independentemente do lugar onde vivamos”.
O ton de campaña electoral foi máis que evidente durante o acto desta mañá, onde tamén se coaron certos avisos para o PP. “Que non o dean todo por feito”, deixou caer Caballero. “Fago un chamamento á mobilización masiva para pasar páxina na Xunta de Galicia. Feijóo ten medo e está nervioso”.