Home Lugo e contorna A USC premia ideas innovadoras de xestión territorial en Galicia

A USC premia ideas innovadoras de xestión territorial en Galicia

0
A USC premia ideas innovadoras de xestión territorial en Galicia
Animais pacendo / USC

O Instituto de Biodiversidade Agraria e Desenvolvemento Rural de Lugo (Ibader) vén de convocar en colaboración co Laboratorio do Territorio (LaboraTE) da USC a terceira edición dos Premios Rafael Crecente a Iniciativas Innovadoras de Xestión Territorial. Estes galardóns foron creados en homenaxe á figura do profesor Rafael Crecente Maseda (1964-2015), considerado como un dos grandes expertos en xestión territorial de Galicia.

A terceira edición dos Premios Rafael Crecente a Iniciativas e Ideas Innovadoras de Xestión Territorial está dotada con 3.000 euros en metálico para as dúas propostas máis valoradas: 2.000 euros para a idea gañadora e 1.000 para a segunda iniciativa máis cualificada.

Este certame pretende servir de estímulo para impulsar a formulación e aplicación práctica de ideas relacionadas co desenvolvemento rural, a conservación do medio ambiente  ou a mellora da xestión territorial en sentido amplo en Galicia. Trátase dun concurso aberto á participación de todas aquelas persoas que remataran a súa titulación de grao ou máster nos últimos cinco anos. O prazo de presentación de candidaturas permanecerá aberto ata o 28 de febreiro de 2020 no enderezo electrónico premio.rafaelcrecente@usc.es.

O QUE SE VALORA

O Consello Científico do Ibader desenvolverá as funcións de comité avaliador, pero poderá solicitar o asesoramento de persoal experto externo. Os membros deste comité valorarán a viabilidade práctica da idea ou proxecto innovador, o impacto na sustentabilidade territorial e a xestión dos recursos en Galicia, así como os seus compoñentes de innovación social, como por exemplo, no eido da xestión da propiedade.

+ posts

DEIXAR UN COMENTARIO

Please enter your comment!
Please enter your name here