A Deputación de Lugo engádese aos actos organizados por Accem Lugo con motivo do Día Mundial dos Refuxiados, este mércores 20 de xuño. O goberno provincial e a organización sen ánimo de lucro ofrecen ao longo desta semana, na capital lucense, diferentes actividades como unha charla a cargo dun refuxiado, a proxección dunha longametraxe, unha exposición de fotografías, así como mesas de información sobre os refuxiados e a inmigración en librarías e bibliotecas da cidade de Lugo.
A deputada de Benestar e Igualdade, Sonsoles López Izquierdo, subliñou que “dende as institucións públicas temos que comprometernos a axudar a todas estas persoas que, por culpa da violencia e da guerra, vense obrigadas a fuxir dos seus fogares para salvar as súas vidas e atopar novas e mellores oportunidades para as súas familias”. A programación de actividade gratuítas procura “visibilizar o grande problema co que contamos na actualidade en Europa, e sensibilizar á poboación sobre a realidade dos refuxiados, pois un testemuño, unha fotografía, a literatura ou o cine son ferramentas e instrumentos de cambio social”.
A deputada asegurou que “o goberno do Partido Popular non amosou ningún tipo de interese coa problemática actual”, como demostraría que “só asumiu un 14,5 por cento dos refuxiados que se comprometera a acoller no acordo establecido entre a Unión Europea e Turquía”. Comparou este enfoque co do actual executivo central, que decidiu abrir o porto de Valencia ao barco Aquarius, que rescatou 629 persoas e foi rexeitado polas autoridades italianas.
Deputación e Accem ofrecen, durante os días 20, 21 e 22 de xuño, diferentes actividades enmarcadas na programación con motivo do Día Mundial dos Refuxiados. Durante estes días estarán dispoñibles en librarías e bibliotecas da cidade de Lugo mesas temáticas con libros sobre migración, asilo, refuxiados, entre outras materias, así como información sobre as actividades promovidas polo Executivo Provincial e Accem. Os participantes son: Biblioteca Pública Municipal de Lugo, Trama, Tótem, La Voz de la Verdad, Balmes, Lectocosmos, Biblos, El Faro de los Tres Mundos, Soños de Papel, Aguirre, Biblioteca Pública Provincial de Lugo.
Tamén, ao longo da semana proxectarase no MUPI de San Marcos unha exposición do fotógrafo argelino Mohamed Said Hamdad, beneficiario do programa internacional de Accem. O venres 22, para clausurar a semana do refuxiado, proxectarase unha película no Salón de Actos do Pazo de San Marcos, co que se busca sensibilizar á sociedade sobre a realidade que atravesan as persoas refuxiadas e migrantes hoxe en día. A película que se emitirá será La buena mentira. Tras o debate sobre o filme, unha persoa solicitante de protección internacional ofrecerá unha charla sobre a súa experiencia persoal.
Accem é unha organización non gubernamental de ámbito estatal, cuxa misión é a defensa dos dereitos fundamentais, a atención e o acompañamento ás persoas que se atopan en situación ou risco de exclusión social. Esta entidade, composta por un equipo humano de máis de 2.200 persoas, está especializada en refuxio e migracións, traballando en prol da inclusión e a igualdade de dereitos, deberes e oportunidades de todas as persoas, con independencia da súa orixe, sexo, raza, relixión, opinións ou grupo social.
29 concellos galegos ofrecéronse a acoller aos migrantes do Aquarius
O presidente da Federación Española de Municipios e Provincias (FEMP) e alcalde de Vigo, Abel Caballero, asegurou este martes que un total de 342 concellos de toda España, 29 deles galegos, ofrecéronse xa para acoller aos 629 migrantes e refuxiados do buque ‘Aquarius’.
Segundo os datos que manexa a Fegamp para o acollemento destas persoas, o Galicia presentaron a súa disposición en firme 29 concellos e as deputacións de Lugo e Pontevedra. En toda España só hai unha deputación máis que polo momento o manifestase, a de Valladolid.
Por provincias, 15 destes municipios están en Pontevedra, 8 na Coruña, 4 en Ourense e 2 en Lugo. Non figuran polo momento na listaxe as cidades da Coruña, Ourense ou Ferrol. No caso da nosa provincia, os incluídos polo momento son Lugo capital e Guitiriz.
Na rolda de prensa, Caballero dixo que, a nivel estatal, neste momento hai case 350 municipios “preparados” para recibir aos migrantes. “Neste momento, xa hoxe, podemos acoller por centos de persoas”, recalcou, para despois precisar que o desprazamento non se producirá antes de que o Executivo “decida cantas persoas quedan e de que forma”.
Así mesmo, declarou que o número de prazas é “elevadísimo”, infinitamente superior aos 629 migrantes do Aquarius”, á vez que destacou o traballo e a coordinación dos municipios neste proceso. “Xa nos coordinamos para que no momento en que o Goberno de España decida que persoas e cantas son, viaxen aos concellos que ofrecemos”, aseverou o alcalde vigués, que matizou que o repartición o fará o Goberno en coordinación coa FEMP.
Así mesmo, asegurou que se lles garantirá “unhas condicións dignas”, aínda que subliñou que as ONG xa están a actuar e que todos os migrantes están a ser “atendidos convenientemente e apropiadamente”. “Todos están a ser atendidos e van ser atendidos polo Goberno ata que estean en disposición estes cidadáns por razóns legais, físicas, sanitarias, de ser acollidos nalgún lugar español”, agregou. Só despois de analizar a situación de cada un farase o reparto territorial, o que “vai tardar uns días”.
Caballero afirmou que xa puxo en coñecemento da ministra de Administracións Públicas, Meritxel Batet, a listaxe dos municipios que se puxeron a disposición da acollida e que “seguen fluíndo” ofertas.