InicioPolíticaRubén Arroxo: "En 2019 a pregunta ten que ser se o PSOE...

Rubén Arroxo: “En 2019 a pregunta ten que ser se o PSOE investirá ao BNG”

O xa ratificado coma candidato do BNG en Lugo di representar a única alternativa – Aspira a unha cidade 'do século XXI' cun equipo que xere ilusión – Aposta pola mobilidade ecolóxica, un urbanismo sostible e a reorganización da administración

PUBLICADA O

- Advertisement -

Rubén Arroxo (Lugo, 1985) é o voceiro municipal e, dende este martes, candidato ratificado do Bloque Nacionalista Galego para as municipais de 2019. É o primeiro en lanzar a carreira electoral na cidade. Conversa con proximidade, nunha das salas da casa consistorial, acerca de comicios pasados, de vellos rivais da formación. Tamén do futuro, de xente que o acompañará durante os próximos doce meses, de perspectivas electorais.

Único candidato, Rubén Arroxo. Aviso para o sistema de Asambleas Abertas, ou ratificación do traballo realizado?

Eu creo que é unha ratificación do traballo que se está a realizar. O debate no BNG foi constante, cada dous meses na asamblea local, sempre con críticas e valoración das cousas positivas no grupo municipal. Estou contento pola valoración da xente nas asambleas, sempre en positivo, aconsellando, buscando minimizar os erros. Entendían que debía seguir o mesmo grupo municipal logo da importante renovación feita hai tres anos. Eu sabía que ao aceptar serían catro anos de compromiso, a nivel persoal hai que valoralo; teño 32 anos, e hai que pensar na carreira profesional, porque isto é temporal. Vendo a valoración, e tendo claro que teño moita ilusión e a posibilidade de facer cousas interesantes en Lugo, aceptei.

Fala de que é algo temporal, pero está disposto a ser alcalde. Canto tempo precisa o Bloque para mudar en alternativa?

Se existe un intre nos últimos vinte anos para que haxa unha alternativa real a Partido Popular e Partido Socialista, será nestas eleccións. No ano 1999, ao BNG faltáronlle menos de catrocentos votos para superar ao PSOE, ser segunda forza e acadar a alcaldía.  Dende aquel ano, é a primeira vez que a situación está así de aberta, cunha situación de base semellante: un PP destrozado en Lugo, e un PSOE que esgotou proxecto, que leva tres anos sen saber que facer, que fai propostas que xa fixo o BNG hai tres anos.

É algo que percibo coa xente na rúa. Hai tres anos, os veciños comentaban que a ver se mantiñamos a representación; logo sacamos dous edís, e agora din que hai que ir a por todas. O PP non vale, é o primeiro partido condenado por corrupción, e dende a Xunta e o Estado castiga a Lugo con investimentos ridículos. O PSOE ten a Lugo paralizado. E hai outros proxectos que se desinflaron co tempo. Hai que apostar por unha alternativa clara, o BNG ten un proxecto claro sobre a mesa e defendeuno todo este tempo.

Que diferencia ao BNG na idea de Lugo do resto de partidos?

Queremos que Lugo entre no século XXI. Seguimos co mesmo modelo de mobilidade que tiñamos na década dos noventa. Nós traballamos moito por modificar o servizo de transporte público, sobre o que fixemos moitísimas propostas; hai que modificar a aposta por transportes ecolóxicos como a bicicleta, e agora parece que o goberno local vai collendo parte das nosas ideas; e avanzar na peonalización, en todo o casco histórico e parte da Ronda da Muralla tamén, pois hai que protexer os nosos monumentos.

Tamén hai que apostar por un novo modelo urbanístico. No ano 2011 aprobouse un Plan Xeral entre PP e PSOE pensado para 330.000 habitantes, cando Lugo ten 98.000. Que produce iso? Que se fagan urbanizacións expansivas, como a das Saamasas, unha urbanización con verdadeiro impacto medioambiental. Mentres, morren os barrios históricos: A Milagrosa, Feixóo, Montirón… van quedando deshabitados e os edificios van caendo. O que temos claro é que hai que apostar pola rehabilitación dos barrios, con plans que aproveiten as Áreas de Rehabilitación e Recuperación Urbana (ARRU), como por exemplo no barrio de Sagrado Corazón.

Como propón o BNG saír da parálise administrativa da que fala?

O primeiro sería adicar seis meses a reorganizar e recuperar o persoal perdido nestes anos en Lugo, máis de 150 traballadores. Unha administración coma esta, con 150 traballadores menos, non pode funcionar, e o estamos a ver en casos como as licenzas, con atascos de ata dous anos porque só hai un arquitecto cando antes había tres. Cos servizos técnicos desmantelados, non hai persoal para realizar os pregos de contratación. A propia seguridade do Concello é preocupante: hai turnos de bombeiros con cinco efectivos, cando para unha saída fan falta catro bombeiros.

A coordinación da candidatura inclúe xente con experiencia municipal, aínda que parte do éxito de 2015 foi incluír xente nova. Que fai falla agora?

Un equilibrio. Xente nova con ilusión e ideas novas. E tamén é indispensable esa xente que coñece a administración, os seus puntos febles e as fortalezas a aproveitar. Ese equilibrio é o que traballaremos; a miña proposta, sobre a que decidirá a militancia e sobre o que hai bastante acordo, é unha lista equilibrada.

Rubén Arroxo, candidato do BNG á alcaldía de Lugo | Cedida

Que vai primeiro, máis gasto social ou xerar máis recursos?

Vai todo enlazado. Unha non ten por que ir en contra da outra. Ten que haber dous equipos. Os servizos sociais do Concello requiren dunha fonda renovación, porque a política social que se fixo é idéntica á do BNG no período 1999-2003. Pasaron vinte anos e todo hai que actualizalo. Iso ten que ir ligado a outro equipo que aposte por crear novos recursos, polos sectores produtivos máis importantes: os vencellados á alimentación, á madeira e o sector turismo. Teremos que traballar sobre os sectores fortes e facilitar a súa ampliación, porque Lugo depende moito do funcionariado e dos servizos. Iso hai que telo en conta.

Lugo ten unha parte rural moi importante. Cal debe ser a filosofía da cidade para non rachar cos sectores agropecuarios, co medio ambiente, coa poboación rural?

Lugo ten 54 parroquias, eu son dunha delas. O Concello é maioritariamente rural e o 10 por cento da poboación vive no rural. Iso hai que telo en conta para estruturar o municipio, porque moitas carecen de servizo de bus, nin teñen saneamentos, nin auga, nin lles chega internet; hai unha serie de eivas que hai que traballar. Nós dixémolo moitas veces, hai que duplicar ou triplicar os orzamentos para as zonas rurais, porque hai parroquias que xa non teñen pistas, teñen os camiños desfeitos pola falta de atención.

Pensamos que hai que conservar os elementos patrimoniais do rural, deteriorados en parte polo plantexamento urbanístico. Neste Plan Xeral aparecían cinco grandes urbanizacións para crear no rural, ao que opoñíamonos. Cremos que hai que procurar un modelo de recuperación, que existan facilidades para quen queira vivir no rural e recuperar vivendas en estado de abandono. Un urbanismo sostible.

O novo goberno central recuperou para a axenda política a cultura. Que lle falta a Lugo neste eido?

Na cultura falta moito. Lugo ten unha historia e un patrimonio impresionantes. Temos museos que gardan os nosos restos patrimoniais e culturais con horarios que case non permiten a visita dos turistas. Fíxose o Museo Interactivo da Historia de Lugo (MIHL), que costou 11 millóns de euros e é o Gaiás lucense, un mamotreto con vinte visitas diarias; e mentres pérdese un edificio de enorme valor como o Cuartel de San Fernando, destinado a un museo galaico-romano co que Lugo sería o epicentro da historia dende a Idade de Ferro ata o Imperio Romano. Debemos apostar pola cultura, investir en cultura, non en obras faraónicas que seguimos a pagar.

Tamén hai que ter en conta a gran cantidade de colectivos culturais de base que temos en Lugo: teatro, asociacións, grupos de música de diferentes estilos… hai que dar presencia a estes grupos para que poidan medrar e darse a coñecer. Así fixo o BNG cando levaba cultura, nos anos 2011 e 2012, coas Festas de San Froilán, e temos que traballar nesa liña.

É complicado facer de Lugo unha cidade do século XXI. Hai que facer pedagoxía.

Os grupos políticos non axudan. Toda Europa reduce a velocidade nas cidades, por seguridade e contaminación, como recomenda a Dirección Xeral de Tráfico. Así o defendimos e o conseguimos en parte. Mentres, un concelleiro da banda de enfrente facía burlas, unha situación de patetismo político. Así é difícil que a cidade avance, con outros grupos cunha mentalidade propia do século XIX, que fan oportunismo político. Nós sabemos que é un handicap pero estamos aquí para cambiar as cousas.

E de repetirse o reparto de edís, cal sería a postura do Bloque na investidura?

Esa é unha pregunta de 2015. En 2019 a pregunta ten que ser se o PSOE vai apoiar a investidura do candidato do Bloque Nacionalista Galego. En todo caso, as decisións as toman as Asambleas, decisións democráticas, e así seguirá a ser porque é o noso funcionamento.

Por que Rubén Arroxo?

A alternativa real a este Concello. O demostramos estes tres anos, temos un proxecto definido para Lugo, e conseguimos explicalo ben á xente. Os veciños din que somos quenes pelexamos polo transporte público, pola zona pública de baño, polas zonas verdes. Está calando na xente o noso modelo de cidade, un modelo real e que ilusiona a quenes queren a Lugo. É o que temos que transmitir e que faremos cando cheguemos á alcaldía.

ÚLTIMAS

A redacción do proxecto para construír unha residencia na Pastoriza será financiada pola Xunta

A conselleira de Política Social e Igualdade, Fabiola García, reuniuse co alcalde da Pastoriza,...

Abadín rexistra 62 litros por metro cadrado debido á borrasca Caetano

A borrasca Caetano, que este xoves obrigou a activar diferentes alertas laranxa e amarela...

Un bus urbano causa danos nunha vivenda en Lugo tras saírse da vía e un dos pasaxeiros resulta ferido

Un bus urbano de Lugo sufriu este xoves un accidente de tráfico e causou danos nunha...

Detida unha muller de 20 anos de idade tras tentar introducir marihuana no centro penal de Monterroso

A Garda Civil detivo a unha muller de 20 anos de idade, veciña de Pontevedra, como presunta...