EFE.- A vicepresidenta da Deputación de Lugo, Maite Ferreiro, asegurou que a institución provincial tentará “respectar” os acordos que xa foron asinados acerca das residencias da terceira idade, pero tamén deixou claro que non pode seguir construíndo e asumindo os gastos de funcionamento de máis centros, porque consumirían todo o seu orzamento.
“O BNG sempre tivo unha postura política. Cremos que é a Xunta de Galicia a que ten que asumir o custo das residencias, porque loxicamente a Deputación non pode facelo e os concellos tampouco”, dixo Ferreiro. Por iso, asegurou que o novo goberno bipartito tentará “respectar os acordos que hai tomados”, pero ao mesmo tempo dixo que se traballará para que “no futuro sexa a Xunta a que asuma esas responsabilidades”.
De feito, dixo que “é sabido que se a mesma Deputación tivese que asumir o custo de todas as residencias, quedaría sen orzamento”. “Unha de dúas, ou queremos disolver directamente a Deputación ao asumir ese gasto tan importante; ou que a Xunta asuma a súa responsabilidade, que é a atención ás persoas da terceira idade”, resolveu.