A candidata de Ciudadanos á alcaldía do Concello de Lugo, Olga Louzao, anunciou este mércores que, se consegue facerse co bastón de mando, baixarase 1.200 euros o soldo e limitará a dous os seus mandatos como máximo: “Non vin á política para lucrarme”, sentenciou.
Así o dixo durante a presentación dos nomes que a acompañarán na súa lista para as eleccións municipais do próximo 25 de maio, na que se rodea de “xente nova, con formación, experiencia profesional e preparada para tomar as rendas do próximo goberno municipal” tras “a parálise e o caos dos últimos anos no Concello de Lugo”.
O cinco primeiros da lista de Ciudadanos serán, ademais de Olga Louzao, que xa encabezara a candidatura de Ciudadanos hai 4 anos, o actual coordinador da agrupación local da formación en Lugo, o avogado Juan Vidal-Pardo, como número dous; a traballadora social Eloina Ingerto, coordinadora territorial en Galicia da Fundación Juan Soñador, que ocupará o número tres; o actual concelleiro Jesús Expósito, que irá de cuarto; e Jacobo Vázquez, avogado con despacho na cidade de Lugo desde hai 15 anos e que será o número cinco.
Olga Louzao destacou que as persoas que integran a lista proceden de distintos ámbitos da sociedade, aínda que todos cun “perfil claro”: “Somos xente de Lugo que non vimos á política a lucrarnos”, subliñou.
PROPOSTAS
Por iso, Olga Louzao avanzou que, se é alcaldesa de Lugo reducirase o solto un 25% con respecto ao que hoxe cobra Lara Méndez, “o terceiro rexedor mellor pagado de toda Galicia”, cun salario bruto de 67.000 euros anuais, dixo a representante de Cidadáns.
“O primeiro que fixo Lara Méndez ao chegar á alcaldía foi subirse o soldo 600 euros con respecto ao que cobraba Orozco, e eu, se chego á Alcaldía, baixareino 1.200 euros, porque o primeiro que ten que facer unha alcaldesa é dar exemplo, e paréceme indecente cobrar 4.800 euros cando hai neste momento 6.000 persoas na cidade de Lugo no paro porque non atopan traballo”, argumentou.
Olga Louzao comprometeuse tamén a estar só dous mandatos no cargo porque, dixo, “Cidadáns é partidario da limitación de mandatos e da renovación nos cargos públicos para que entre aire fresco nas institucións”.