A Deputación arranxará de forma inmediata un muro da estrada provincial LU-P-2913, que une os concellos de Lugo e Guntín desde Coeses a Terlama, e que se derrubou onte a consecuencia das fortes choivas. Está previsto que os traballos para levantar de novo esta construción comecen a semana que vén á altura do quilómetro 5,245, na parroquia lucense de Piñeiro.
Os condutores poden circular con precaución neste punto, debidamente sinalizado polos técnicos da institución provincial. Estes días, o persoal da Deputación vixiará a evolución da estrada neste treito, xa que pode verse condicionada polas abundantes precipitacións. A semana que vén está previsto que a empresa encargada da conservación das vías provinciais nesta zona reconstrúa de novo o muro de contención con perpiaño.
Doutra banda, continúan pechadas por asolagamentos a LU-P-3204 en Monforte; a LU-P-4703 na Pobra do Brollón; e a LU-P-0901 en Bóveda; e o tramo vello da LU-P- 3501 en Navia de Suarna e a LU-P-6502 en Muras polos estragos da auga en dúas pontes. Onte á tarde, os operarios provinciais deixaron aberta e despexada a LU-P-1301 á altura de Pacios, en Pedrafita do Cebreiro, onde caera unha árbore.
No que ten que ver coas nevaradas, hoxe a situación é tranquila e, tal e como informan os técnicos, pódese circular con normalidade polas vías provinciais da Montaña.
