Lugo Monumental celebrou o martes día 3 de febreiro ás 16:00 a súa asemblea anual no salón de actos do centro social Uxío Novoneyra.
Neste encontro abordaron temas como a elección da nova presidencia para a Asociación. Luis Latorre foi reelixido como presidente por unanimidade. Será o mesmo Latorre quen dea a coñecer a xunta diretiva tal como establecen os estatutos.
Por outra parte, os socios valoraron positivamente a programación anual da Asociación e contemplouse manter para o ano 2026 as mesmas actividades, así como as que poidan xurdir durante estes meses. Modificarase a data da SECAL, que pasará a ter lugar en novembro para non interferir na campaña do Nadal dos asociados.
A avaliación económica da asociación resultou positiva logo de aumentar o seu número de socios a 165. Tamén se valorou a xestión económica como “moi prudente” e permitirá a Lugo Monumental gozar dun certo desafogo económico.
Séguese prescindindo de toda subvención ou axuda pública, e a cota anual mantense nos 50 euros. O aumento de gastos polo IPC e o incremento de actividades está compensado coa incorporación de novos asociados.
Ademais das citas anuais da Asociación como o “Milagre de San Vicente” ou o “Truco ou trato” que leva a cabo en Samaín, a Asociación centrará os seus esforzos en dous asuntos prioritarios como son a estación de autobuses e a Zona de Baixas Emisións (ZBE).
A Asociación deu mostras de estar preocupada polo que poida pasar co edificio da estación de autobuses unha vez entre en funcionamento a Intermodal. Experiencias anteriores como o abandono do cuartel de San Fernando ou doutras instalacións tras o traslado dos seus servizos a novas dependencias preocupa enormemente á asociación, polo que entende que hai que ter un futuro definido para esa zona canto antes.
Sobre a ZBE, desde Lugo Monumental sinalan que a pesar das reiteradas advertencias da Asociación desde mesmo antes de licitarse os proxectos, un uso inadecuado dos materiais empregados na reforma do centro histórico está a provocar graves danos na zona.
Ademais disto, presentaranse alegacións á ordenanza reguladora da ZBE debido a que carece de sentido gastar máis dun millón de euros en cámaras que poderían non ser necesarias a criterio da Asociación, que expón un sistema de acceso de “fondo de saco”.
