A Xunta advertiu do “futuro incerto” do proxecto da compañía portuguesa Altri para crear unha fábrica de fibras téxtiles en Palas de Rei ante a “falta de certezas” sobre os fondos europeos de recuperación dos que poden beneficiarse. Sinalouno a conselleira de Economía, Industria e Innovación, María Jesús Lorenzana, en resposta a unha pregunta da deputada do PP Elena Candia durante o pleno do Parlamento de Galicia celebrado este mércores.
“A día de hoxe faltan certezas sobre os apoios económicos e as axudas que vai ter este proxecto”, sinalou Lorenzana despois de incidir en que o de Altri para Palas é unha iniciativa “de primeiro nivel internacional” que, di, “está absolutamente aliñada” cos obxectivos do Mecanismo de Recuperación e Resiliencia que canalizan en España os fondos europeos Next Generation.
Despois de lembrar que a promesa de Altri é investir máis de 900 millóns de euros e a creación de máis de 2.500 traballo, a responsable da área económica no Goberno galego defendeu que a Xunta “fixo os deberes” en tarefas de asesoramento á empresa e que o estudo de impacto ambiental será sometido a información pública “nas próximas semanas”.
Así pois, Lorenzana manifestou que espera que o novo ministro con responsabilidades en Industra, Jordi Hereu, ofreza “máis facilicidades que os seus predecesores” e “cumpra” as promesas “de boa fe” que realizan “no nome de Moncloa” de face a mellorar a chegada de fondos europeos aos proxectos que optan a Pertes e outros mecanismos.