InicioEconomíaImpulsa Galicia e Altri presentan en Bruxelas o proxecto de fábrica de...

Impulsa Galicia e Altri presentan en Bruxelas o proxecto de fábrica de fibras téxtiles sustentables de Palas de Rei

Esta é unha iniciativa pioneira a nivel europeo

PUBLICADA O

- Advertisement -

A sociedade público-privada Impulsa Galicia e Altri, o socio industrial dun dos seus proxectos en carteira, presentaron ante a Comisión Europea os detalles do proxecto da fábrica de fibras téxtiles sustentables de Palas de Rei.

Á reunión, segundo informa Impulsa Galicia, asistiron Enyd López, directora xeral de Impulsa Galicia; por parte de Altri, José Pina, conselleiro delegado, e Carlos Van Zeller, vicepresidente do comité executivo; e por parte da Comisión Europea, Emmanuelle Maire, responsable da unidade de Economía Circular, Produción Sustentable e Consumo do departamento de Medio Ambiente, e José María Ramos Florido, da Dirección Xeral de Medio Ambiente.

Os responsables do proxecto que permitirá a produción de fibras téxtiles sustentables a partir de madeira certificada de Galicia e residuos téxtiles explicaron as dimensións e o carácter pioneiro dunha iniciativa que converterá a Europa en referente de economía circular no sector téxtil.

PROXECTO

Impulsa Galicia destaca que se trata dun proxecto tractor baseado na transformación da madeira en fibra téxtil baixo principios de sustentabilidade e circularidade. Así, pecharase o círculo vital da madeira en Galicia e fabricaranse na comunidade autónoma unhas 200.000 toneladas anuais de fibra téxtil sustentable, utilizando como materia prima principal madeira certificada procedente dos nosos bosques, así como residuo téxtil.

Esta é unha iniciativa pioneira a nivel europeo, xa que integrará nun único proceso a produción de pulpa e fibra, ademais do uso do residuo téxtil. Cun investimento superior aos 800 millóns de euros, estímase que o centro xere 2.500 postos de traballo directos e indirectos e que xere sinerxías con outros sectores crave da economía galega, como o forestal e o téxtil. É o único destas características previsto actualmente en Europa.

A papeleira portuguesa Altri é o líder industrial escollido que custeará o deseño e desenvolvemento da iniciativa ata levala ao momento do investimento. Conforme vaia avanzando o proxecto, explorará alianzas con toda a cadea de valor do sector forestal galego.

PALAS DE REI, O EMPRAZAMENTO ELIXIDO

Tras anunciar Palas de Rei como o emprazamento escollido para implantar o complexo fabril, Altri avanza no estudo de impacto ambiental, o proxecto de enxeñaría, a viabilidade económica, o financiamento e acceso aos fondos da UE.

Na actualidade máis dun centenar de enxeñeiros de varias partes do mundo están a traballar no proxecto e a compañía conta cunha sede permanente na cidade da Coruña, onde hai unha ducia de empregados. O pasado 29 de decembro, o presidente da Xunta, Alfonso Rueda, anunciou a declaración do proxecto como proxecto industrial estratéxico para Galicia, consideración orientada a facilitar a súa tramitación administrativa.

ÚLTIMAS

O Colexio de Arquitectos de Galicia presenta alegacións ao proxecto de Altri en Palas e pide máis información

O Colexio oficial de Arquitectos de Galicia (COAG) acordou presentar alegacións ao Estudo de...

O vello profesor Xesús Alonso Montero volta ao seu instituto de Lugo para unha gran homenaxe

O destacado escritor, lingüista, profesor e ex presidente da Real Academia Galega (RAG), Xesús...

O BNG urxe ao Ministerio de Transportes realizar actuacións na N-6 ao seu paso polos concellos lucenses

O deputado do BNG no Congreso, Néstor Rego, rexistrou varias iniciativas na cámara baixa...

Investigados dous lucenses tras atopar un can abandonado que fora dado de baixa por falecemento

A Garda Civil investiga a dous veciños das localidades lucenses de Castroverde e do Corgo como supostos autores...