InicioEconomíaRevolución das pequenas empresas de bus contra o "oligopolio" de Mombús na...

Revolución das pequenas empresas de bus contra o “oligopolio” de Mombús na Xunta

Presentan unha denuncia no Xulgado do Penal Nº2 de Santiago contra a última licitación, do transporte Vigo-Porriño, concedida tamén á empresa lucense. "A situación da pequena e mediana empresa é dramática".

PUBLICADA O

- Advertisement -

Máis de 50 autobuses concentráronse este mércores ante a sede da Xunta de Galicia, en San Caetano, para denunciar o “oligopolio” exercido por Monbus, respecto da que denuncian tamén que “incumpre” os pregos incluídos nas licitacións, tanto de transporte regular como escolar, concedidas ao grupo, “que suman xa en Galicia 187”.

Ao redor das 11,30 horas, e durante case unha hora, autocares procedentes de Vigo, Santiago, Ourense e Lugo, de pequenas e medianas empresas de Galicia, rodearon o complexo facendo soar as súas bucinas e con carteis nos parabrisas nos que demandaban “cumprir o acordado”.

Tal e como explicou o administrador de Vigbus e vicepresidente de Galibus –asociación que engloba a 20 empresas e 250 traballadores–, Fernando García Fontán, piden ao Goberno galego que “Monbus cumpra cos lotes”.

“Son moitos os puntos que non levan a cabo: non cumpren cos medios materiais, nin ambientais, nin coas expedicións. Os coches están caducados, sen parámetros seguridade, cos que se triplican os servizos. É dicir, utilizan o mesmo vehículo porque non teñen medios. Comprobamos que lles fan falta máis de 600 autobuses para cumprir os 187 contratos licitados”, asegurou Fontán.

Así, denuncian que a compañía emprega unha frota cunha antigüedade superior ao dez anos –tope esixido pola licitación–, e nalgúns casos, mesmo autocares con máis de 16 anos; e incumpre horarios (de media hora, como no do CPI San Vicente da Baña), medidas de seguridade e os seus autocares teñen etiquetas ambientais que non coinciden coa que inclúe a oferta.

“SITUACIÓN DE CLARO OLIGOPOLIO”

Fontán censurou tamén que Monbus acuda ás licitacións en forma de UTE, “con outras pemes que acaba absorbendo, co fin de controlar o sector e nunha clara situación de oligopolio que impide a libre competencia e prexudica aos usuarios”.

A situación da pequena e mediana empresa é dramática. Así conseguen que xa non haxa competencia, limitando a nosa capacidade en conivencia coa Xunta, que non creo que sexa allea a isto”, sinalou o vicepresidente de Galibus, en referencia ao “80% de UTEs que Monbus constituíu e coas que xestiona nestes momentos tanto liñas regulares como escolares”.

DENUNCIA POLO PENAL

Ademais da mobilización desta mañá, os afectados recorreron á vía xudicial, segundo informaron mediante un comunicado. Así, presentaron unha denuncia no Xulgado do Penal número 2 de Santiago, contra a última licitación, do transporte Vigo-Porriño, concedida tamén á empresa de Lugo, “onde se especifican incumprimentos, enumerando as placas de matrículas dos autocares da licitación”.

XUNTA DE GALICIA

A conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vázquez, asegurou que a Xunta de Galicia cumpre “escrupulosamente” a lei de contratos públicos. “Desde a Xunta de Galicia nos últimos anos vimos realizando unha aposta sen precedentes polo medio de transporte público”, afirmou a conselleira, que enumerou, entre outras accións, o cartón Xente Nova.

Ademais, subliñou que están “avalados polo Tribunal de contratos de Galicia” e pola xustiza ordinaria, “despois dos diferentes recursos contenciosos interpostos por parte do sector”. A xustiza “vén dar a razón, de modo continuo, á administración pública”, por tanto “transparencia na xestión e na licitación de todos eses contratos e seguindo escrupulosamente o que marca a lei de contratos”, resolveu.

ÚLTIMAS

O Colexio de Arquitectos de Galicia presenta alegacións ao proxecto de Altri en Palas e pide máis información

O Colexio oficial de Arquitectos de Galicia (COAG) acordou presentar alegacións ao Estudo de...

O vello profesor Xesús Alonso Montero volta ao seu instituto de Lugo para unha gran homenaxe

O destacado escritor, lingüista, profesor e ex presidente da Real Academia Galega (RAG), Xesús...

O BNG urxe ao Ministerio de Transportes realizar actuacións na N-6 ao seu paso polos concellos lucenses

O deputado do BNG no Congreso, Néstor Rego, rexistrou varias iniciativas na cámara baixa...

Investigados dous lucenses tras atopar un can abandonado que fora dado de baixa por falecemento

A Garda Civil investiga a dous veciños das localidades lucenses de Castroverde e do Corgo como supostos autores...