InicioEconomíaA Deputación lanza un plan de sete millóns para a recuperación económica...

A Deputación lanza un plan de sete millóns para a recuperación económica da provincia

Tomé anunciou un decálogo de medidas que inclúen axudas para a hostalaría e o comercio, ademais de accións de apoio e promoción para o turismo

PUBLICADA O

- Advertisement -

O presidente da Deputación de Lugo, José Tomé, presentou este xoves un ‘Plan de Impulso da Economía da Provincia’ dotado con 7 millóns, o que supón o 8% do orzamento da institución. O obxectivo é contribuír a paliar o impacto da pandemia con “dez medidas de apoio, promoción e incentivo do consumo” nos sectores máis afectados polas restricións da covid-19, sobre todo hostalaría, turismo e comercio local.

No acto, ademais do presidente e outras autoridades da Deputación, participaron o secretario xeral da Confederación de Empresarios de Lugo (CEL), Jaime López; así como os presidentes da Asociación Provincial de Empresarios da Hostalaría de Lugo, Cheché Real, e da Federación de Comercio, José María Seijas, cos que o mandatario provincial mantivo unha reunión previa.

Na súa intervención, Tomé defendeu o labor do goberno provincial desde que empezou a pandemia, co desenvolvemento de accións “importantes” para paliar os seus efectos na economía e os veciños de Lugo. Todo iso, precisou, “dentro das posibilidades e cos recursos” dos que dispón a institución.

Non en balde, queixouse de que, despois dun ano, as administracións locais non recibiron “nin un só euro extra” para combater o impacto da crise sanitaria, a pesar de que as necesidades creceron. “Mentres, os gobernos autonómicos, no noso caso a Xunta, si que ingresou xa cuantiosos fondos do Estado en 2020, concretamente 224 millóns, e recibirá máis da Unión Europea”, contrapuxo.

BONOS PARA HOSTALARÍA E COMERCIO

Na súa intervención, Tomé anunciou un decálogo de medidas, que inclúe unha inxección económica de máis de medio millón (510.000 euros) nos negocios hostaleiros e comerciais de todos os concellos da provincia de menos de 20.000 habitantes, co reparto duns 17.000 bonos, cun importe de 30 euros cada un deles, para consumir ou para comprar nos establecementos.

“Estes bonos suporán un beneficio económico directo e inmediato nos negocios e, ao mesmo tempo, terán un efecto multiplicador na economía, ademais de pór en valor e promocionar a hostalaría e o comercio de proximidade da provincia de Lugo”, explicou.

“Temos un antecedente moi próximo que demostrou a eficacia de medidas de estímulo do consumo como esta: a campaña de apoio ao comercio en Nadal. Grazas a esta colaboración da Deputación coa Federación de Comercio xerouse un volume de negocio de máis de 2,3 millóns en compras realizadas en 5.500 comercios”, exemplificou.

‘COÑECE A TÚA PROVINCIA’

A Deputación tamén porá en marcha un novo programa, denominado ‘Coñece a túa provincia’, dotado con 200.000 euros e destinado a fomentar o turismo de proximidade entre os veciños de Lugo, o que contribuirá “á recuperación sustentable do sector turístico e da hostalaría”.

Este programa está dirixido a entidades sen ánimo de lucro de toda a provincia, e ofrece viaxes en pequenos grupos, dunha xornada de duración por distintos puntos da xeografía lucense, seguindo diversas rutas: Lugo Cultural, Rutas Gastronómicas e Agroalimentarias, e Lugo Natural.

Igualmente, co obxectivo de promocionar e incentivar o consumo dos produtos de calidade, a Deputación lanzará o programa ‘Saborea a túa provincia’, que consiste en xornadas gastronómicas e lúdicas por toda a provincia, unha cada fin de semana, na que cociñeiros lucenses colaborarán con establecementos locais para ofrecer pratos con produtos típicos de cada zona. Ademais, haberá actividades para todos os públicos.

Paralelamente a estes dous programas, a Deputación tamén ofrecerá, os fins de semana, actividades de turismo activo e deportivo, e actividades fluviais, para público xuvenil e familiar.

VIAXES EN CATAMARÁN POLA RIBEIRA SACRA

Entre outras actuacións de promoción da Ribeira Sacra no ano no que aspira a ser declarada Patrimonio da Humanidade, a Deputación fomentará as rutas fluviais en catamarán sorteando viaxes.  

AMPLIACIÓN DE LUGO TERMAL A MAIORES DE 50

Do mesmo xeito, como medida para aumentar o beneficio directo do programa Lugo Termal nos balnearios da provincia -en Lugo, Pambre e Pantón-, a Deputación amplía os beneficiarios destes bonos, de modo que poidan participar maiores de 50 anos, e cun acompañante que non teña necesariamente esta idade.

A Deputación tamén inxectará 100.000 euros nos colectivos que impulsan o desenvolvemento do territorio con proxectos vinculados ao medio ambiente e ao rural.  Como exemplo do tipo de iniciativas aos que vai dirixida esta medida, o presidente puxo o plan de recuperación, conservación e aproveitamento económico dos soutos da Reserva da Biosfera dos Ancares lucenses, finalista nos premios Copa de España Creativa 2020, que recoñecen os proxectos máis innovadores e creativos do Estado para favorecer o desenvolvemento do territorio.

E no marco da colaboración “directa e permanente” que a Deputación mantén co tecido asociativo, este ano destinará máis dun millón de euros para asociacións dos ámbitos social, económico, turístico e audiovisual da provincia de Lugo “para prestar unha axuda fundamental a proxectos que teñen un efecto directo no mantemento do emprego e na recuperación económica”.

DESEMPREGADOS DE LONGA DURACIÓN

A Deputación tamén reserva 1,7 millóns de euros para mellorar a competitividade e a rendibilidade do tecido empresarial a través das novas tecnoloxías cun programa mediante o que polo menos 770 autónomos e pemes da provincia “diversificarán e modernizarán a organización da súa empresa, tamén tecnoloxicamente”.

Así mesmo, destina 370.000 euros para a formación de máis de 250 persoas desempregadas de longa duración, en sectores como a atención sociosanitaria a dependentes, e a renovación xeracional no sector vitivinícola.

Finalmente, dedicará 2,3 millóns de euros para promover un programa de fomento do emprego dirixido a 600 mozos, a través do que poderán traballar en empresas, en especial, en entidades do Terceiro Sector.

Na súa intervención, Tomé lembrou, por último, que a este novo decálogo de 10 medidas, súmase a liña ‘covid’ do Plan Único, grazas á que os concellos poden dispor de fondos para medidas sociais e económicas contra a pandemia, en concreto para apoiar o sector servizos, a hostalaría, o comercio e o turismo.

ÚLTIMAS

O Colexio de Arquitectos de Galicia presenta alegacións ao proxecto de Altri en Palas e pide máis información

O Colexio oficial de Arquitectos de Galicia (COAG) acordou presentar alegacións ao Estudo de...

O vello profesor Xesús Alonso Montero volta ao seu instituto de Lugo para unha gran homenaxe

O destacado escritor, lingüista, profesor e ex presidente da Real Academia Galega (RAG), Xesús...

O BNG urxe ao Ministerio de Transportes realizar actuacións na N-6 ao seu paso polos concellos lucenses

O deputado do BNG no Congreso, Néstor Rego, rexistrou varias iniciativas na cámara baixa...

Investigados dous lucenses tras atopar un can abandonado que fora dado de baixa por falecemento

A Garda Civil investiga a dous veciños das localidades lucenses de Castroverde e do Corgo como supostos autores...