Rozas acolle as probas finais do avión civil opcionalmente pilotado “máis avanzado” de España

Primeiras probas de voo do Targus | XUNTA - Arquivo

No aeródromo de Rozas comezaron hoxe as probas finais de voo do ‘Targus’, o avión opcionalmente pilotado civil “máis avanzado desenvolvido ata a data en España”.

Así é como o definen dende a Consellería de Industria, organismo que canda a compañía Indra promoveu estas probas de voo. Alí estivo presente a directora da Axencia Galega de Innovación (Gain), Patricia Argerey.

A nave, feita no polo aerospacial de Rozas (Castro de Rei), está preparada para dar apoio en misións de procura e rescate, extinción de incendios, protección ambiental e do territorio e control de usos do chan, entre outras aplicacións.

Os pasados meses de xuño e xullo, o ‘Targus’ xa completou unha primeira serie de probas nas que, segundo a consellería, “demostrou a súa capacidade para ser pilotado en remoto desde terra e voar de forma autónoma”.  Agora, a aeronave comeza a voar co seu sistema de misión completo, que se compón dun sofisticado radar e cámaras electroópticas e infravermellas xiro-estabilizadas que recollen e envían datos á estación de control en terra en tempo real.

“UN FITO”

As probas en Rozas lévanse a cabo cun dron de 1,25 toneladas e 11 metros de envergadura, en espazo aéreo non segregado coma se fose unha aeronave máis. Segundo Economía, é “a primeira vez que un UAV obtén permiso para realizar uns voos coma estes, o que representa un fito para a industria aeronáutica do país“.

O ‘Targus’ realiza todas as probas desta campaña cun piloto a bordo que se encarga de levar a cabo a manobra de despegamento e aterraxe e de ceder á estación de control en terra o mando da aeronave unha vez no aire. Segundo o departamento de Conde, o dobre uso “reforza o atractivo comercial e as capacidades” do ‘Targus’.

En paralelo, segundo informa, Indra concluíu o desenvolvemento do seu centro de misión e procesado de datos, un sistema de información que proporciona utilidades de persistencia, dispoñibilidade, concentración, post-procesado e valorización comercial dos datos capturados por sistemas non tripulados, tanto aéreos como mariños e terrestres.

DEIXAR UN COMENTARIO

Please enter your comment!
Please enter your name here