O BNG trasladará propostas para os 5 millóns que Cultura gastaría no Parador

Ironiza coa proposta da Xunta para o cuartel de San Fernando.

A Concelleira de Turismo, Cultura e Promoción da Lingua, Maite Ferreiro / EP

A concelleira nacionalista Maite Ferreiro, que se ocupa da área de Cultura no goberno bipartito de Lugo, informou este xoves de que lle trasladará ao titular de Cultura e Turismo, Román Rodríguez, propostas para “investir os cinco millóns de euros que ten previstos” para este municipio.

Ferreiro facía estas declaracións aos medios de comunicación ao ser preguntada pola proposta que este mércores presentou en Lugo o propio Román Rodríguez, quen asegurou que a Consellería de Cultura está disposta a investir a metade do que custe rehabilitar o Cuartel de San Fernando para transformalo nun Parador-Museo, unha obra cuxo custo cifrou en algo máis de dez millóns de euros.

A edil de Cultura e vicepresidenta da Deputación, cuxo grupo defende a construción do Museo Galaico-Romano da cidade no cuartel de San Fernando, tirou de ironía e agradeceulle ao conselleiro a súa vontade, “por fin, de investir en Lugo ese cinco millóns de euros”.

Con todo, aproveitou para expresar a súa sorpresa por ese anuncio, porque “é estraño que o conselleiro e a Xunta non conten coas administracións de Lugo á hora de decidir en que se van investir eses fondos nesta cidade”.

DEIXAR UN COMENTARIO

Please enter your comment!
Please enter your name here