InicioEconomíaNovo paso para que os concellos de Lugo poidan cobrar unha taxa...

Novo paso para que os concellos de Lugo poidan cobrar unha taxa ás compañías enerxéticas

A Deputación contratou a asistencia técnica necesaria para implantar esta medida. Grazas a ela, 53 municipios aumentarían os seus ingresos ao establecer un tributo polas redes de subministro eléctrico e de gas colocadas en áreas de dominio público.

PUBLICADA O

- Advertisement -

A Deputación de Lugo deu un paso máis para a implantación dunha taxa municipal que se cobraría ás empresas eléctricas ou de gas polas súas redes de transporte de enerxía. Isto é, aprobouse a contratación da asistencia técnica para que 53 concellos cobren un tributo a estas compañías  polo uso privado ou aproveitamento especial do dominio público local.

En concreto, a Xunta de Goberno contratou a realización de inventarios e informes técnico-económicos para a posta en marcha desta medida. Trátase dunha nova fase que se inclúe dentro do procedemento iniciado no anterior mandato, cando se asinara o convenio con preto do 80% dos municipios lucenses. “Ata agora os Concellos non estaban aplicando ningunha taxa [ás empresas enerxéticas que instalaban tendidos en espazo de titularidade municipal] porque non podían, porque non sabían…”, comentou o presidente da Deputación de Lugo, José Tomé. Grazas a esta medida na que agora se avanza, as administracións locais obterán máis ingresos. Iso traduciríase, segundo Tomé, en máis posibilidades para ofrecer mellores servizos á veciñanza.

ASISTENCIA TÉCNICA

Así pois, neste venres 23 de agosto, a Xunta de Goberno aprobou a adxudicación dos informes técnicos-económicos, un paso necesario para aplicar dita taxa. A empresa adxudicataria é unha UTE, Hijos de Valbuena y Ron S.L e Iurislocalia LSP, e o orzamento que se manexa é de algo máis de 246.000 euros. Esta compañía deberá confeccionar un modelo de ordenanzas fiscais polas que se rexirán posteriormente os Concellos e terá que actualizar o inventario dos tendidos eléctricos de media e alta tensión, así como das liñas de transporte de gas.

Ademais, á empresa correspóndelle o cálculo dos importes das taxas a cobrar, algo que se aprobaría despois nos plenos municipais. Así mesmo, tamén se encargará de estimar os ingresos que obterían as entidades locais e comprometerase a ofrecer asesoramento pericial ante posibles recursos interpostos polas compañías afectadas pola norma.

O prazo de execución deste contrato é de 4 anos, un período que “pode parecer longo”, segundo admitiu Tomé, pero que obedece á dificultade de “adaptar estas cuestións a cada concello”. Con todo, o presidente asegurou que nun prazo de oito meses a empresa deberá ter rematado o inventario das liñas de subministro eléctrico e de gas.

AUMENTAR OS INGRESOS DOS CONCELLOS

“É un proxecto interesante e ambicioso” que procura “intensificar o máximo posible a cooperación” cos concellos, subliñou José Tomé. O obxectivo é aumentar os recursos económicos de cada municipio para logo poder prestar servizos de maneira óptima. En total, son 53 os concellos que se adheriron a este convenio o pasado ano.

ÚLTIMAS

O estanco de Lugo que repartiu 1,25 millóns co terceiro premio vendeu o 11.840 por máquina

O número 11.840 resultou agraciado co terceiro premio do Sorteo Extraordinario de Lotaría de...

Falece un condutor en Navia de Suarna tras caer por un barranco de 10 metros

Un home faleceu na madrugada deste domingo na parroquia de Mosteiro, en Navia de...

Ainhoa Arteta inaugura coa súa potente voz e ante un cheo total o novo Auditorio Fuxan os Ventos de Lugo

Tras oito anos de espera, este venres abriu as súas portas o novo auditorio...

O luns abre o prazo para apuntarse nas actividades da Reserva Terras do Miño

A Deputación de Lugo abrirá o vindeiro luns o prazo para inscribirse nas novas actividades ambientais...