Di o refraneiro popular que para ir á festa ninguén ten eivadas as pernas. Outra cousa distinta son as vésperas. Troulear troulea calquera, pero ten que haber quen ordene a troula. Detrás duns poucos días de música e baile agóchanse moitos meses de esforzo por sacar iso adiante. Un pequeno sacrificio que é asumido con gusto por quen cre que “cando che gusta onde vives e queres facer cousas pola túa vila, paga a pena ser da comisión”.
Así o pensa Manuel López, veciño de Castroverde e membro da organización das festas do Santiago Apóstolo neste 2019. Canda el, outros nove rapaces apuran os últimos preparativos antes dos días grandes da vila. Son o “sangue novo” que vén para mudar e mellorar Castroverde, din.
TRABALLAR TODO O ANO, “NON SÓ DOUS DÍAS ANTES”
As festas do Santiago en Castroverde “estaban de capa caída nos últimos anos, ían a menos”. Había unha sensación xeral de descontento e de queixa pola “pouca implicación” que se demostraba neste asunto, pero ninguén se animaba a coller as rendas. “É normal. Á xente cóstalle dar o paso porque fai falta ter tempo e ganas”, concede Manuel.
As ganas, dende logo, non lles faltan a estes mozos que se estrearon o ano pasado na comisión. Manuel do Serra —así é como o coñecen en Castroverde— conta que se cadra si que inflúe positivamente o feito de que sexan rapaces ben coñecidos no concello. A veciñanza recuperou a ilusión e, “se non é un, é outro quen tira pola xente”.
Con todo, non basta con ter só o ánimo; o nivel de esixencia é alto tanto a nivel económico como a nivel organizativo. Para facerlles fronte aos elevadísimos prezos das orquestras cómpre traballar arreo durante todo o ano, “non só dous días antes”. Para eles a festa deste 2019 comezou ao pouco de baixarse o telón da do ano pasado. Campionatos de tute, unha cea-baile, venda de lotaría… son algunhas das actividades que realizaron para recadar o diñeiro co que sufragar os custos.
Incluso estenderon o traballo ao mundo virtual, xa que coidaron especialmente o tema das redes sociais. “Fixemos ata unha páxina web, que eu creo que iso non é algo que se vexa moito e a xente tamén o valora”, din, orgullosos.
DINAMIZAR A VILA DURANTE TODO O DÍA
Grazas a todo iso e á boa resposta da veciñanza —á que din estarlles moi agradecidos— , puideron dobrar e case triplicar os orzamentos que se viñan manexando nas edicións anteriores. “Había moitas cousas que cambiar. Nós empezamos cunha filosofía diferente xa dende o inicio: temos dous días da típica festa con orquestras grandes, pero tamén temos outros días con música galega, con obradoiros de baile tradicional, con cantos de taberna, xogos infantís, charangas…”, conta Manuel.
As charangas, precisamente, son unha das grandes apostas deste grupo de amigos para avivar as rúas pola mañá e pola tarde. “Traen unha música moi animada, están máis preto da xente e iso gusta moito”, sosteñen, “queremos que se saiba que hai festa!, non só verbena”. Pola noite teñen pratos fortes coma a orquestra Marbella (24 de xullo), a París de Noia (o 25) ou Susana Seivane (o 26), pero a programación está pensada “para que haxa xente durante todo o día”. É unha maneira de favorecer a economía local aínda sen facer xirar a organización unicamente arredor dos negocios.
“Queriamos facer unha festa dos veciños para os veciños”, tíñano claro. “Cando sae ben e ves que vén moita xente, cando se che achega un veciño darche a noraboa polo traballo… Iso é o mellor”. Tamén o é, quizais, o feito de tecer redes entre os castroverdeses e de manter viva a contorna local; sentirse dun lugar —que cousa tan bonita!— e esforzarse por non deixalo esmorecer. Diso se trata.