InicioEconomíaRecuperando oficios tradicionais grazas ao desenvolvemento rural

Recuperando oficios tradicionais grazas ao desenvolvemento rural

A IV Romaxe Artesá da Chaira, que se celebra en Muras, permitirá coñecer e poñer en valor a importancia e o futuro dun sector, o da artesanía, no que seguen aínda traballando milleiros de persoas en toda a provincia. "Muras sempre apostou pola posta en valor dos oficios tradicionais como proposta para a dinamización do rural", destaca Manuel Requeijo, alcalde da localidade.

PUBLICADA O

- Advertisement -

A Veiga, en Muras, acolle este sábado 25 de maio unha enxebre festa na que se reivindica e poñen en valor os oficios e a vida no rural. Durante todo o día haberá un Mercado Rural Agroecolóxico e unha ‘Mostra de Oficios” con dezasete artesáns que darán a coñecer o seu labor noutras tantas disciplinas como son a escultura en pedra, a elaboración de instrumentos musicais, a cestería, a madeira, a forxa, a confección do traxe tradicional, a lá, o coiro, a xoiería ou os xoguetes tradicionais.

SES.RENDE.GAL - Arquivo

SES.RENDE.GAL – Arquivo

 

Falamos con Manuel Requeijo, Alcalde de Muras, sobre esta mostra.

Como naceu a Romaxe Artesá da Chaira?

Dende o Concello de Muras sempre apostamos pola posta en valor dos oficios tradicionais como proposta para a dinamización do rural, intentamos facelo de maneira modesta e coido que ano tras ano avanzamos neste senso, a iniciativa xorde dunha proposta dos Obradoiros Artesáns da Terra Cha aos que lles estamos moi agradecidos por pensar en nós e ofrecernos unha idea con tanto potencial.

Con esta celebración buscades que artesanía sexa a protagonista da festa e non un complemento como pasa en moitos casos. É esa a intención?

Actuación infantil, Títeres Alakrán. Fonte: Concello de Muras

Actuación infantil, Títeres Alakrán. Fonte: Concello de Muras

Buscamos que sexa un revitalizante que a través do proceso artesanal se recuperen procesos mais ecolóxicos e se volva a creación propia, sentida, sen ser un proceso mecánico, ademais de potenciar o desenvolvemento rural a través da recuperación de oficios, que ano tras ano nos demostran os artesáns que é posible.

Hai tradición artesanal no Concello de Muras?

Perdeuse, si houbo moito zoqueiro, ferreiro, cesteiros. Sobre todo, moita xente dedicada a carpintería, pois non había outra maneira de proverse de material para traballar o campo e a gandería.

A ‘Romaxe Artesá’, un ‘mix’ de feira e festa ou nada que ver?

Poderíase dicir unha exaltación das feiras, dese espírito de feira, co pulpo, os postos, o mercado e por suposto a música.

Cantos/as artesáns haberá o sábado e de que oficios?

Haberá 17 artesáns e artesás todo un record e algúns quedaron fóra, non había mais espazo. Os oficios presentes serán do máis variado, dende artesáns da pedra, instrumentos musicais, artesáns da madeira, do coiro , da lá, etc  un amplo abano de oficios que farán as delicias dos asistentes.

Obradoiros e moito lecer para os cativos tamén. Cóntanos.

Os nenos e nenas fomentarán a creatividade e o xogo libre a través dos obradoiros que traballan de maneira sinxela estes oficios, elaborarán xoguetes e complementos a través de materiais e procesos artesanais.

Os adultos, e porque non tamén os pequenos outra vez, farán unha bandexa de vimbio, a cestería é algo que gusta moito en Muras e que sempre atrae moito nas feiras.

Para rematar a xornada, festa rachada e concerto de SES. Que luxo, non?

Festa rachada coa Fanfarria Taquikardia e por suposto con Sés, concertos de luxo para un entorno incrible.

PROGRAMA DE ACTIVIDADES

Ás 12:00 h. está programada unha charla sobre desenvolvemento rural e entre as 11:30 e as 13:00 h. obradoiros para os máis pequenos con creación de broches e xoguetes. Para os máis pequenos tamén haberá outras actividades de lecer como malabares en horario de mañá e de tarde, xogos tradicionais con Xotramu de 16:00 a 19:00 h. e monicreques a cargo de ‘Títeres Alakrán’ entre ás 17:00 e as 18:00 h. Pola tarde haberá tamén un obradoiro de cestería para adultos ás 16:30 h.

No recinto festivo tamén haberá unha exposición dos traballos colaborativos das mulleres do grupo de manualidades de Muras e unha mostra de zocas e zapato artesanal  do zapateiro Pedro Domínguez.

No apartado musical, pola mañá actuará na romaxe o grupo Pingarela e pola noite Fanfarria Taquikardia ás 19:30 h. e SÉS ás 20:45.

ÚLTIMAS

O patrocinio dun clube de alterne no cartel dunhas festas volve xerar polémica en Outeiro de Rei

Un ano máis xurdiu a polémica en Outeiro de Rei pola publicidade que se...

Tres detidos tras desmantelar dous puntos de venda de droga en Lugo

A Policía Nacional detivo a semana pasada a tres persoas tras desmantelar dous puntos...

Ferido o condutor dun tractor tras caer por un desnivel nunha zona forestal de Becerreá

Un home resultou ferido este mércores tras unha caída desde un tractor, que acabou...

Ferido un motorista tras chocar contra un coche en Lugo

Un motorista resultou ferido na tarde deste pasado mércores tras chocar contra un coche...