InicioDeportesJosé Valle: "Hai moito patrocinador novo"

José Valle: “Hai moito patrocinador novo”

O primeiro adestrador de Club Voleibol Emevé Lugo reivindica que "o club medrou moitísimo este ano", louba a un Emevé que "loita cada xornada" e valora a "ampla oferta" deportiva da cidade

PUBLICADA O

- Advertisement -

Que balance fas polo de agora desta volta de Club Voleibol Emevé feminino á Superliga 1? Sodes colistas a oito puntos da salvación con catro xornadas por diante. 

Non está a ser como esperabamos. A nosa intención era manternos. Houbo un treito de tempada, sobre todo á metade da primeira volta, onde non saíron as cousas coma nun principio tiñamos planeado e lévanos a esta situación: estamos en posición de descenso agora mesmo. Aínda quedan puntos, pero a realidade é que é moi complicado.

Como está a situación física da plantilla? Tes algunha baixa ademáis de Natalia Aispurúa?

Lesionóusenos Natalia (Aispurúa) no partido contra Cajasol Juvasa Voley. Foi unha baixa que acusamos bastante, xa incluso nese partido, que perdimos (3-2). Era un deses partidos que tiñamos marcados para tentar gañar, meter presión aos equipos que temos por riba e tentar salvarnos, que aínda dispoñiamos de bastantes puntos nese intre. Exceptuando Natalia, que está aínda en proceso de recuperación e tardará un par de semanas máis como mínimo, o resto da plantilla está ben. Tocando madeira, este ano non tivemos problemas coas lesións, excepto este caso de Natalia.

Mañá xogades en Alcobendas contra Feel Volley Alcobendas a partir das 19 horas. É o cuarto clasificado, pero gañáchedes en Lugo na primeira volta. Dende entón, acumulades dez xornadas sen vencer. Aquela vitoria é a referencia para tentar gañar mañá e aspirar á salvación?

Alcobendas está, un pouco, fóra da nosa liga. E conseguimos gañar en Lugo. Naquel intre, viñamos de perder 3-2 contra Madrid Chamberí e gañar a DSV CV Sant Cugat. Con ese resultado, daba a sensación de despegue un pouco do equipo e asentabamonos na liga. Pero a realidade foi que que non fomos capaces de ser constantes no xogo e non acadamos máis vitorias. Agora, buscaremos ese xogo que levamos toda a tempada tratando de atopar. Tentaremos volver sorprender a un rival que, en principio, é moi superior a nós. Na primeira volta, gañamos cun moi bo partido. Tentarémolo. Por que non?

É a túa sétima tempada coma adestrador no Emevé. Que valoración fas do nivel existente na actual Superliga 1?

A liga ten un equipo que está por riba de todos, que é Minis de Arluy VB Logroño. O resto vai loitar por ser segundos. Está o Barça CVB, que ten moi boa plantilla, mellorou moito a plantilla con respecto aos anos pasados. Despois, está Dimurol Libby,s La Laguna, que incorporou nesta segunda volta a dúas xogadoras americanas que vanlles dar un salto de calidade importante. A incógnita é se vai gañarlle a Minis de Arluy VB Logroño nesa eliminatoria final. IBSA CV CCO 7 Palmas reforzouse moitísimo este ano, ten moi boa plantilla, pero transmite a sensación de ser inestable nese senso. Hai equipos como OSACC Haro Rioja Voley Haro, como DSV CV Sant Cugat, que están en metade de táboa, como tamén Feel Volley Alcobendas. Alcobendas sempre está en Copa da Raíña e loitando por meterse en playoff pola liga. Haro, Sant Cugat e Alcobendas están sempre nesas posicións, non se lles ve esa claridade para poder gañar a liga. Xa despois, estamos os recén ascendidos, coma Madrid Chamberí, ESD Granadas de Elche e nós. Sant Cugat tivo estes anos problemas para manterse, tamén está agora aí, pero a experiencia destes anos van facer que, quizais, non teñan problemas para salvarse. Nós, cunha plantilla moi xove, tentamos manter a categoría e as rapazas que chegaron novas tentaron aportarnos todo o posible. Non foi dabondo, sobre todo pola inexperiencia e por postos chaves que temos ocupados por rapazas de 19-20 anos. É moi complexo que un equipo tan xove aporte rendemento de primeiras.

Como valoras a reacción dos afeccionados, as institucións públicas e os patrocinadores privados nesta tempada?

As institucións, xa dende que acadamos o ascenso, volcáronse con nós, sempre quixeron que estiveramos arriba. Tanto Concello, Deputación coma Xunta. É indubidable que sempre queres máis apoio, pero obviamente hai moita xente coa que repartir. O club, dende a directiva, fixo grandes esforzos durante toda a tempada con diferentes campañas para atraer afeccionados. Si van acadando que veña máis xente. Aquí, lóitase contra un xeito de entender o deporte da cidade. Hai outros deportes coma o baloncesto que arrastra moitísima xente. O fútbol arrastra en calquera cidade, independientemente da posición e categoría. Aquí estamos a xogar nunha primeira división nacional e a xente que ven vernos é quen xa nos seguía en Superliga 2, a que nos seguía habitualmente e si engadimos algún afeccionado. Nese senso, queda moito por facer, pero non polo traballo da directiva, que non escatimou esforzos. Hai moito patrocinador novo. É un tema complexo, vai levar anos trocar a dinámica na cidade.

Quedan catro xornadas, pero dous partidos na casa: Barça CVB e Avarca de Menorca. Que mensaxe lle enviarías a afección?

Á afección que ven vernos tódolos días anímoa a que siga vindo a ver ao equipo, a desfrutar do equipo, máis alá dos resultados, que non nos acompañaron. Temos un equipo que loita cada xornada. Loita independientemente do nivel do rival. É un equipo que se amosa aguerrido, competitivo. Cando perdemos, darlle a noraboa ao rival e a seguir adestrando.

Club Voleibol Emevé é un club de canteira e a súa esencia é a base, segundo nos explicou Bibí Bouza, presidenta do club, en maio pasado. Como o definirías?

É a definición perfecta. Non cambiaría nin puntos nin comas. O club medrou moitísimo este ano. O equipo masculino está en Superliga 2, vaise meter en fase de ascenso e estamos todos a desexar que acade o ascenso. Temos que mellorar a estrutura do club para termar dos equipos sénior en Superliga 1 e non descoidar as categorías inferiores, que é o que levamos a traballar toda a vida. O equipo feminino ascendeu cunha base de xogadoras de aquí, salvo dúas ou tres incorporacións que levan aquí cinco-seis anos. É o camiño que debemos seguir.

Que lembranzas tes do ascenso con esas dúas vitorias contra Madrid Chamberí e coñecer o ascenso no aeroporto de Palma de Mallorca coa derrota de Madrid Chamberí en Elche? 

Acostumo a desfrutar pouco. Cando acadas os obxectivos, pensas xa no que está por vir. Lóxicamente, boas lembranzas porque loitamos toda a tempada para iso. Xa me rompía a cabeza para saber que vas a facer o seguinte ano nunha liga máis esixente.

Que opinas da oferta deportiva da cidade de Lugo?

Non nos podemos queixar. A oferta é ampla. A xente pode optar polo que quere: ten baloncesto, ten fútbol, ten voleibol, ten balonmán, ten esgrima, ten atletismo, ten rugby, ten infinidade de deportes. Calquera neno o nena, adulto ou persoa maior pode desfrutar dunha ampla oferta.

 

 

ÚLTIMAS

Ainhoa Arteta inaugura coa súa potente voz e ante un cheo total o novo Auditorio Fuxan os Ventos de Lugo

Tras oito anos de espera, este venres abriu as súas portas o novo auditorio...

Denuncian un home en Lugo por levar un martelo-machete de cociña e un coitelo na vía pública

Axentes da Policía Local de Lugo identificaron e denunciaron a un home que portaba...

A Deputación destina 750.000 euros a formación dixital para zonas en risco de despoboamento

A Deputación Provincial de Lugo anunciou a posta en marcha do proxecto 'E para...