Ricardo Úriz: “Xa me comecei a atopar moito mellor de sensacións, de ritmo”

O base pamplonés foi unha das mellores novas do Cafés Candelas Breogán onte no Fontes do Sar ao aportar 7 puntos, 4 rebotes e 5 asistencias e facer esquecer os problemas físicos que lle impediron competir durante o treito maioritario da tempada

Ricardo Úriz penetra a canastra onte no Fontes do Sar. Foto de ACB.

Que valoración fas do partido a nivel colectivo? Un encontro marcado polo comezo, non si?

En liñas xerais, fixemos un bo traballo. Ben é certo que Obradoiro sentiuse cómodo en moitas fases do partido e é un equipo que castiga moi ben eses erros que tivemos en defensa. Quizais, eles comezaron máis concentrados o partido. Co paso dos minutos, a eles fíxoselles longo o partido. Reaccionamos moi ben. Matizamos, amañamos uns detalles. Unha mágoa que, ao final, a balanza decantouse para eles, pero creo que o equipo tivo moi boa actitude. O baloncesto é un deporte de detalles e definiuse por un detalle. É unha mágoa, pero tamén eles foron gañando case todo o partido.

Por onde cres que pasaron as chaves para igualar o partido (73-73)? Nos primeiros intres, Obradoiro impúxose claramente a vós, o mellor equipo reboteador da Liga Endesa, con, por exemplo, tres rebotes ofensivos na primeira xogada. No terceiro cuarto, foron moi superiores na anotación na pintura.

Eles castigaron moi ben a nosa defensa na primeira parte. Lérona moi ben. Dominaron, quizais, a primeira parte, pero só remataron con catro puntos ao seu favor. Volveron comezar moi ben no terceiro cuarto, moi acertados. Nós axustamos moi ben. Fomos trocando defensas. Ao final, tivemos as nosas opcións de vitoria. O equipo competiu moi ben. Quédome coa reacción que tivemos fóra da casa, onde non é sinxelo gañar.

Aínda que non estabas en pista, como viches esa derradeira xogada na que Aleksandar Cvetkovic erra a tripla? Moncho Fernández, adestrador de Obradoiro, dixo en rolda de prensa que foi a mellor defensa do seu equipo nos derradeiros cinco minutos.

Nós preparamos unha xogada. É verdade que sobre a pizarra é sinxelo debuxala, pero logo facela é máis difícil. Aí, Obradoiro estivo acertado. Trocaron os bloqueos indirectos. Ao final, lanzamos un tiro que ás veces se mete e outras non. Ogallá puideramos ter tirado en mellor situación para ter mellor porcentaxe e gañar.

Alfio Basile, adestrador arxentino de fútbol, dicía: “Eu aos meus xogadores colócoos ben, o problema é que se moven”. 

Si, era o que che dicía. É moi sinxelo velo dende fóra, logo cando o fas é máis complicado.

Unha das novas máis positivas do equipo foi a túa aportación con 5 asistencias, 7 puntos e 4 rebotes. Que sensacións tes da túa actuación no eido individual?

Pois moi ben. Lévoo dicindo xa tempo. Estou moi ledo de volver ao grupo, de volver xogar, que é o que me gusta. As lesións son o peor para o deportista. No meu caso, foi longa. Volvo con moitas gañas, con moita ilusión de axudar, de estar co equipo, de estar a tope. É quizais o primeiro partido no que xa me comecei a atopar moito mellor de sensacións, de ritmo. Ogallá que, a medida que pasen os partidos, me atope mellor.

Segues con algunha molestia ou dor ou xa te sintes totalmente recuperado?

Nada, nada. Xa levo tempo adestrando co equipo sen molestias. Agora, acadar ese ritmo a base de xogar partidos. Xa o explicaba Natxo (Lezkano) en rolda de prensa: ao final non tiven pretempada. Eses seis-sete partidos fanche coller sensacións, non só a nivel individual, senón tamén cos compañeiros. Ao final, eu, na posición na que xogo, preciso saber como xoga o que está ao meu carón (xesticula), como xoga o outro, como continuar, que vai facer este compañeiro, que características tes ti, que características ten o outro. Iso, pouco a pouco, vouno collendo.

Como viviches o ambiente deste partido entre dous equipos galegos? Non puideches xogar na primeira volta en Lugo. 

Espectacular, espectacular. As dúas afeccións estiveron de dez, co máximo respecto entre elas, cada unha apoiando ao seu equipo. O ambiente que se creou foi moi bonito. Ogallá isto perdure no tempo e que se poidan vivir moitos derbis. Galicia merece estes dous equipos arriba.

Obradoiro abre unha brecha de tres triunfos con respecto a Breogán. Certo é que mantedes o average directo. A pasada tempada, decidíronse oito postos de dezaoito por esta razón. É unha pequena vitoria dentro da derrota xeral aínda que agora mesmo estedes lonxe na clasificación?

Si. Nós temos asumido que o noso papel nesta liga vai ser sofrer até a derradeira xornada. Nós imos pelexar para salvar a Breogán. Imos loitar con todo. O vindeiro partido, imos loitar para gañar. Nós, xunto aos nosos afeccionados, imos ter que pelexar até o derradeiro minuto.

A vindeira xornada é contra Baskonia, onde xogaches, en Lugo. Non puideches xogar na primeira volta no Buesa Arena. Como valoras este partido a nivel sentimental e deportivo? Baskonia pode ter a baixa de Matt Janning porque vai repousar un tempo indeterminado por fascite, segundo confirmou Velimir Perasovic en rolda de prensa. 

Agora todos van ser partidos complicados, moi difíciles. Gipuzkoa perdeu contra Valencia por só un punto. Aquí non hai ningún manco. Recibimos a un coco da liga. A afección poderá ver xogadorazos coma ten Baskonia. A nivel persoal, eu xa me enfrontei moitas veces contra eles. Para mín, o importante é ir collendo ese punto, ese ritmo, que xa o vou acadando. E iso faime moi feliz. Sintes unha miguiña de impotencia cando non o tes. E eu quero axudar ao equipo. Vou seguir nese eido. Ogallá Baskonia poida sofrer no Pazo e nós acadar unha vitoria, que nos daría moitísimo.

DEIXAR UN COMENTARIO

Please enter your comment!
Please enter your name here