InicioDeportesManuel Durán, presidente do Durán Maquinaria Ensino: "A nosa vontade vai ser...

Manuel Durán, presidente do Durán Maquinaria Ensino: “A nosa vontade vai ser toda”

PUBLICADA O

- Advertisement -

Manuel Durán é o presidente do Durán Maquinaria Ensino, que militará na Liga Día, máxima categoría do baloncesto español, na vindeira tempada. Repasa a situación actual do club, adianta a creación dun segundo equipo, os retos da campaña de abonados, a implantación de merchandising, a planificación deportiva, os apoios privados e públicos, a viabilidade do proxecto no futuro, a xestión dos horarios xunto ao Club Baloncesto Breogán, a relación cos outros clubes da cidade e envía unha mensaxe aos afeccionados.

O pasado día 26 de xuño, o club comunicou a inscripción en Liga Feminina 1 “Liga Día”, primeira liga do baloncesto español, logo de acadar o ascenso con 19 vitorias consecutivas, algo moi rechamante pola racha espectacular, por conseguilo en Valencia ante, entre outros equipos, o anfitrión e gañar na final a SPAR Gran Canaria por 19 puntos. Como é a situación actual e as perspectivas do proxecto do Durán Maquinaria Ensino na máxima categoría?

Actualmente, xa temos o principal: a inscripción. O equipo está prácticamente rematado. Reservamos dúas prazas, agora mesmo son tres, pero queremos deixar dúas prazas para xogadoras do ano pasado, que van xogar no club porque imos facer un segundo equipo. Para que teñan cabida. Deixarlles dúas prazas para que suban a xogar co primeiro equipo. Son de Lugo, queren xogar en Lugo, pero entenden que o nivel que esixe a Liga 1 vailles restar minutos e que, se cadra, non van ter todos os minutos para o seu desenvolvemento como xogadoras. Pedíronnos facer un equipo nunha liga inferior para non perder o ritmo. Imos tentar inscribir o equipo en Primeira Autonómica para que elas xoguen todo o tempo que queiran e tentar ascender a Liga Nacional. Podiamos pedilo en Liga Nacional, pero é unha liga cara para o que che aporta. Imos dar un pasiño anterior, coa Primeira Autonómica, si é que nos dan praza. Van xogar as júniors e aquelas que pasan de júnior a sénior e que teña sitio. No deportivo, a plantilla está prácticamente feita. Temos xa nove fichaxes. É un equipo interesante.

O 22 de maio, o club presentou a campaña de abonados e pediu todo o apoio posible. Ata facilita a inscripción en catro sedes diferentes para abonarse e tamén a través de internet. Con prezos asequibles: entre 100, 50 e 20 euros. Cal é o obxectivo numérico de abonados?

Oxalá puidésemos contar con 1000 socios. É un obxectivo que nos fixamos. Entendemos que partimos de moi abaixo. Imos ver. Hai moita xente interesada. Xa hai xente inscrita. Agora pódese facer por internet, co cal xa non fai falta nin desprazarse. Para nós, é unha incógnita porque nos últimos 3-4 anos non se traballou nada este tema. É comezar de cero como quen di. Tiñamos xa 500-600 abonados fai 7-8 anos. Pero foise apagando. Facían moitas cousas con moi poucos cartos e o resto tíñano un pouco abandonado porque eu creo que non había xente para todo. Agora mesmo, imos por bo camiño e esperamos ter esa cantidade que, si non son 1000, que sexan 900, 800, o máximo posible.

Dende o club promovedes unha medida moi interesante ao poñer á venda merchandising: bufandas, cuncas, chaveiros, gorros e gorras. É un aspecto que queredes potenciar para conseguir ingresos, pero especialmente é máis interesante para crear colorido, empatía entre o afeccionado e o club. Con que intención foi esta iniciativa?

Exactamente! Iso é! Máis por organización de club e para que isto funcione. Cos socios de honra, que son 100 euros, entregamos unha bufanda. Darlle un pouco de colorido. Hai afeccións que van coas súas bufandas a tódolos sitios e esperamos que a nosa tamén.

O colorido é algo fundamental. A identificación, darlle vida ao proxecto, colorido, ata por encima dos ingresos económicos. Vencellar as cores a un equipo. Non crees?

Exactamente. Este ano estamos en dúbidas de facer un pequeno cambio coa equipación. Gustounos moito a branca, coa que xogamos a fase de ascenso. As fotos son moito máis bonitas. Os patrocinios vense mellor na branca que na vermella. Coa branca, as fotos son espectaculares. Estamos en dúbidas de probar coa branca. Teremos a vermella e a branca, por suposto, como sempre.

Como valoras a resposta empresarial ao seu proxecto? Gran parte do financiamento vén da súa empresa, Durán Maquinaria, e tamén Cafés Candelas, moi vencellado ao baloncesto.

O noso club non vive só de subvencións. Hai outros clubs que teñen unha parte moi importante do seu orzamento nas subvencións, de axudas públicas, nos avales. Nós, entre empresas privadas, conseguimos unha parte importante do orzamento. Está Cafés Candelas, por suposto, que leva apoiando dende os inicios.

Cafés Candelas, moi vencellada ao baloncesto e coa que a afección ao baloncesto en Lugo sente unha gran identificación e agradecemento. 

Iso é. E Leite Río, que tamén estará connosco, coa marca Leyma. E outras menos ambiciosas, pero que nos botan unha man. E outras que nos faltan por tocar. Teremos que movernos neste tema.

Como valoras a vosa relación coas institucións e cal é a relación actual coas administracións públicas?

Ben. A Deputación é a que máis aporta, despois o Concello e, despois, a Xunta a través de Deporte Galego, que ten o convenio con Abanca. Son as tres que están aportando ao club.

A nivel deportivo, cal é o obxectivo: a permanencia ou máis ambición? Unha Liga Día moi atractiva con equipos como Perfumerías Avenida, Uni Girona ou Valencia Basket.

O obxectivo, para ser cauto, sería manternos. A plantilla que se está a facer invita a pensar que poderiamos estar en media táboa. A Liga ponche no seu sitio. É moi difícil. Hai equipos con moitísimo máis orzamento e experiencia. A nosa vontade vai ser toda. Nestes 11 anos en Liga 2, tivemos equipos moi bos, chegar a fases de ascenso e non gañar nin un só partido. A inercia é moi boa con 19 vitorias seguidas. A xente primeiro tomábao a broma e logo case eramos obrigatoriamente favoritas para o ascenso. Eu díxenlles ás mozas e ao adestrador que para nada era un fracaso non ascender. Eu tíñao claro. Eu estou seguro que, coa política que estamos levando, iamos ter en Liga 2 un dos equipos punteiros para gañar a Liga 2 ou volver á fase de ascenso. A Liga 1 é totalmente diferente e vainos esixir moitísimo máis. Non sei onde nos vai poñer. Veñen dúas xogadoras que van xogar o Mundial. Unha ten 37 anos, pero é unha figura, foi MVP do Afrobasket (Astou Traoré). Unha xogadora que se formou en UCLA (Atonye Nyingifa). A senegalesa é unha súper clase, que xogou en Uni Girona a tempada pasada, xogou Eurocup, ten unha bagaxe espectacular (Astou Traoré). Esta xente ponnos no mapa. Veñen mozas novas. Vén unha rookie inglesa (Jay-Ann Bravo-Harriott). A base estadounidense que xogaba en Canarias foi a mellor en Liga 2 a tempada pasada (Starr Breedlove). Mozas que se quedaron do ano pasado (Regina Gómez, Fiona O´Dwyer). Para nós é tamén importante quedarnos con parte do equipo do ano pasado. Eu quedaríame con todo o equipo. Fóisenos por pouquiño Margaret Roundtree, que para nós era imprescindible. Iso fíxonos cambiar os plans previstos. Nós manteriamos o equipo do ano pasado porque tal e como estaban xogado gañaban sen problema partidos en Liga 1. Tocounos reestruturar un pouquiño e a ver que sae.

Que percepción ten da resposta da xente? O Ensino volve á primeira liga despois de 11 anos. É un club que chegou a dúas finais de Copa e catro semifinais de Liga. Preocúpache que iso cree unhas expectativas excesivas despois de ascender con 19 vitorias consecutivas?

Presión temos, está claro, pero imos facer o que podamos. Non nos poñemos obxectivos porque tampouco nolos puxemos o ano pasado. O ano pasado, cando collemos o club, eramos oitavos ou novenos. Por aquel entón, si chegásemos á fase de ascenso sería un éxito, pero si non chegamos non pasa nada. Cando chegamos á fase de ascenso, dixemos: “a ver si ascendemos”. Pero si non ascendemos non pasa nada. Este ano, o orzamento duplicouse, ata por encima do dobre. É moi difícil conseguir estes cartos. Non sei si poderemos manter este orzamento máis anos que un, ou de dous ou de tres. Depende da resposta do público, da xente. Si a xente apoia e apoiamos todos, nós duplicamos o orzamento, igual que Cafés Candelas. Si todos bótannos unha man, poderemos estar aquí máis anos. Pode ser que fagas unha boa plantilla e descendas, pero normalmente si confeccionas unha boa plantilla acadas a permanencia ou podes loitar por obxectivos. Este ano, a Copa da Raíña está no medio da tempada, co cal a nós non nos prexudicaría en nada facer un bo papel aí porque estamos na liga. Sí que nos complicaría un pouco os playoffs de liga si remotamente tivésemos a posibilidade de chegar. Eu digo remotamente porque non é un obxectivo. Si chegamos sería fantástico, pero non é algo co que nos vaiamos obsesionar. Iso sería máis tempo de competición, máis salarios, máis pisos e máis gastos. A Copa é máis factible porque está no medio da competición. Iso só custaría algún plus máis para as xogadoras. Todo o que supoña un extra é preferible que non nos custe. Pero si é realista, si conségueno na pista, haberá que apoiarlles no que toque.

Que percepción tes da oferta deportiva de Lugo con tanto nivel e con, por exemplo, tres ascensos á máxima categoría na pasada tempada? Temos unha oferta moi superior a outras cidades. 

É unha sorte vivir en Lugo e ter tanta oferta deportiva. En baloncesto, só hai cinco cidades que teñan equipos na elite do baloncesto masculino e feminino. Da nosa poboación, non hai ningunha. Son todo cidades maiores. Isto é bo. Se cadra, as institucións terían que facer algo como un carné común para ver tódolos eventos e que puidesen asistir a todos eles. Porque, claro, facerse socio do Breogán, do Ensino, do Lugo, do Emevé se cadra che complica un pouquiño a economía. Podía facerse algo no futuro. Facer un reparto equitativo entre os clubs a un prezo determinado, a un prezo medio e que a cidadanía puidese compartir tódolos deportes. É difícil. Houbo conversacións sobre este tema.

Unha idea interesante. É difícil axustar os prezos e sectores das gradas porque as instalacións non son idénticas. 

Pero son ideas. Para o futuro nunca se sabe. Entre clubs masculinos e femininos sempre hai diferenzas.

En que situación están as relacións cos outros clubes da cidade?

A relación cos outros clubs é perfecta. Cada un vai ao seu, lóxicamente, porque todos temos intereses nos nosos clubs e precisamos o máximo orzamento. Co que máis nos toca a nós, que é o Breogán, co que compartimos instalación, é perfecta. Agora mesmo, é perfecta.

Como vai ser a xestión dos horarios co Club Baloncesto Breogán ao compartir instalación: o Pazo dos Deportes?

Estamos pendentes de si xa sae o calendario do Breogán porque nós temos que poñer un día e hora de partido. O ano pasado puxémolo ás cinco os sábados para non coincidir co Breogán. Estamos esperando a ver si Breogán xa ten horarios para acomodarnos nós a eles. A ver si facemos que non coincidan e oxalá tivésemos a sorte que cada fin de semana xogase un. Non xogar os dous cada fin de semana porque iso podería atraer ao público. Non teño Breogán este fin de semana, pois baixo ao Ensino. Empregar todo o que temos ao noso alcance para levar máis xente ao pavillón.

Que mensaxe lle enviarías á afección? Gustaríache engadir algo?

Que tente apoiar o máximo posible ao noso equipo. Os que poidan facerse socios, que non o dubiden. Os que non poidan porque non van estar ou por outras razóns, que proben un día. Do mesmo xeito que me enganchei eu, pódese enganchar calquera. Hai que dar espectáculo. Hai que facer bo baloncesto. Nós vímolo. Dende que empezamos a gañar partidos, a xente multiplicouse por dúas ou por tres. E esperamos que siga sendo así. Todo dependerá dos resultados e si facemos bo baloncesto. Con este adestrador (Juan Nécega), facemos bo baloncesto. Quizais non defendamos tanto, pero corremos moito e metemos moitos puntos. O ano pasado, recuperamos nos últimos trece partidos de Liga a situación e acabamos sendo o equipo máis valorado. Con dúas ou tres xornadas máis, seriamos campións do noso grupo. Non houbo marxe. Estamos ilusionados, esperamos que a xente apoie e vexa bo espectáculo. Hai cidades pequenas como Bembibre, cun pavillón espectacular, precioso. Ferrol tivo que cambiar de pavillón e xogar na Malata por dúas tempadas espectaculares, bestiais. O primeiro día conseguiron 800 socios.

ÚLTIMAS

Obradoiros de coiro, cerámica e teares para celebrar os ‘Días Europeos da Artesanía’

A Vicepresidencia da Deputación de Lugo, a través da área de Artesanía, súmase á...

Coñecemos á ‘Galiartesá’, Pepa Lombao, oleira de Bonxe

O Galicia Confidencial presenta a serie 'Galiartesáns e galiartesas' coa que procura visibilizar diferentes oficios artesáns...

O Concello de Lugo defende que os recursos empregados no Ceao foron “suficientes”

A concelleira de Cohesión Social de Lugo, Ana González Abelleira, saíu ao paso das...

Bombeiros dá por extinguido o incendio no polígono de O Ceao e a Policía Científica inicia a súa investigación

Bombeiros de Lugo deu por extinguido este mércores o incendio que calcinou na xornada...