InicioDeportesO Lugo reducirá aforo na grada supletoria por invadir o terreo municipal

O Lugo reducirá aforo na grada supletoria por invadir o terreo municipal

Tino Saqués descarta construír unha nova bancada fixa esta tempada, unha obra para a que pide o apoio da Xunta, por ser este ente o titular do estadio. En canto aos cambios no vestiario, asumiu que Lazo e Valentín "non poderán retornar" ao club.

PUBLICADA O

- Advertisement -

EFE.- O CD Lugo reducirá o aforo da bancada supletoria do Anxo Carro, de titularidade autonómica, por invadir terreo municipal. Ao tempo, aprazará a construción dunha bancada fixa nese fondo do estadio ata a seguinte campaña.

“A bancada invade un terreo municipal, aínda que o estadio é da Xunta. Hai que facer unha reestruturación da bancada ou unha nova bancada fixa”, explicou o presidente do Lugo, Tino Saqués, en rolda de prensa. O dirixente mantivo contacto coa Xunta e confía en que tales conversas cheguen a “bo porto” para poder edificar unha bancada fixa. Malia iso, xa asegurou que esa obra non se realizará este ano.  “Imos buscar unha solución provisional e esperamos que logo a Xunta sexa capaz de asumir a obra da bancada”, advertiu.

O presidente do Lugo sinalou que o convenio asinado no 2014 entre a anterior directiva e a Xunta establece que as “obras que veñan impostas por LaLiga ou a UEFA son por conta do club”, mentres que o equipo asume as de “mantemento”. Saqués entende que as “estruturais” non lle corresponden a eles. Neste sentido, puxo o exemplo de cidades como Vigo, Soria ou Huesca, nas que os “titulares dos estadios apoiaron as obras”. “Entendemos que a Xunta vai ir nesa liña amén do que diga o contrato. Para o club sería un investimento desmesurado, que non sería fácil de acometer e, ademais, en algo que non é noso”, considerou.

Á espera desa actuación maior, “provisionalmente” procederase ao “desmonte da bancada” supletoria actual para “deixala dentro dos lindes do estadio” e fóra da parcela do Concello. “O estudo está feito e estamos pendentes da licenza municipal para o cambio”, dixo Saqués, quen anunciou que a tempada empezará coa bancada xa reducida.

Respecto doutros traballos no Anxo Carro, Saqués anunciou unha “actuación menor no céspede para cumprir a normativa de LaLiga”. Tamén afrontará a mellora da “iluminación” con luces “led, sen cortes”, algo que agarda “pechar esta semana”.

CAMBIOS NO VESTIARIO

Por outra banda, o presidente do CD Lugo xa asumiu que os xogadores José Carlos Lazo e Gerard Valentín “non poderán retornar” ao club a vindeira tempada. Lazo e Valentín defenderon a elástica albivermella no curso 2018/1019 cedidos polo Getafe e polo Deportivo, respectivamente.

ÚLTIMAS

Detida unha muller de 20 anos de idade tras tentar introducir marihuana no centro penal de Monterroso

A Garda Civil detivo a unha muller de 20 anos de idade, veciña de Pontevedra, como presunta...

Obras de rehabilitación en ligazóns da A-6 e A-8 en Begonte provocarán cortes de circulación durante tres semanas

O Ministerio de Transportes e Mobilidade Sustentable inicia este xoves, 21 de novembro, as obras...

Un lucense gaña 2,6 millóns co Eurojackpot da ONCE

Un veciño da provincia de Lugo gañou 2,6 millóns de euros co Eurojackpot do...

Detidos en Lugo dous homes e unha muller por tráfico de drogas nas proximidades de colexios

Axentes da Policía Nacional da Comisaría de Lugo detiveron a dous homes e unha muller como...