Tirso Paz (Lugo, 1988), máis coñecido no mundo da arte como Bublegum, ven de ter dúas obras seleccionadas entre as 50 mellores da arte urbana mundial do 2024. Hoxe conversa con Guido Álvarez sobre as súas orixes, traxectoria e momento actual.
Naciches en Lugo. En que zona da cidade medraches? Viviches nalgunha outra?
A verdade é que de pequeno mudeime moitas veces dentro de Lugo. Primeiro vivía no centro, logo pasei un par de anos en República Arxentina. Despois da separación dos meus pais, a miña nai mudouse a Ramón Ferreiro e o meu pai á Carballeira, así que alternaba entre ambos sitios. Sen embargo, pasaba moito tempo en San Roque, que era o lugar onde máis nos xuntabamos cos amigos. De aí ven o nome SR Crew, a primeira crew entre os amigos de aí.
Síntome moi agradecido de ter medrado en Lugo. Agora que vivín en cidades grandes, aprezo aínda máis as vantaxes de ter pasado a miña infancia e xuventude nunha cidade coma esta.
“pasaba moito tempo en San Roque, que era o lugar onde máis nos xuntabamos cos amigos. De aí ven o nome SR Crew, a primeira crew entre os amigos de aí”
Que recordos tes da túa vida en Lugo? Que é o que máis che gusta da cidade?
Teño recordos incribles da miña vida en Lugo. Prácticamente vivín alí ata os 22 anos, e a miña xuventude estivo chea de momentos especiais: Pasei moitas tardes xogando ao fútbol cos meus amigos, explorando rincóns, e, por suposto, facendo os meus primeiros tags nas paredes do barrio. Foi alí onde descubrín a miña paixón polo graffiti, dende os primeiros bocetos ata as pezas máis elaboradas. Tamén recordo con moito cariño as festas locais, como o San Froilán.
O que máis me gusta de Lugo é a calidade de vida que ofrece e a calidez da xente. É unha cidade tranquila, onde todo está cerca e o ritmo non é tan acelerado como nas grandes cidades, e non podo deixar de mencionar a súa gastronomía. Estes anos que pasei fóra fixéronme valorar aínda máis a comida de aquí, sobre todo o polbo. Sempre que volvo, o primeiro que fago é desfrutar dunha boa comida.
“O que máis me gusta de Lugo é a calidade de vida que ofrece e a calidez da xente. É unha cidade tranquila, onde todo está cerca e o ritmo non é tan acelerado como nas grandes cidades”
E da provincia?
A provincia de Lugo é un verdadeiro paraíso natural. O que máis me inspira son as súas paisaxes, que parecen sacadas dunha postal. Dende as montañas dos Ancares ata as praias salvaxes da Mariña Lucense, cada recuncho ten algo especial.
Téñolle un cariño especial á Muralla de Lugo. É un símbolo único, non só por ser a única muralla romana completa do mundo, senón porque forma parte da vida diaria da cidade. Medrei paseando e xogando nos seus arredores, e sempre me inspirou.
Pero máis alá dos lugares turísticos, hai pequenas calas e praias agochadas que son igual de impresionantes. Tamén me fascinan os ríos e bosques que arrodean a provincia, pasear por estes lugares é como desconectar do mundo e recargar enerxías.
“A provincia de Lugo é un verdadeiro paraíso natural. O que máis me inspira son as súas paisaxes, que parecen sacadas dunha postal. Dende as montañas dos Ancares ata as praias salvaxes da Mariña Lucense, cada recuncho ten algo especial”
Hoxe en día levas moitos anos vivindo fóra. En que lugares viviches e como cres que evolucionou a túa traxectoria artística neste tempo?
De mozo estudei un ano en Santiago e case dous en Salamanca, onde comecei Belas Artes, aínda que non rematei a carreira. A miña gran evolución artística chegou durante os 10 anos que vivín en Barcelona. Ao principio mudeime para facer un curso de tatuaxes e a miña idea era adicarme a elo, pero descubrín que non me enchía tanto coma pintar.
Comecei tatuando na casa e nun estudo, pero pronto decidín centrarme completamente nos muros. Nesa etapa participei nos meus primeiros festivais de arte urbana fóra de España. O primeiro foi en Londres, e ano tras ano fun convidado a máis eventos.
De 2018 a principios do 2020 traballei como pintor para El Row, unha empresa que organiza festas internacionais. Pintaba decorados e escenarios de DJ. Esta etapa estiven de luns a venres pintando con spray todos os días e a fin de semana facíame eu algún muro para min. Isto aportoume moita práctica e deume máis velocidade e versatilidade. Foi unha gran experiencia, pero reafirmei que o meu era traballar pola miña conta.
Ao deixar a empresa, adiqueime completamente á miña arte, e foi entón cando notei un verdadeiro crecemento. Comecei a colaborar con outros artistas, traballar con marcas e concellos, e o meu estilo volveuse máis característico e demandado.
Grazas ao graffiti viaxei moitísimo. En Europa pintei en países coma Francia, Inglaterra, Escocia, Bélxica, Dinamarca, Italia, Portugal ou Irlanda. En América deixei a miña pegada en Montreal, México e Aruba, ademais de varias cidades dos Estados Unidos como Los Ángeles, Nova York, Miami, Houston, Tampa ou Las Vegas.
Sempre recordarei con cariño Nova York, unha viaxe moi especial, e Miami onde pintei 3 veces. A primeira foi no 2017 e recordo que foi un punto de inflexión onde aprendín moito e decidín focalizarme máis no que facía. Sete anos máis tarde pintei en Wynwood Walls, o museo de arte aberto máis importante.
Despois de moitos anos en Barcelona decidín regresar a Galicia, concretamente a Vigo. Aquí teño máis calidade de vida e un espazo amplo para o meu estudo. Estou desfrutando moito esta etapa, e, por suposto, aproveitando para comer moito polbo, haha!!
“Grazas ao graffiti viaxei moitísimo. En Europa pintei en países coma Francia, Inglaterra, Escocia, Bélxica, Dinamarca, Italia, Portugal ou Irlanda. En América en Montreal, México e Aruba, ademais de varias cidades dos Estados Unidos como Los Ángeles, Nova York, Miami, Houston, Tampa ou Las Vegas”
Agora mesmo tes dous murais candidatos a ser elixidos como os mellores do mundo no 2024: que che gusta máis de cada un deles?
Sí, teño dous murais nominados.
O primeiro, “Rinascimento”, pinteino en San Pietro de Magisano, Italia, durante o festival Luce Fest. Esta obra está nominada a mellor mural do mundo do 2024 e a verdade recordareino sempre dunha maneira especial, porque o rodea unha historia moi persoal. A organización do festival asignoume este mural e ao pouco comunicaronme que Irene, a filla dos propietarios do edificio onde ía pintar, loitaba contra o cancro. Por iso quixen crear algo que puidese trascender a súa dor, un mural vivo, colorido e positivo. Así naceu o concepto de “Rinascimento” que simboliza o renacemento e a esperanza. Durante os días do festival puiden pasar tempo con Irene e a súa familia e puiden sentir que era unha persoa cun gran corazón, pero uns meses despois recibín a peor noticia. Só podo agardar que este mural siga ofrecendo forza á súa familia e sirva como un faro duradeiro de amor, positividade e recordo da súa memoria.
O segundo é o “Ocelote Ornamental”, que opta á categoría “Artist Choice”. Faime especial ilusión xa que son murais que seleccionaron varios muralistas recoñecidos, así que alégrame que aprezase a miña arte xente do gremio. Este mural representa o inicio dun novo capítulo na miña evolución creativa, xa que foi a primeira vez que adoptei como temática principal o que eu denomino “estilo ornamental” nun mural.
Este enfoque, que comecei a desenvolver no 2020, fora explotado principalmente en formato dixital. Levar esa visión ao muralismo representou tanto un reto como unha meta persoal. Crear estes deseños dixitalmente xa implica unha gran complexidade, polo que non estaba seguro de se sería posible acadar o mesmo nivel de detalle utilizando spray. Sen embargo, en 2023, decidín intentalo nunha parte do meu mural “Caracal Throne”. Desfruteino moito e o resultado foi bo así que motivoume para seguir experimentando e, cando se presentou a oportunidade de participar no Grafitea Cheste, tiven claro que quería adicarme de cheo a este estilo.
O “Ocelote Ornamental” foi concebido como un gardián, estratéxicamente ubicado nunha calella para transmitir presenza e protexer a contorna. Este estilo fusiona diversas influencias, como esculturas modernistas, gárgolas e tatuaxes, e inclúe elementos recorrentes coma rosas, mentres que a luz indirecta desempeña un papel crucial na súa composición.
Como ves o panorama artístico lucense? E o galego? Que artistas de Lugo e Galicia che gustan máis?
Estou un pouco desconectado da escena local, pero alégrame ver que Galicia apoia bastante a arte urbana en comparación a outras zonas de España onde apenas se ven murais de gran formato. Hai moitos concellos que apostan por murais para dar visibilidade á súa cultura, e festivais que traen a artistas de todo o mundo. Recordo que un dos motivos polos que me fun hai dez anos é que o panorama de Lugo estaba un pouco parado, e alégrame ver que nestes últimos anos rexurdiu. Gustaríame que as novas xeracións se animasen a pintar para así continuar o legado na cidade.
Cando comecei inspirábame moito no que facía El Circo, Sniger, Yoe, Lage e El Bona. Flipábanme! De feito eles organizaban o Style Fighters e convidáronme na segunda e terceira edición. Viña xente de moita calidade e iso foi impresionante. E outros artistas galegos que me gustan son El Pow, Silc, Mosca e Lula Goce, pero seguro que me deixo a algún.
“Cando comecei inspirábame moito no que facía El Circo, Sniger, Yoe, Lage e El Bona. Flipábanme! De feito eles organizaban o Style Fighters e convidáronme na segunda e terceira edición”
En que lugar de Galicia che gustaría pintar o teu próximo mural? Que temática usarías?
Teño a espiñiña cravada de ter pintado moitos murais de gran formato polo mundo pero ningún en Galicia. Os últimos murais foron máis pequenos, en Burela e no Marisquiño, encantaríame crear algo de gran formato en Lugo, a miña cidade natal, ou en Vigo, o meu novo fogar, pero calquera punto de Galicia é inspirador.
En canto á temática, estoume inspirando moito na fauna e flora local, especialmente a través do meu estilo ornamental. Este ano quero seguir desenvolvéndoo e explorar novas posibilidades, sen deixar de lado outras facetas da miña obra.