ALBERTO QUIAN | Un equipo de investigadores vén de publicar os primeiros resultados das análises químicas dos restos do galeón Santiago de Galicia, afundido en 1597 en Ribadeo, e da fragata da Armada española Santa María Magdalena, botada en 1773 en Ferrol e que foi a pique en 1810 en Viveiro. Os resultados evidencian que os cascos destes navíos foron construídos con madeira de carballo do noroeste peninsular e que en Europa se teceron rutas comerciais para o subministro de distintos tipos de madeira destinada ás frotas española e portuguesa, sendo o “motor da primeira globalización”.
As augas galegas agochan tesouros arqueolóxicos de incalculable valor que falan de historias de invasións e armadas invencibles, de rutas comerciais que anticiparon a globalización ou do desenvolvemento tecnolóxico e das exquisitas e avanzadas artes e técnicas de construción naval en épocas gloriosas e épicas como a do Imperio español.
Historias que se poden ler nas madeiras de pecios que se conservan na nosa costa, como o galeón Santiago de Galicia –nave capitá da segunda Armada Invencible montada por Felipe II–, que foi a pique en 1597 na ría de Ribadeo, ou a fragata Santa María Magdalena, afundida na madrugada do 2 de novembro de 1810 na ría de Viveiro, por mor dunha tempestade, e que formaba parte da frota hispano-inglesa que loitou contra a ocupación francesa.