InicioCulturaXaime Fernández: "María Castaña é unha lenda mundial de rebeldía, dende Arxentina...

Xaime Fernández: “María Castaña é unha lenda mundial de rebeldía, dende Arxentina a Escocia”

Retomo as vellas conversas para o Lugo Xornal para encontrarme co guía turístico e historiador Xaime Fernández, de Samos. Pregúntolle sobre María Castaña, lenda luguesa e universal

PUBLICADA O

- Advertisement -

Xaime, cóntanos quen foi María Castaña

María Castaña, Maricastaña ou María Castañar foi unha muller do século XIV da que realmente se sabe moi pouco, máis aló do que se recolle nun documento do Arquivo Episcopal de Lugo citado na España Sagrada e no Episcopoloxio de Lugo.

De María Castaña, viúva de Martín Cego, un pequeno nobre lugués, sabemos que no ano 1386 dirixiu a revolta popular contra o Bispo de Lugo. Unha máis das documentadas nestes tempos convulsos contra os impostos abusivos que lles cobraba o novo poder eclesiástico local, imposto baixo o reinado de Xoán I de Castela. O señor da cidade era daquela o prelado Pedro López de Aguiar, e deste levantamento sabemos que rematou coa morte a pedradas do aborrecido mordomo do bispo, Francisco Fernández. Hai quen di que morreu  a pedradas e coa própia María Castaña berrando ao povo en armas: “A por eles, que son poucos

“María castaña dirixiu no ano 1386 unha revolta popular contra o bispo de lugo, polos impostos abusivos que lles cobraba o novo poder eclesiástico”

De onde era María Castaña?

Coidamos que tiña orixes ou posesións no Couto de Cereixa, en terras de Lemos e Quiroga, no que sería o actual concello da Pobra do Brollón.

O seu apelido, probablemente teria que ver coa cor do seu cabelo.

Que pasaba entón naquel momento en Lugo e no Reino de Galicia?

O rei Fernando II de León ratificara o testamento do bispo Odoario, polo que o señorío da cidade de Lugo ficou nas mans da catedral de dita cidade. Isto provocou enfrontamentos entre autoridades civís e eclesiásticas, provocando varias revoltas.

María Castaña converteuse nunha lenda popular debido, fundamentalmente, ás devanditas revoltas.

A finais do século XIV, logo de pasar pestes e fames, aconteceron  importantes cambios políticos e sociais no pais, na Península e en Europa.

Unha nova nobreza de orixe foránea instalase nos postos rectores da sociedade galega da man da nova dinastía  trastamarista. Especialmente logo da derrota militar padecida polo bando petrista autóctono baixo mando do Conde de Lemos na batalla de Porto de Bois, nas terras da Ulloa, por volta de marzo de 1.370. A cidade de Lugo acollera e apoiara fielmente ás forzas do propio conde á fronte dun exército refuxiado tras das súas murallas. E durante dous meses de asedio, o conde de Lemos detivera aló os ataques inimigos sobre a cidade, deica finalmente ser vencido loitando contra das hostes castelás de Enrique de Trastámara, dos seus mercenarios bretons e franceses, e dos súbditos locais  servidores dos intereses persoais da Casa de Andrade.

“o señorío da cidade de lugo pasa a mans da catedral da cidade, e isto é a orixe de enfrontamentos entre autoridades civís e eclesiásticas”

Entre 1366 e 1397 sucédense  diferentes tentativas de revolta e coroación de candidatos alternativos, Don Fernando I de Portugal e John of Gaunt Conde de Lancaster serán proclamados por certo tempo e gobernan como novos reis de Galiza. O proxecto finalmente non triunfa e  domina o bando feudal eclesiástico  vencellado ao novo poder dos  señores pro-Trastámara, apoiados por Castela e Francia, perdendo a sociedade galega moitos dos seus dereitos, foros e liberdades. Rematan así as posiblidades de constituir un reino independente aproveitando o contexto xeopolítico daquela altura.

Unha relativa recuperación económica vencellada ao viñedo, á renovación de cultivos en  terras eclesiásticas, e comercio atlántico coa Bretaña e Inglaterra.

A guerra de independencia portuguesa culmina coa batallla de Aljubarrota en 1385 e a chegada ao trono da Casa de Avís, logo da derrota castelá. Sectores da nobreza galega  exiliados en Portugal apoian unha reunificación das duas beiras do Miño.

A guerra dos 100 anos entre Francia e Inglaterra pola supremacia en Occidente xunto co grande cisma papal na Europa Católica.

Revoltas labregas e insurreccións urbanas por todo o continente contra os abusos dun feudalismo xa tocado pola sua final crise sistémica… A Jacquerie na Normandia, os Ciompi en Italia, Watt Tyler por Inglaterra.

Que pasou logo coa Maria Castaña real?

Sufocada a revolta, sabemos polos documentos da época que María Castaña foi condenada baseándose isto no testemuño recollido nunha obra titulada España Sagrada de P. Risco, onde se di:

«En el Archivo episcopal, en el tomo I de pergamiños, se encuentra un instrumento de reconocimiento y satisfacción, dado el 18 de Julio de 1386, en el  que María Castaña, mujer de Martín Cego, Gonzalo Cego y Alfonso Cego, confiesan sus actos contra la iglesia de Lugo y que mataron a Francisco Fernández, mayordomo del obispo. Para saldar estos delitos donaron a la catedral todas sus propiedades que tenían en el couto de Creisa y les obligaron a pagar mil maravedís, jurando que no harían daño nunca más, si no que antes ayudarían desde entonces a los recaudadores de iglesia y del obispo».

Todos xuran que non farán dano endexamais aos recadadores da Igrexa e do bispo e aínda  que os axudarán en todo canto lles mandasen facer.

E os seus dous fillos (ou segundo as fontes, os seus cuñados), Gonzalo Cego e Afonso Cego, foron detidos, acusados ​​de provocar a morte do mordomo e obrigados a doar os seus bens para salvaren entón a vida e asemade, para poder seren enterrados en sagrado, garantíndolles así a non condenación e o paso á vida eterna.

“MARÍA CASTAÑA, gonzalo cego e alfonso cego foron condenados, E PARA SALDAR ESTES DELITOS donaron á catedral todas as súas propiedades máis a suma de mil maravedís”

Sabemos aínda que houbo outra revolta sanguenta uns anos despois, e varios dos rebeldes remataron aforcados perto da Catedral.

Coincidencia ou non, poderíamos vencellar as datas da revolta de María Castaña coa existencia previa de partidarios do Conde de Lemos e do bando petrista nas terras de Brollón nas décadas precedentes e 1360 e 1370, e o seu posible vencello coas variadas tentativas de sectores amplos da sociedade galega baixomedieval para recuperar outravolta un reino independente e poder de seu no emerxente mundo atlántico.

Cal é logo, na túa opinión, a significación desta figura na historia e cultura de Galicia e do mundo?

Xa en tempos dos nosos séculos escuros, en autores da literatura castelá, se utilizaba a expresión para referirnos a unha ambigua referencia temporal situada nun  pasado moi afastado.

«¡Si se nos ha vuelto el tiempo de Maricastaña, cuando hablaban las calabazas!», seguindo o licenciado de “El casamiento engañoso” de Miguel de Cervantes.

Na mitoloxia popular de moitas zonas da Península e América inclúen a María Castaña ou Maricastaña como meiga, ou  como muller encantada, sendo mesmamente unha equivalente da Brancaflor dos contos populares, a filla máis nova das tres que tivo o demo, mesmo  aínda se poden achar abondosos paralelismos coa figura da lenda gaélica escocesa  Auburn Mary, protagonista do relato “A batalla dos paxaros“.

Dende Arxentina, María Elena Walsh e Leda Valladares, dous grandes iconos da música popular, compuxeron en 1974 o  álbum “Canciones del tiempo de Maricastaña” onde aparece o “Romance del enamorado y la muerte”.

“Na mitoloxia popular de moitas zonas da Península e América inclúen a María Castaña ou Maricastaña como meiga ou como muller encantada”

Quizais esta morte non é casualmente unha figura branca ou castaña, quen sabe se a representación da vella Deusa Mai, da Soberanía Primordial da Terra, da Deusa Triple, da Deusa Branca, do Santo Matriarcado…

Trátase pois dun referente mítico, vestixio probable nos imaxinarios medievais de noso  dunha época anterior ao cristianismo e á romanización e que fai referencia aos tempos de divinidades femininas  antigas, onde  mesmo a María Castaña real e luguesa do XIV  pode ser envolta e sublimada na imaxinación popular con antergas referencias míticas e se cadra ligadas á protohistoria duns tempos lonxados e marabillosos sen opresión, certamente uns tempos áureos moi anteriores ao patriarcado e á sociedade de clases.

ÚLTIMAS

Desatascar a praia fluvial e as obras da Rolda Este, compromisos acadados entre Xunta e Concello

A Xunta de Galicia e o Concello de Lugo alcanzaron compromisos, tras unha reunión conxunta mantida este martes,...

A Deputación de Lugo vende cinco parcelas en dous polígonos industriais da provincia

Cinco novas parcelas industriais foron adquiridas nos polígonos de Paradela e Begonte nunha operación...

Dous mozos golpean no parque Rosalía de Castro a un home tras un altercado con dúas mozas por motivo de cartos

Un home maior foi golpeado brutalmente no parque Rosalía de Castro de Lugo por...

Cachan a dous condutores de patinete eléctrico borrachos en Lugo, un deles superando o límite penal

A Policía Local de Lugo detectou ao longo da semana pasada a dous condutores de patinete eléctrico...