InicioCulturaO mural 'Copora', máis coñecido como 'A Castrexa', na Rolda da Muralla,...

O mural ‘Copora’, máis coñecido como ‘A Castrexa’, na Rolda da Muralla, podería ser coroado como o mellor do mundo

Nigrán, Fene e Lugo son os municipios que acollen obras entre as 50 máis destacadas de 2023.

PUBLICADA O

- Advertisement -

A plataforma internacional ‘Street Art Cities elixiu a tres murais galegos entre os 50 máis destacados do 2023 de todo o mundo, os cales compiten por ser o mellor do ano con outros de países como Arxentina, México e Francia. A votación, que se fai a través dunha enquisa pública en liña, estará aberta ata o 31 de xaneiro. Os murais galegos deste 2023 que compiten polo primeiro posto son: ‘A Dona do Esteiro’, de Lula Goce, en Nigrán; o mural do muralista Sfhir creado durante a edición inaugural da Perla Mural Fest en Fene; e o mural ‘Copora’, popularmente coñecido como ‘A Castrexa’, en Lugo, do artista Yoe 33.

OBRA EN LUGO

Pola súa banda, o mural candidato ao mellor do mundo de Lugo, obra do artista lucense Manuel Pallín Yoe (Yoe 33), xa foi galardoado como o mellor do mes de xuño nunha votación da mesma plataforma. ‘Copora’, coñecido como ‘A Castrexa’, representa a unha muller da tribo dos coporos. Para a figuración o artista tomou como referencia o museo provincial de Lugo. Este retrato situado na Rolda da Muralla número 156 non é o único galardoado das rúas lucenses. A primeira edición do premio de ‘Street Art Cities’ foi no 2021 e foi outorgado a Diego As por un mural de 20 metros de Julio César, situado tamén xunto á muralla de Lugo.

MURAL DE NIGRÁN

O mural ‘A dona do esteiro’, de Lula Goce, que pode verse na Ramallosa, en Nigrán, compite estes días con outros 50 traballos artísticos, na plataforma internacional streetartcities.com para proclamarse o mellor do mundo. A obra da artista baionesa, situada nunha medianeira de 250 metros cadrados entre as rúas Argonautas e Romana Baixa, mostra un rostro feminino adornado con motivos vexetais e mariños, e outros elementos naturais.

Concello de Nigrán animou aos veciños a entrar na web desta plataforma para votar pola obra de Lula Goce, e subliñou que o mural, ademais de supor a “transformación” da zona, tivo unha acollida “incrible” por parte dos cidadáns, de modo que se converteu en “un referente máis” do municipio, segundo o alcalde, Juan González.

O municipio de Nigrán reúne o maior número de obras de Lula Goce en Galicia. En 2018 pintou a fachada do CEIP Carlos Casares de Vilariño, en 2020 o campo municipal de Condomínguez en Priegue, e tamén ese ano, un gran mural en Panxón. ‘A dona do esteiro’ foi contratada en abril de 2023 polo Concello e, segundo sinalou a artista, a imaxe pretende trasladar unha mensaxe de defensa do medio ambiente e do estuario do Miñor, e de “orgullo de pertenza e de identidade compartida”.

Neste mural, por primeira vez a artista empregou a intelixencia artificial para xerar o rostro da muller retratada, a partir dunha mestura de imaxes de Penélope Cruz e outras caras femininas elixidas aleatoriamente. Con todo, a pintura está dedicada a unha muller moi concreta, Lourdes Goce, nai de Lula, “pola súa tenacidade, forza e capacidade para superar todos os obstáculos que a vida a expón”.

Lula Goce, licenciada en Belas Artes en Salamanca e máster de creación artística e DEA na Facultade de Belas Artes da UB Barcelona, formou parte de espazos artísticos como Hangar en Poblenou, Caminal ou A Escocesa. O seu traballo como muralista foi recoñecido a nivel internacional e, en próximas datas, traballará nunha pintura nunha adega de Requena, en Mónaco coa Fundación Príncipe Alberto, coa Fundación Celta de Vigo, e en Suíza, Detroit, Santiago, Doha ou Mallorca.

MURAL DE FENE

O mural de Fene é unha obra do artista Sfhir realizado na primeira edición da Perla Mural Fest, que se celebrou en agosto de 2023 para homenaxear á desaparecida Salga Perla e a tradición musical da localidade. A pintura ocupa a superficie dun edificio de nove pisos na rúa da Fraga. A estrutura do edificio forma parte do mural, dado que o artista integrou o pozo de luz do edificio como parte do violoncelo. Desta forma, cando os veciños acenden as luces a pintura cobra vida.

ÚLTIMAS

O Concello de Lugo modifica horarios de traballadores e instalará paneis especiais nas escolas infantís pola calor

O pleno ordinario de xuño do Concello de Lugo abriuse este luns coa intervención...

Lara Méndez, “tranquila” ante a situación de José Tomé nas primarias: “Cando detectamos un problema, dámoslle solución, non coma o PP”

A secretaria de Organización do PSdeG, Lara Méndez, dixo estar "tranquila" ante a situación do...

A Ofrenda do Antigo Reino de Galicia celébrase en Lugo por primeira vez como Ben de Interese Cultural

A cidade de Lugo acolle este domingo, 29 de xuño, unha nova edición da...

A Fiscalía pide 20 anos de prisión para un home acusado de violar dúas veces a unha muller en Lugo

A Audiencia Provincial de Lugo acollerá os días 3 e 4 de xullo o...