A cafetería Andión (rúa Angelo Colocci) é o referente da comedia en Lugo, onde mantén unha programación regular de espectáculos de balde case todas as semanas. Este venres día 23, a partir das 23.30 horas, Daniela Padrón e Fernando Moraño –entrevistado no Xornal de Lemos– completarán unha noite de humor a dúas bandas, que servirá para reivindicar a fin das violencias machistas. Rexenta este mítico enclave Rufino, un berciano cunha longa historia na cidade.
Canto tempo leva estabelecido en Lugo?
Trinta anos levo, con este negocio vinte, e con outro negocio que tiñamos aquí ao lado, outros dez. Neste curruncho somos xa dos vellos.
Cando decide trascender a restauración e apostar pola programación de espectáculos?
Xorde por mediación dunha irmá miña. Como ben sabes, son de Ponferrada, de Bembibre exactamente. Nun local de alí facíanse eventos destes. A miña irmá comentoume: co local que tes, que mágoa que non fas isto. E saltou a faísca. Púxenme en contacto cun programador e xurdiu daquela; levamos facendo eventos dezasete anos. Case todos os venres, salvo no verán que paramos e algunha ponte, temos eventos.
Sobre todo humor?
Procuramos variar, facemos un pouco de todo. Todo o que é a comedia, maxia, monólogos… e agora estamos comezando a facer, queremos darlle cabida rapaces de aquí de Lugo, xente de aquí, que fan impro, que lle din, improvisación. Precisamente o venres da ponte que vén hai unha actuación, e xa houbo outra anteriormente. Xente de Lugo que empurra para adiante pola comedia.
Como é a crítica do barrio?
O público que vén é de todas as idades, se hai maxia soen ser máis os pequenos… hai que ter en conta que a hora do espectáculo é contra as once e media ou doce, non é horario para nenos. E ás veces hai eventos, como certos monólogos, que non son para nenos, procuramos publicalo para evitar problemas.
A xente de Lugo soen ser case sempre os mesmos: son os xuíces, os que ditaminan se alguén e bo, se hai que volver a traelo. O público xa é entendido na materia. Non é o mesmo ver un monólogo por primeira vez, que hai que entendelo, cada un ten o seu humor e ten un gusto diferente. O público viu a tanta xente xa que captan as diferencias de cada un.
A programación deste venres ten que ver co 25N, o día contra a violencia machista. Soen planificar tendo en conta estas ocasións?
Foi casualidade neste caso. Procuramos, dependendo da situación e a época, meter algo que corresponda. Para as vacacións temos un especial de Nadal, vamos un pouco coas estacións do ano.
Como casa este tema tan delicado cos monólogos? Como abordan as fronteiras do humor?
Creo que depende do público. O humorista que sube ao escenario sabe ata onde pode chegar, son profesionais que levan tempo. O público sabe ao que vén, aínda que hai moitos tipos de público. Pero saben ao que van, deben saber que o humor é o humor, e de aí en adiante non debería pasar nada. O humor é o único que nos queda hoxe en día, algo do que podemos desfrutar sen que ninguén nolo prohíba. Se o humor vai condicionado, mal.
Non teme unha crise de reputación? É sempre positivo?
Depende de como se enfoque, eu non podo saber como vai reaccionar o público. Hai veces que falo antes cos artistas, porque sei o público que pode vir. Con quen podo meterme? E procuras non gardar unha distancia, senón deixar de lado algunhas cousas. Pero a xente que vén adáptase, acolle o humor moi ben. Cando o primeiro que fan é rirse dun mesmo, a xente xa se decata de que o humorista non vai a rirse do público.
Este venres acoden dous monologuistas recoñecidos.
Non son coma outros que viñeron varias veces, estes son a primeira vez que veñen, por mediación da produtora Hermanager. Son punteiros neste mundo. Tivemos xente de Canarias e Cádiz que viu expresamente á Cafetería Andión, aínda que procuramos facerlles o circuíto aos artistas.
Procuro moverme nas redes sociais, aínda que o que máis traballa para atraer á xente é o boca a boca. Eu tento facer un sondexo, se descoñezo ao artista, para saber se un espectáculo foi ben. Cando vén alguén que xa coñeces, sabes de que pé coxea e lle pides algo novo, que lembren que público tiñan. Esa perseverancia é moi importante, que o artista coñeza ao local e o seu público.
Non son ningún entendido, aínda que eu empecei en 1982 cando traballaba en Madrid e xa estaba neste mundillo, traballaba con Alfonso Lusón e Pedro Ruiz, e faciamos algunha cábala deste tipo.
Cres que este modelo que levas experimentando toda a vida podería estenderse en Lugo? Sería recomendable que se sumaran máis locais?
Fai falla moita máis oferta, moitísima máis. O Andión é un referente en Galicia e en parte de España para a comedia, porque non hai moitos sitios coma este. Que falta en Lugo? Máis locais con programación estable, o que non podemos facer é programacións temporais.
Sería importante que nos axudásemos uns aos outros, e que as administracións botaran unha man, porque non temos moito apoio. Simplemente con permisos: tivemos actuacións de música que tivemos que parar, porque o Concello non permite.
E máis baixo a nova Lei de Espectáculos.
É moi negativo. A Asociación de Hostaleiros ten o slogan ‘…E para comer, Lugo’. É estupendo, pero a xente que vén a Lugo non soamente come e toma o chupito, ten que ir a máis, levar ese postre que é o espectáculo para fidelizar. Todo o resto daecultura que podemos ofrecer, un monólogo, comedia, música, espectáculo.
E que cada barrio teña o seu, que non haxa partes da cidade mortas.
Quen fai comedia en Lugo? O Andión. Quen fai música? O Clavicémbalo. Eu estou dado de alta no Réxime Xeral de Artistas e dado de alta como café concerto en Facenda. Iso si que o procuro, ter todo legal para evitar problemas. Pero logo a regulación contra os espectáculos é o que tira para atrás. Poderían facerse moitas cousas máis.