InicioCulturaXosé Miranda: “Desprazar a memoria propia e fixarse na de fóra é...

Xosé Miranda: “Desprazar a memoria propia e fixarse na de fóra é de parvos”

Entrevista co laureado narrador e poeta lucense, douto na literatura de tradición oral e encargado de pechar o Letra das Festas

PUBLICADA O

- Advertisement -

Ao abeiro do Letra das Festas 2018, a Asociación de Escritores en Lingua Galega recalou no Vello Cárcere para unha singular xuntanza arredor da literatura de tradición oral. A ocasión contou co concurso de Tundal, un quinteto capaz de musicar as historias máis inverosímiles da memoria colectiva da provincia de Lugo. Entre cantos e cancións foron rescatados persoeiros e anécdotas, algunhas de fina ironía, outras grotescas, todas coa capacidade de arrincar un riso incluso nos episodios máis desapiadados.

O humor foi o denominador común das intervencións de Antonio Reigosa, Lois Pérez, Paco Nieto, Emma Alonso, Marcelo Castro, Orestes Currás e Xosé Miranda. Este último tivo a ben compartir co xornal algo máis do herdo lendario galego, que este prolífico autor e mestre lucense domina e verte sobre a súa obra.

Que é o que atopa tan fascinante na tradición oral de noso?

Por un lado, a supervivencia aínda dos mitos e as lendas tradicionais, dun mundo rural que está en proceso de desaparición, pero no que aínda permanecen grande parte dos contos, lendas e mitos. Algúns dos mitos e das lendas nos retrotraen a unha época moi antiga, probablemente ao Neolítico, nos principios da agricultura, coma a lenda das mouras. Que aínda exista esa figura, que aínda se poida contar, que aínda siga a haber xente que cre nela; téñome atopado mesmo con xente nova que cre nesa figura.

Por outro lado, impresióname moito como se foi transformando a narrativa oral, como agora se conta doutras maneiras, aínda que se contan as mesmas cousas. As lendas urbanas, os novos modos de transmisión. Todo ese folclore é literatura sen libros, transfórmase e resístese a morrer. E como nutre a gran literatura, xa dende a época dos clásicos gregos e romanos, e incluso agora mesmo, collendo o que a xente conta. Moitísimas cousas que parecen invencións dos escritores, que parecen de colleita propia, proceden do que eles escoitan pola rúa, nas aldeas ou do que circula por internet.

Antón, do grupo Tundal | Óscar Bernárdez
Antón, do grupo Tundal | Óscar Bernárdez

E que hai desa tradición oral na súa obra?

Pois creo que moito: os meus libros están directamente construídos a partir diso. Por exemplo, Historia dun paraugas azul. É o partir dese mundo da mitoloxía popular, como por outra parte fixo Tolkien con O señor dos aneis. En toda a literatura está presente, e no meu caso clarísimamente porque me impresiona moito o mito, e son moi interesantes as maneiras de narrar do narrador oral, que impregnan moita da literatura moderna.

Hai detrás un traballo de equipo. Reigosa, Cuba…

Fixemos moitas cousas, en colaboración con Cuba e con Reigosa, coma o Diccionario de Seres Míticos Galegos. Parecíanos que faltaba iso, que en Galicia non se estaba valorando a mitoloxía propia, e nin sequera se recoñecía que existise unha mitoloxía propia.

Iso é o que daquela nos interesaba máis, xunto con recuperar os contos populares galegos, xa que os nenos galegos tiñan á súa disposición contos de antes, os de Grimm, Andersen, Perrault, mesmo os contos populares españoles, pero non os galegos, nin con unha ilustración competitiva. Para iso fixemos a [colección] Cabalo Buligán.

Logo puxémonos coas lendas, para intentar demostrar que nós temos as nosas propias lendas, que  están por todas partes e que ás veces non as recoñecemos como o que son. Ese foi o noso traballo, un traballo de equipo.

Antonio Reigosa | Óscar Bernárdez
Antonio Reigosa | Óscar Bernárdez

Xuntarse aquí, no Letra das Festas do San Froilán, é unha rara oportunidade.

Están intentado revalorizar e poñer outra vez en funcionamento a vella maneira de contar, que era reunirse os veciños e contar cousas. Os humanos sen memoria non somos nada. A memoria é o que somos, sen memoria seríamos outra cousa. Desprazar a memoria propia e estar sempre fixándose no que vén de fóra, que a maioría das veces é o mesmo, é un pouco de parvos. Nós pensamos que no mundo falta comunicación, conversa entre as persoas, máis xente para falar uns cos outros.

Por que ‘Xente daquela maneira’? Por que centrarse nos fatos, falsarios, malpoucados, traslidos…?

Supoño que unha parte importante da memoria dos lugares, e de Lugo, son esa xente rara, diferente, que sempre marca. Cando eu era neno estas personaxes eran moi abundantes, todos eses toliños, estrambóticos. Parece que se perde a memoria deles, e temos que fixarnos un pouco máis.

Forman parte da cultura, e sabendo quen eran, que cousas facían, podemos entender moitas outras cousas. Algúns deles están retratados no museo. Temos retratos desas persoas e non sabemos quen eran, só a xente maior. Convén rescatar esa memoria.

Xosé Miranda | Óscar Bernárdez
Xosé Miranda | Óscar Bernárdez

No día a día está en contacto cos cativos, e hai unha parte da túa literatura recoñecida como infantil e xuvenil. Pode recuperar a tradición oral o papel que tiña de transmisión entre xeracións?

Cando chego aos colexios e institutos para contar contos e lendas, tento que eles me conten a min. E moitas veces levo a sorpresa de que saben moitas, e efectivamente, isto segue vivo nas casas. Algunha vez teño chegado e escoitar cousas novas dos rapaces, que non me contaran nunca.

A transmisión da literatura oral non desapareceu, cambiou a maneira. Algunhas partes decaeron, pero outras están moi vivas. Hai novas ferramentas, novas maneiras. Vístense con vestidos novos as cousas vellas.

Está agora mesmo con algún proxecto propio?

Teño un proxecto dende hai uns anos, o que pasa é que vou lento. Hai que seguir. É unha historia para nenos relacionada coa tradición oral. Cando meu pai ía de viaxe, preguntáballe que me ía traer. E dicía ‘vou traerche un corredrás, un brincaparedes e un mirapatrás’. Nunca souben o que eran, pero quero inventar eu o que son e contar unha historia sobre eles.

ÚLTIMAS

Ángel Pérez, novo alcalde de Guntín con 27 anos

O pleno do Concello de Guntín elixiu na tarde deste mércores como o seu...

Identificado un veciño de Lugo por danar un bolardo e quitar outro porque dificultaba o xiro para entrar na súa propiedade

Axentes da Policía Local de Lugo levantaron acta por danos na vía pública e...

Arden varios colectores de madrugada na cidade de Lugo

Varios colectores arderon na madrugada deste mércores na Estrada da Granxa, na cidade de...

Amancio Prada volve a Lugo 16 anos depois

Amancio Prada volve a Lugo 16 anos despois do seu último concerto nesta cidade....