InicioMovementos sociaisSan Froilán Asociativo: “Queremos ser actores, e non só consumidores”

San Froilán Asociativo: “Queremos ser actores, e non só consumidores”

A festa maior permite a sétima reunión e mostra do tecido asociativo de Lugo, que reivindica un San Froilán afastado de modernidades

PUBLICADA O

- Advertisement -

Durante todo o Día de Ferrol, dezaoito asociacións reivindicaron a tradición e o traballo colaborativo como cerna do San Froilán. Xosé Lois Losada, voz do tecido asociativo de Lugo, explica que a ocasión é ideal para agruparse e manter contacto cos movementos cívicos, permitindo crear plataformas para respostar rapidamente aos problemas da cidade.

“Pensamos que os froitos da confianza e o traballo colaborativo fan moito por celebracións coma o Lume Novo ou o Magosto”. O San Froilán Asociativo tenta amosar o traballo que as asociacións realizan durante todo o ano, ou que teñen previsto realizar, nunha xornada amenizada mercé á participación desinteresada de diferentes artistas. “Ninguén se lucra con isto”, lembra Losada.

Para os presentes no mercado de Quiroga Ballesteros e na Praza de Santo Domingo, a falta de subvencións para o espazo San Froilán Asociativo é proba do que pode facerse sen excesivos recursos. “Unha festa pódese facer sen tantos orzamentos, como puido ser o Caudal Fest”.

Entre as organizacións colaboradoras están as de índole política, coma Erguer, Briga, Isca e Galiza Nova; outras en defensa de dereitos fundamentais, sendo o caso de Lugo Sen Mordazas, Translurpies, Plataforma Feminista de Lugo ou Masa Crítica; sociais, tales coma Mádia Leva, Banco de Tempo ou Rede de Apoio Mutuo; as que reivindican estilos de vida e aspectos culturais, Vexeterianas e Veganas de Lugo, Bolboretas Fiandeiras e Masa Crítica; ou adicadas ao ensino e a infancia, coma Semente e Nenea.

Dende o comezo, o San Froilán Asociativo marcouse tres obxectivos. “Amosar que en Lugo si se fan cousas, amosar o que facemos durante todo o ano e ter un día propio; facelo na rúa, que reivindicamos para todos; e darlle un pulo ás festa de San Froilán ante os ataques de modernidade que ven sufrindo, festas que son nosas e non poden morrer, nós queremos ser actores e non só consumidores”. Neste senso, a festa polo patrón da cidade permite manifestar o traballo “dende abaixo, cóbado con cóbado”, imprescindible para tecer unha verdadeira rede de asociacións.

O número de colectivos participantes foi mudando nos sete anos do San Froilán Asociativo. “Hai algúns que permanecemos dende o principio, hai os que foron, e hai os que van chegando”. Malia isto, Losada observa que “si que parece que se vai instituíndo, que o mundo asociativo ten un peso, e seguimos aí contra todos os ventos”.

A localización escollida foi produto da casualidade, mais agocha un importante valor histórico. “O sitio tiña que ter unhas características básicas, que pasase xente, que cabéramos todos; e dentro das opcións, escollemos este porque nun tempo foi o centro da festa”. Na década dos sesenta, a Praza de Santo Domingo concentraba as barracas, co mercado no campo da feira. “O specto mercado do San Froilán é difícil de recuperar, tal e como vai a economía, pero o aspecto festivo si pensamos que pódese salvar”.

Con respecto á organización, Losada recoñece que a relación co Concello atravesou momentos. “Pasou diversas etapas: de poñernos atrancos e paus nas rodas, para que no celebrásemos nada, facer a vista gorda a pesar da falta de permisos, e a última hora métennos no programa pero cos contidos nun curruncho, sen darnos ningunha facilidade en caso de choiva”. Aliás, a inclusión no programa oficial de San Froilán vencéllaa á constancia “e a estar na rúa”.

Con posibilidades limitadas, o San Froilán Asociativo abrangueu unha única xornada. Porén, estivo chea de actividades, alén das presentacións das asociacións. Pola mañá tiveron que comezar no mercado, pola choiva. Con aliciente da paella vegana, desfrutaron dos cantares de cego de Francisco de Romualdo, dun café coloquio co Banco do Tempo, ou dos obradoiros para crianzas. Cara o serán, humor, o habitual obradoiro de baile tradicional, a presentación musicada do libro Poemario Independenciaa ruada de Masa Crítica en bici pola Ronda da Muralla, e a potencia do rock galego de Ith.

Francisco de Romualdo, de Taboada | Masa Crítica

ÚLTIMAS

Lugo paraliza as obras do edificio que ía acoller a menores migrantes por falta de licenza urbanística

O Concello de Lugo ordenou a suspensión inmediata das obras que se executan no...

Rescatan a unha muller cunha perna atrapada nun motocultor nunha leira de Begonte

Os bombeiros de Vilalba tiveron que liberar na tarde deste luns a unha muller...

O PSdeG acusa a Rueda de usar Turismo de Galicia como “a chequera de Elena Candia” nos orzamentos de 2026

A deputada socialista e secretaria de Organización do PSdeG, Lara Méndez, acusou ao presidente...

Falece un home de 31 anos nun accidente de tráfico en Lugo tras saír da vía o seu vehículo

Un home de 31 anos perdeu a vida nesta pasada madrugada ao sufrir un...