InicioCulturaLugo Xornal participa en ‘Que din os rumorosos”, a gran serie de...

Lugo Xornal participa en ‘Que din os rumorosos”, a gran serie de podcast da historia de Galicia

É unha iniciativa sen subvención de ningún tipo realizada pola web historiadegalicia.gal e o proxecto rustasdehistoria.gal na que colaboran varios xornais e radios locais de Galicia e destacados historiadores, arqueólogos e divulgadores do país.

PUBLICADA O

- Advertisement -

Xa podes escoitar ‘Que din os rumorosos… arroutadas da historia de Galicia’, a primer gran serie de podcast sobre a historia de Galicia. Unha serie de programas producido polos portais web www.historiadegalicia.gal e www.rutasdehistoria.gal e coordinados polo xornalista, divulgador e profesor universitario Xurxo Salgado. O seu obxectivo é recuperar a memoria do noso país. Trátase dunha iniciativa que nace sen ataduras nin subvencións de ningún tipo. Un proxecto independente que tenta contar a historia de Galicia sen pelos na lingua e con quen mellor sabe contala; historiadores, investigadoras e arqueólogas.
Que din os rumorosos nace tamén co obxectivo de chegar ao maior número de xente posible. Por iso, Historia de Galicia e Rutas de Historia acadaron un acordo con varias emisoras locais e xornais dixitais para chegar ao maior número posible de xente. Deste xeito, esta serie de podcast será emitido por Radio Tui, Radio Estrada, Raio Xente de Teo, Radio Fusión, Radio Roncudo e Radio Neria, e poderá ser descargado polos e polas lectoras dos xornais Galicia ConfidencialQue pasa na CostaXornal de VigoXornal de LemosXornal da MariñaLugo Xornal e do portal web neofalantes.gal.
PARTICIPAN DESTACADOS HISTORIADORES E ARQUEÓLOGOS
Esta primeira serie de programas céntrase no reino medieval de Galicia, desde a chegada dos suevos ata as guerras Irmandiñas e a coñecida como “doma y castración del Reyno de Galicia”. Son seis programas nos que se abordarán a Galicia medieval, o reino suevo, o papel da Igrexa neste periodo, a relación entre a nobreza, os servos e os viláns, o papel das mulleres na Idade Media e as revoltas irmandiñas. E en todos os programas participarán especialistas na materia. Entre eles, os especialistas Anselmo López Carreira, Carlos Tejerizo, José Miguel Andrade Cernadas, Xosé Sánchez Sánchez, Marcos Fernández, Diana Pelaz,  Miguel García-Fernández, Carlos Barros e Alfredo Erias. Ademais, en cada programa hai tres microespazos independentes realizados polo arqueólogo Xurxo Ayán; a divultadora e especialista en historia da arte, Carolina Casal e o actor e divulgador Avelino González.
O primeiro programa de ‘Que din os Rumorosos’ está xa dispoñible este 25 de xullo, o gran día do Reino de Galicia, e desde este luns ata o sábado 30 poderase escoitar un dos programas desta serie de podcast. Unha serie de programas producidos de xeito independente e sen a axuda de ningunha institución, nin deputación, nin partido político.
PLATAFORMAS DE ESCOITA
Cada programa publicarase nas plataformas de podcast arredor das 9.00 horas en distintas plataformas e tamén desde os xornais e radios colaboradoras. As plataformas de podcast onde se poderá atopar o programa son estas:
iVoox:https://www.ivoox.com/podcast-que-din-os-rumorosos-arroutadas-da-historia_sq_f11602566_1.html
Spotify:https://open.spotify.com/show/2j8JLObR5oN89bKVldRAsX
Feed de suscripción:http://feeds.feedburner.com/ArroutadasHistoriaGalicia

PROGRAMAS
Programa 1. Cando Galicia foi un gran reino 
Como foi o reino medieval de Galicia?… Como se configurou ese reino que comezou cos suevos e rematou co que algúns historiadores deron en chamar o a “Doma y castración del Reyno de Galicia”. Neste programa afondaremos unha etapa da historia de Galicia de case mil anos no que hai ataques de normandos, o nacemento dos grandes condados galegos, a configuración dunha lingua que se coñeceu en toda Europa e dun territorio que acabou dividido en varios reinos. Intervén o historiador Anselmo López Carreira.
Programa 2. O primeiro reino medieval de Euroa
O reino suevo é o primeiro gran reino coñecido de Europa tras o esfarelamento do imperio romano de Occidente. Un reino que fundou un pobo invasor, os suevos, sobre o que era unha antiga provincia romana que abarcaba todo o noroeste da península ibérica. Ese reino tivo como primeiro rei a Ermerico, no 409, e, desde entón e ata Andeca, no 485, 176 aos despois, a antiga Gallaecia viviu e prosperou baixo o dominio suevo. Interveñen os historiador Anselmo López Carreira e o arqueólogo Carlos Tejerizo. 
Programa 3. A longa man de Deus en Galicia
A pegada de Deus en Galicia foi de fondas raíces, tan fondas, que houbo quen quixo fundar a súa propia relixión. É unha Galicia de bispos guerreiros e xenerais apostólicos derrotados, de reis que quixeron ser arcebispos e de arcebispos que pensaron que eran reis. Neste programa falaranse de curas e bispos, de mosteiros, de grandes igrexias e catedrais e dos homes e mulleres que fixeron que a Igrexa galega fora temida e amada, querida e odiada ao mesmo tempo. Interveñen os historiadores José Miguel Andrade Cernadas e Xosé Sánchez Sánchez. 

Programa 4. A Galicia da xente grande e da xente pequena 
A Galicia medieval pasou por distintos etapas na relación das súas xentes. Falamos dun longo período no que moitas mulleres e homes deixan de ser libres para ser servos nun sistema de servidume no que os poderosos tiñan cada vez máis e o campesiñado, cada vez menos.  Interveñen os historiadores Marcos Fernández Ferreiro e Anselmo López Carreira.

Programa 5. A Galicia medieval, un país de donas e mulleres 
Nas crónicas medievais as mulleres aparecen como as malas da película. Aí está o caso da raíña dona Urraca; ou de Inés de Castro, esa raíña póstuma a quen os seus coetáneos describiron como a gran conspiradora de Portugal ou Maricastaña, a “mullerciña” que ousou enfrontarse ao todopoderoso bispo de Lugo. Pero, detrás desas negras historias escritas con mans masculinas hai mulleres que fixeron historia, tanta historia ou máis da que fixeron os homes. Interveñen os historiadores Diana Pelaz e Miguel García-Fernández.

Programa 6. Os Irmandiños, a primeira gran revolta europea 
Galicia entrou no século XV sumida na inestabilidade política e social. Tal era a presión dos nobres e dos seus cabaleiros que o pobo –curas,burgueses, campesiñado e pequena nobreza– acabou por unirse e facerlles fronte en dúas guerras. Son as coñecidas como guerras irmandiñas. A primeira por parte da Irmandade Fusquenlla, en 1431, e a segunda, a denominada “Gran Guerra Irmandiña”. Unha gran revolta que botou abaixo máis de 200 castelos, o símbolo máis evidente do poder medieval. Interveñen os historiadores Carlos Barros e Alfredo Erias.

ÚLTIMAS

Mochilas sensorias neurodiverxentes nos Museos de Lugo

Os museos provinciais --Museo Provincial de Lugo, Museo do Mar de San Cibrao, Museo...

Obradoiros de coiro, cerámica e teares para celebrar os ‘Días Europeos da Artesanía’

A Vicepresidencia da Deputación de Lugo, a través da área de Artesanía, súmase á...

Coñecemos á ‘Galiartesá’, Pepa Lombao, oleira de Bonxe

O Galicia Confidencial presenta a serie 'Galiartesáns e galiartesas' coa que procura visibilizar diferentes oficios artesáns...

O Concello de Lugo defende que os recursos empregados no Ceao foron “suficientes”

A concelleira de Cohesión Social de Lugo, Ana González Abelleira, saíu ao paso das...