InicioCultura1934: A excursión galeguista dos nenos e nenas de Carballedo

1934: A excursión galeguista dos nenos e nenas de Carballedo

Helena González Vázquez de Bisagras de Papel comparte nesta ocasión un artigo, sobre un episodio esquecido da historia de Carballedo. En xuño de 1934, un grupo de nenos e nenas da escola de Lousada e doutras cercanas emprenderon unha viaxe única. Foi, como a versión galega da mítica novela de Jules Verne. Podería titularse: " A volta en Galicia en sete días"

PUBLICADA O

- Advertisement -

Entre o 11 e o 17 de xuño de 1934, uns cincuenta nenos e nenas de Carballedo en Lugo, deron a volta a Galicia, nunha viaxe mítica, financiada por Francisco Domínguez Mosquera.

A primeira vez que ouvín falar de Francisco foi cando o seu neto, que reside en Estados Unidos, solicitou os meus servizos para afondar na historia familiar do seu avó. Daquela o neto xa tiña moito camiño andado. Foran meses de poñer orde nos documentos do arquivo familiar e de incansables pescudas na rede.

Pouco a pouco, foi escribindo capítulos da biografía dun avó do que apenas sabía, debido a súa morte prematura. Redactou tamén unha entrada na Galipedia que empeza así: “Francisco Domínguez Mosquera, nado en San Paio (Lousada, Carballedo) o 2 de abril de 1899 e finado na Habana en 3 de outubro de 1937, foi un emigrante, galeguista e filántropo do primeiro terzo do século XX ”.

O meu traballo consistiría en indagar na xenealoxía deste home, que con tan só catorce anos, emigrou á Habana e volveu rico. Francisco foi un indiano de libro!

Indiano, indiana

Persoa que marchou como emigrante para América e volve rico

 

Foi un deses emigrantes retornados teimudos, obsesionado coa idea de crear escolas, onde non as había. Primeiro a través da sociedade de instrucción creada na Habana e dependente do asociación microterritorial de “Carballedo, Chantada e as súas comarcas”. Anos máis tarde, a título individual, levantando a escola de Lousada.

A excursión representaba o cume dun proxecto, que aunaba o seu compromiso coa educación e co galeguismo.

A excursión galeguista, contada pola prensa

En Cuba, “El Eco de Galicia: revista ilustrada y de información de la colonia gallega en Cuba”  incluiu no seu número de 15 de agosto, unha ampla reportaxe, titulada “Carballedo y Chantada. Banquete y excursión escolar”.

En Galicia, deste lado do Atlántico, o xornal que se ocupou da darlle seguimento a este evento foi “El Pueblo Gallego”.

Grazas a información contida nestas dúas publicacións souben do banquete inaugural, celebrado en Carballedo o día 10 de xuño con asistencia de ilustres oradores galeguistas como Vicente Risco, Otero Pedrayo, Suárez Picallo e Alexandre Bóveda, disque.

Aquelo foi un festón, con gaitas, foguetes e moita alegría.

A excursión partiu de Carballedo o día seguinte. Os nenos e nenas viaxaron acompañados polo propio Francisco Domínguez Mosquera, os mestres Andrés Guerra e Remigio Fernández,  a mestra Baldomera Guerra, o médico municipal de Carballedo, Juan Regal, o estudante de medicina Jesús Fernández e varias enfermeiras.

A axenda foi moi apretada, con visitas a lugares emblemáticos das catro provincias galegas. Un destes lugares foi o monte Santa Tegra na Garda, en Pontevedra, do que temos este documento gráfico cun exultante Francisco Domínguez, posando no centro.

 

Fonte: El Eco de Galicia. 15/08/1934

 

Memoria e esquecemento

O 17 de xuño, os pequenos e pequenas regresaron ás súas casas. Cantas historias para compartir!

Historias que falaban das augas fumegantes das Burgas en Ourense, da ponte de ferro de Tui que cruza o estuario do Miño, da viaxe en lancha dende A Garda a Matosinhos en Portugal, do baño en Praia América, do xantar en “La Marisquería” en Vigo, do botafumeiro da catedral de Santiago, da Torre de Hércules na Coruña, do Parque de Pasatempo, en Betanzos e da sesión de cine en Lugo.

A excursión foi tema da conversa durante moito tempo, ata que viu a guerra.

En novembro de 1936, Francisco Domínguez Mosquera regresa apresuradamente á Habana co seu fillo e en menos dun ano morre.

Na súa equipaxe levaba unha foto, que podería titularse: “Alegría”. É o retrato dunha marabunta, xunto ó coche da mítica excursión.

A foto pasou de pai a fillo e de fillo a neto… Hai días nos que a observo engaiolada e me pregunto se quedará na memoria das familias de Carballedo, algunha pegada desta epopea.

Devezo por saber se alguén lembra os relatos emocionados dos seus protagonistas.

Estou segura de que Francisco Domínguez Mosquera, o pequeno que un día emigrou á Habana co posto e que volveu rico, sorriría ó saber que aínda é recordado.

[ Do blog Bisagras de Papel ]

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

ÚLTIMAS

Ainhoa Arteta inaugura coa súa potente voz e ante un cheo total o novo Auditorio Fuxan os Ventos de Lugo

Tras oito anos de espera, este venres abriu as súas portas o novo auditorio...

O luns abre o prazo para apuntarse nas actividades da Reserva Terras do Miño

A Deputación de Lugo abrirá o vindeiro luns o prazo para inscribirse nas novas actividades ambientais...

Denuncian un home en Lugo por levar un martelo-machete de cociña e un coitelo na vía pública

Axentes da Policía Local de Lugo identificaron e denunciaron a un home que portaba...