Castroverde quere reconstruír a súa historia a través da memoria fotográfica

O Concello lanza o I Concurso de Fotografías Antigas en busca de imaxes anteriores a 1970 tomadas nalgún lugar do municipio.

Repasando fotografías antigas | LX

Case en calquera casa hai un caixón no que se amorean fotografías antigas. Unhas en branco e negro, outras máis arrubiadas, outras en cor e pegadas en álbums… Extraelas da gabeta e repasalas unha a unha é unha actividade que convida a botar a vista atrás, a lembrar persoas, paisaxes, momentos. Armar historias a través de imaxes é algo que facemos máis frecuentemente do que nos decatamos. O Concello de Castroverde anima a facer xusto iso: furgar nos caixóns e reconstruír o pasado do municipio.

Así lanzan o I Concurso de Fotografías Antigas ‘Castroverde, unha volta ao pasado’. Procuran imaxes tomadas no concello con anterioridade ao ano 1970. Fotos familiares, de festas, eventos deportivos, paisaxes, labores e traballos… Calquera proposta servirá para dar unha perspectiva de como era a vida castroverdesa hai máis de medio século.

As imaxes presentadas ao certame deberán ir acompañadas dun pequeno texto explicativo que as sitúe en contexto. Desta maneira, tamén será posible crear un arquivo fotográfico municipal para o futuro.

Calquera persoa maior de idade poderá presentar fotografías antigas da súa propiedade ata o vindeiro 29 de abril. As participantes optarán a premios económicos de 200 €, 150 € e 100€, respectivamente, para canxear en calquera establecemento ou negocio de Castroverde.

MICRORRELATOS

Á par dese concurso, o Concello tamén lanza outro de carácter literario. Neste caso, trátase dun certame de microrrelatos cuxa temática deberá virar en torno aos estereotipos de xénero. 

Poderán participar todas as persoas comprendidas entre 15 e 45 anos cun só único texto orixinal, que non deberá ter menos de 100 palabras nin máis de 150. Amais dos premios (400€, 200€ e 100€), tamén se sorteará unha tablet entre as participantes.

DEIXAR UN COMENTARIO

Please enter your comment!
Please enter your name here