InicioCulturaTres centros de Lugo ofrecerán o bacharelato de excelencia tecnocientífica

Tres centros de Lugo ofrecerán o bacharelato de excelencia tecnocientífica

Os alumnos da modalidade Stembach poderán por vez primeira ter conexión directa coa universidade, con formación complementaria e un proxecto de investigación

PUBLICADA O

- Advertisement -

Un total de catorce centros educativos galegos impartirán por primeira vez, no curso que 2018/19 o STEMbach. Acrónimo do Bacharelato de Excelencia en Ciencias e Tecnoloxía, esta modalidade foi creada ao abeiro da estratexia galega para a educación dixital, Edudixital 2020. Segundo consta na resolución provisional, estará dispoñible en seis centros da provincia da Coruña, catro de Pontevedra, un de Ourense e tres de Lugo: na capital lucense, o IES Lucus Augusti e o IES Nosa Señora dos Ollos Grandes, e en Monforte de Lemos o IES Francisco Daviña Rey.

Estes centros mudan así en referentes para a implantación deste proxecto. A Xunta de Galicia define como obxectivo deste bacharelato a promoción da vocación do alumnado cara a investigación científica e tecnolóxica, mediante unha metodoloxía que lle facilite a incorporación e adaptación á ensinanza universitaria, e tendo en conta a perspectiva de xénero.

Ademais, favorécese unha mentalidade científica, rigorosa, ordenada e crítica; así como o desenvolvemento da creatividade, do sentido da iniciativa ou do emprendemento e da resolución de problemas. Por outra banda, tamén axudará a mellorar as destrezas comunicativas e expresivas e proporcionará unha relación máis estreita entre profesorado e alumno.

Este bacharelato –ideado tanto para a modalidade de Humanidades como para a de Ciencias– permitirá unha conexión directa co ensino universitario, posto que o alumnado que o curse deberá desenvolver, no segundo curso, un proxecto de investigación individual ou colectivo con posterior defensa pública. Este proxecto, similar ao traballo de fin de grao, será co-dirixido por un docente dun departamento universitario ou dun centro de investigación de prestixio do Sistema Universitario de Galicia (SUG), e será titorizado polos profesores que impartan a materia de afondamento STEM. De feito, e para cristalizar esta cooperación, asinarase un convenio de colaboración coas universidades participantes.

Ademais, o alumnado cursará algunha materia extracurricular semanal, de dúas ou tres horas, de afondamento relacionada co ámbito de materias STEM e cunha orientación ao traballo na mellora das competencias comunicativas e dixitais. Esta materia será a mesma nos dous cursos coa correspondente secuenciación curricular.

Así mesmo, realizará actividades complementarias de formación –organizadas polo centro en colaboración con universidades, entidades ou organismos investigadores, ou con persoas investigadoras de recoñecida competencia– como conferencias, obradoiros ou proxectos.

Ao final da etapa, e tras a avaliación positiva tanto da materia de afondamento STEM extracurricular como da defensa do proxecto de investigación, o alumnado recibirá unha certificación acreditativa da dirección do centro de que realizou os estudos correspondentes a este programa.

Segundo fontes do goberno autonómico, este programa é o máis ambicioso dentro da estratexia STEM. A maiores, no curso 2018/19 tamén se reforzan e amplían outras medidas vinculadas con este ámbito científico-tecnolóxico como son a Semana STEM (450 prazas), a extensión da Robótica en Primaria e os clubs de ciencia. Neste sentido, o obxectivo é duplicar os centros con Robótica nesta etapa, tendo en conta que na primeira experiencia do curso pasado alcanzáronse os 111 centros e 11.000 alumnos implicados. E no caso dos clubs de ciencia, preténdese pasar dos 30 aos 100.

ÚLTIMAS

Ángeles Vázquez ve igual de importante o expediente de Altri como o de ampliar unha granxa

A conselleira de Medio Ambiente, Anxos Vázquez, asegura que é "igual de importante" para...

Alfonso Rueda e Ana Pontón coinciden no San Froilán

O presidente da Xunta e líder do PPdeG, Alfonso Rueda, e a portavoz nacional do BNG, Ana Pontón,...

As actividades do San Froilán renóvanse este mércores despois da borrasca Kirk

A área de Cultura, Turismo e Promoción dá Lingua do Concello de Lugo informou...

Facua critica a Xunta por patrocinar o Caudal Fest, sancionado por cobrar pola devolución do diñeiro de pulseiras

A organización de consumidores Facua criticou que a Xunta patrocinase o festival Caudal Fest, que se...