Constantino Bértolo non existe en Navia de Suarna. Ao prestixioso editor coñéceno alí polo nome de Tino de Féliz. Tino, aquel rapaz que medrou entre a Proba e Lugo, é quen asina agora o primeiro libro de poemas de Constantino Bértolo, ese que forxou unha carreira no sector editorial en firmas como Debate ou Caballo de Troya. O gran poema (Chan da Pólvora, 2020) é a unión de Constantino co Tino que sempre levou dentro e que foi quen de redescubrir nunha viaxe de regreso aos Ancares lucenses.
“Este libro é unha viaxe de volta a un lugar, pero tamén a un tempo, a unha paisaxe e a unhas persoas. É tamén volver a un mesmo. Atopar palabras e lembranzas que se perderan”, explica o escritor ao outro lado do teléfono. Un infarto de miocardio púxolle o corazón á beira da morte hai uns anos e esa experiencia empurrouno a buscar esoutro corazón da vida: Navia de Suarna, o lugar onde nacera no 1946.
O autor quixo armar un encontro coas “cousas pequenas —as árbores, as pedras, os ríos, os paus…— que acaban facendo unha cousa grande”. E quería “escribilo en voz alta”, nesa lingua que recuperou non sen esforzo. “O castelán é unha lingua comercial, de mercado; o galego ten empuxe e ten un horizonte“. Ten detrás un “alento colectivo común” que a facía imprescindible nuns versos que teñen moito de sentimento de pertenza.
UN ENCONTRO CO ‘SER’, RÍO E VERBO
O gran poema abre sucos na identidade, e neses regos vai saltando unha sementeira de topónimos coma se fosen as patacas que aparecen na terra á chamada do arado. “De Barcia a Proba Faquís Vilarpandín Vilaquinte Becerral Prebello Emberballas Trabadelo Traserra Vilaverde Son Vallo Queizán Vilares Vilela Marcelín”, escribe.
Como en Navia vive a poesía en si mesma, Tino de Féliz atopa toda a forza identitaria do verbo ‘ser’ no nome dun río. “Eu imaxino un río facéndose cauce, topando coas montañas. É a forza e a vida. O río Ser é a mellor metáfora. Nós tamén somos seres que nos abrimos camiño“.
Non obstante, o libro “tamén é sensualidade”, en palabras do autor, porque atopa os sentimentos das primeiras veces: o aspecto amoroso, o espertar sexual. “En O gran poema o encontro é moi físico, moi de tocar”. Busca con el o baile colectivo que lembra na praza do medio da vila.
O FUTURO DE NAVIA
Cal é a danza da Navia de hoxe? “Neste momento existe conciencia dun destino complexo”, marcado irremediablemente polas trabas que deixan o rural sen servizos ao tempo que vai quedando sen apenas habitantes. “Pero hai xente nova con identidade e con sentido de pertenza a Galicia e á nosa lingua. Foi a miña xeración a que viviu a decadencia. Agora a xente volve con forza e futuro, hai unha nova ilusión”.
Traslada unha mirada optimista a pesar do pesimismo que di que reina nel. Será que Tino de Féliz fala máis alto ca as outras voces que habitan no corpo. Será que Constantino Bértolo aínda xoga a ‘capar o río’ no pozo de Suspenas e, ante o reflexo da auga, cae na conta de tantas cousas que mesmo cae na poesía por primeira vez aos 74 anos. O Tino de Féliz recolle a esencia toda nun verso que lle pon fin á entrevista. Fai unha pausa e ‘escribe en voz alta’: “En Navia hai unha pequena eternidade”.