InicioCulturaDiego AS, graffiti da Piringalla que triunfa no mundo: “collín o bote...

Diego AS, graffiti da Piringalla que triunfa no mundo: “collín o bote en Frigsa ós 10 anos”

Con 31 anos Diego Anido Seijas, popularmente coñecido como Diego AS, é xa un dos artistas lucenses máis galardoados e coñecidos no panorama graffiteiro nacional. Londres, Porto, Barcelona, Málaga, Oviedo, Madrid e media Galiza xa contan con obras súas, e este ano foi o vencedor xunto co tamén lucense Guille Paz (Nesui) do Certame Internacional de Pintura Mural Amarte. Unha nova conversa-entrevista de Guido Álvarez para o Lugo Xornal

PUBLICADA O

- Advertisement -

GUIDO: Bon, Diego, como comezaches con todo isto do graffiti?

DIEGO: Comezou todo hai moitísimos anos. Realmente a primeira vez que collín un bote eu era moi pequeno. Foi porque o meu irmán andaba con xente de Frigsa, xente do mundo do hip-hop e do graffiti… indo con el, un día un rapaz díxome “ei, proba a facer a túa sinatura” cando eu tiña só dez anos. Logo con quince ou dezaseis, xa no instituto, foi cando comecei a pintar máis, en colectivo con dous amigos.

G: Onde estudabas?

D: Estudei no CEIP Paradai, en 4º de primaria cambiei para A Piringalla e xa fixen alí o instituto. Máis adiante fixen Serigrafía e Gravado Artístico na Escola de Artes Ramón Falcón. Alí comecei tamén estudos de Deseño Gráfico, pero estiven pouco tempo nese caso.

Mural de Rosalía no CEIP Paradai | Guido Álvarez Parga
Mural de Rosalía no CEIP Paradai | Foto: Guido Álvarez Parga

G: E que tal na Ramón Falcón? Como influíu o teu paso pola escola na túa obra como graffiteiro?

D: Moi ben, non é como unha escola normal, tes moita liberdade e iso é o bonito. Sen dúbida influíume no meu traballo sobre todo en que despois de pasar pola escola páraste máis a preparar os deseños e o que logo vas pintar na rúa. Aprendín moito sobre os procesos artísticos, especialmente sobre o pensamento previo á acción. Teño un gran recordo de profesores como Elena Pendás ou Germán Refojo.

G: Cales son os teus graffiteiros de referencia?

D: Aquí en Lugo Yoe 33 e Marte. A nivel estatal Saturno, Bellis, el Niño de las Pinturas, Logan, hai varios… e a nivel internacional Beta ou MrDheo que é veciño portugués.

G: E cambiando de tema: como ves o que hoxe se denomina Street Art, a diferencia do graffiti máis clásico?

D: O que teñen en común é que ambas son expresións na rúa, iso está claro. Pero son vertentes diferentes. Van da man, pero o graffiti consiste especialmente no bombardeo de sinaturas (pura técnica de spray) de xeito clandestino… e o Street Art é un movemento artístico máis amplo e no que se utilizan tamén outras técnicas.

G: Ti por exemplo consideras que fas ambas cousas?

Si, realmente pode ser un mix o que fago… porque teño moitas obras na rúa, sen permiso, e moitas outras que evidentemente si o teñen. Principalmente todos os encargos profesionais, pero tamén outras veces que pedimos permisos para pintar de xeito libre.

Un visitante da India co mural do oso, nas proximidades do Miño | Guido Álvarez Parga
Un visitante da India co mural do oso nas proximidades do Miño | Foto: Guido Álvarez Parga

G: E que opinión tes, dun tema moi de actualidade en Lugo tralas últimas pintadas na Catedral, sobre as sinaturas ou inscricións sen valor artístico que moitas veces vemos nas rúas e lamentablemente incluso en lugares de gran valor patrimonial?

D: Non está ben, claro. Especialmente en lugares onde se fai dano. Eu vexo ben que se pinte calquera cousa en lugares onde non fas dano, en lugares abandonados ou degradados nos que a pintada é tamén en certo modo un acto reivindicativo, incluso moitas veces coa intención de embelecer ou darlle un aire a lugares que están deixados. As sinaturas, nese senso, tamén forman parte da cultura do graffiti.

“Non está ben que se pinte en lugares onde se fai dano”

G: Cal é o teu primeiro recordo de graffiteiros en Lugo? Cal era a túa visión de todos eles? Foron os teus primeiros referentes ou xa viras outras cousas noutros lugares?

D: Todo moi underground. Ti eras moi neno e xa vías nos trazos moito nivel, chamábate, querías ser capaz de facer iso. Ti facías as túas as cousas pero non eras capaz de chegar ó que eles conseguían. E si, foron os meus primeiros referentes. Moita xente non o sabe, pero Lugo leva moitos anos sendo un lugar de moito graffiti. Houbo un tempo no que a cidade estaba chea de graffiteiros… pode ser que moitos xa non estean en activo, pero todos eles, todos os grupos que había daquelas, marcaron un camiño. Seguramente é grazas a eles, ó estímulo que significaron para ós máis novos, que hoxe en día Lugo viva unha nova idade dourada do graffiti.

G: Como ves o momento do graffiti e da arte urbana en Lugo?

D: Véxoo forte. Creo que a xente e as institucións déronse conta de que é algo potencialmente moi importante para a cidade e para a provincia. Vexo que hai moitos colectivos e que si que está funcionando. No tema do graffiti creo que estamos sobre todo os de sempre, os das últimas décadas, pero no tema do muralismo outra xente doutras disciplinas artísticas estanse dando conta de que os formatos grandes e saír á rúa é o que se está a pedir dende a sociedade. A onda do Street Art está abrindo o abano.

“os graffiteiros de antes abriron un camiño, foron o maior estímulo para os máis novos”

G: Pasando a Diego: vexo que últimamente estás a potenciar máis a túa marca persoal Diego AS… como estás orientando o teu momento artístico e profesional nese senso? Como continúa o proxecto colectivo Otro Prisma que fundárades hai anos e se convertera quizais nunha das dúas marcas máis soadas de Lugo xunto con Concepto Circo?

D: Hoxe en día sigo pertencendo ó colectivo Otro Prisma, non co protagonismo de antes, pero sigo estando nel. Foi moito tempo de moito traballo -sobre todo dende que marchou Guille Paz e tomei máis o timón- e creamos algo moi chulo. É certo que este ano decidín darme un pouco a coñecer de xeito individual. A marca… eu chámome Diego Anido Seijas, pero por non compricarme e porque xa me coñecen así, ó final quedeime con Diego AS. Véxoo cómodo. Non sei se máis adiante sacarei algo máis potente a nivel nome, que é importante, pero hoxe en día gústame que me coñezan así, non lle dou maior importancia. E por suposto sigo apoiando a Otro Prisma, pois me gusta que o colectivo siga ó pé do canón.

O primo pequeno de Diego, nun dos seus ultimos murais en Paradai | Guido Álvarez Parga
O primo pequeno de Diego, protagonista dun dos seus murais no barrio de Paradai | Foto: Guido Álvarez Parga

G: E agora Lugo: que significa Lugo para ti?

D: Unha cidade onde se come moi ben, unha cidade onde hai escapadas en todo momento para poder gozar do aire libre, e tamén coa facilidade de poder quedar cos amigos no centro ou en calquera zona dun xeito sinxelo e rápido. É unha na cidade na que se vive dun xeito moi tranquilo, moi cómoda.

G: Que zonas de Lugo che gustan máis?

D: Para min como a zona da Piringalla non hai outra. É unha zona na que cando me criei había moitos campos, moitos lugares onde facer cabanas cos amigos, onde podiamos estar sempre na rúa… agora parece estar algo máis urbanizada, con máis edificios, pero segue sendo a miña zona favorita. Logo, o outro que máis me gusta de Lugo é a súa contorna, ter a plena natureza a un pé.

“como a zona da Piringalla non hai outra. É unha zona na que cando me criei había moitos campos, moitos lugares onde facer cabanas cos amigos, ONDE podiamos estar sempre na rúa”

G: Ti naciches na Piringalla? Sei que agora vives nas Fontiñas, que tal a vida por alí?

D: Crieime entre Paradai e A Piringalla. Vivín en Monte Faro ata os 10 anos e logo ata os 30 na Piringalla. Agora vivo nas Fontiñas e moi ben tamén, é unha zona con moito tráfico a certas horas pero ben. Ten tamén moitos bares, haha!

G: E para pintar, que zonas che gustan máis?

D: Non teño ningunha en concreto, pero persoalmente o que si que me gusta é que as obras se podan ver, poder pintar en sitios visibles. Tamén temos esa parte de que nos gusta ir a sitios abandonados para pintar porque parece que esas contornas favorecen máis ás obras, que lle dan outro toque… pero non teño en Lugo ningunha zona que me pareza mellor que outra. Bon, por dicirche unha gústame por exemplo a zona da Avenida da Infanta Elena, onde hai bastantes muros e sempre hai espazos onde pintar.

Vello mural de Diego AS adicado a Steve Urkel no barrio de Paradai | Guido Álvarez Parga
Vello mural de Diego AS adicado a Steve Urkel no barrio de Paradai | Foto: Guido Álvarez Parga

G: Por certo, como quedou aquel proxecto das medianeiras que gañarades nos Orzamentos Participativos do Concello de Lugo no 2018?

D: O proxecto caducou porque fixeron que caducara. No seu momento, unha semana antes de cando tiña que facerse, cando xa tiñamos parte do material mercado, dixéronnos que non se podía facer porque en Lugo a normativa municipal non permitía facer ese tipo de intervencións, que había que levalo a pleno para cambiar esa normativa e que ía ser cousa de tempo. Nós sempre protestamos sobre por que deixaron entón levar ese proxecto a votación no concurso dos Orzamentos Participativos cando eles sabían ou debían saber que non se podía facer. É un proxecto que nos levou o seu tempo, tivemos que mobilizar á xente, fomos un dos proxectos máis votados…

“O PROXECTO DAS MEDIANEIRAS É UNHA DÉBEDA DO CONCELLO DE LUGO CON OTRO PRISMA. GAÑOUSE O CONCURSO DOS ORZAMENTOS PARTICIPATIVOS EN 2018 E LOGO A NORMATIVA MUNICIPAL IMPEDIU A EXECUCIÓN ARTÍSTICA”

G: Entón, recordando isto e ademais vendo o que están a facer outros concellos galegos como Carballo, Vigo ou Ordes con grandes medianeiras -o que indica que querendo é posible- poderiamos dicir que Lugo está en débeda con vós neste senso, non?

D: Si, eu creo que ten que resolverse e que hai unha débeda con Otro Prisma. Era unha cousa pola que levabamos loitando dende o 2015, poder facer unha medianeira en Lugo e incluso colaborando con outros colectivos como Concepto Circo. Nunca nos puxeron facilidades nin nos axudaron… cando vimos a opción dos Orzamentos Participativos pareceunos a mellor oportunidade, deixalo en mans da cidadanía… e aínda así, con ese apoio masivo e cun concurso gañado, quedamos co mel nos beizos. Non dicimos meternos na zona intramuros onde hai moito patrimonio histórico, pero cremos que pintando “en grande” podemos darlle unha boa volta de folla a moitas medianeiras e fachadas de edificios de barrios laterais, dando solución a moitos problemas urbanísticos e paisaxísticos.

“É IMPORTANTE QUE SE APOSTE POLO GRAN GRUPO DE ARTISTAS DE LUGO, QUE NINGUÉN SE SINTA FÓRA”

G: Ti xa sabes que eu son moi da idea de que o gran diferencial que ten Lugo sobre outras localidades no tema da arte urbana é que aquí os artistas sodes de aquí, que levades moitos anos traballando na cidade, e que todo xurdiu dun xeito moi endóxeno e espontáneo. Eu son da idea de que hai que defender ese grupo actual (a suma de Concepto Circo, Otro Prisma, Trece Trazos, Leandro Barea, Primo de Banksy, Iago Eireos, Noemí Núñez, Guille Paz, Tirso Paz, Yoe 33, Marcos Pereira, Pablo Lage, Rubén Paz, Borja, Diego AS e seguro que moitos máis…) entre outras cousas porque é algo único e marabilloso o que sucede en Lugo… que tantos artistas que pintades os nosos muros sexades da propia cidade. Ti como o ves?

D: Si, está claro que se podemos facer cousas entre os que somos de Lugo… é o ideal. Sobre todo é importante que os de aquí teñamos bo rollo á hora de colaborar, e lembrarnos todos de todos en todos os eventos. Para que todo teña unha inercia positiva e ninguén quede nunca apartado, que ninguén se sinta fóra. O de traer artistas doutros lugares está ben, é bo para que a xente vexa o que hai por outras zonas, pero é importante que primeiro se aposte claramente por todo este gran grupo de xente de Lugo.

O mural dos superheroes no CEIP Paradai | Guido Álvarez Parga
O mural dos superheroes no CEIP Paradai | Foto: Guido Álvarez Parga

G: Sobre todo este verán estiven viaxando por toda Galiza vendo os distintos modelos de arte urbana. Por exemplo, o de Carballo, que é algo totalmente distinto ó de Lugo. Alí a aposta é máis forte pola internacionalidade, por traer ós mellores artistas do mundo… e logo tamén se enfoca dun xeito distinto: máis tipo museo, con máis información, con códigos QR, etc… Persoalmente ambos modelos parécenme interesantes, pero creo que Lugo debe manter o seu: natural, espontáneo, cos artistas saíndo dende abaixo… e tamén que para o espectador sexa, como é, máis aventura a procura de información. Como cando vas a Berlín e buscas en Google “graffiti astronauta Berlin” e xa en internet atopas a información que a propia xente vai recompilando e compartindo. Que opinas disto?

D: Si, a ver, nós ó final facémolo insconscientemente: facemos as nosas obras, asinámolas habitualmente… se gustan, ben, pero realmente cando pintamos por libre pintamos para nós mesmos, polo noso gusto. O que están facendo noutros lugares cos QR e demais… si, son opcións, pero eu creo que o máis importante para o espectador son as obras en si. Estou dacordo contigo en que hoxe en día vendo a sinatura e buscando en internet é moi sinxelo atopar información. O caso de Carballo, Ordes e outras localidades para min ten valor sobre todo nun sentido: danlle visibilidade e prestixio á arte urbana, traen todos os anos artistas consolidados, facendo grandes festivais cunha data que convida a xente de todo o mundo a visitar Galiza e gozar ó máximo da arte. Son dous modelos totalmente compatibles e que se retroalimentan.

Mural na praza do Castiñeiro | Guido Álvarez Parga
Mural de Otro Prisma na praza do Castiñeiro | Foto: Guido Álvarez Parga

G: Como ves ás novas xeracións, ós rapaces de 15 ou 20 anos? Hai xente que estea pintando? Veslles futuro? Cres que vós podedes aportarlles algo?

D: Ós rapaces desas idades nestes momentos véxoos moito no graffiti de toda a vida, de momento aínda non moi enfocados noutros formatos, pero por outro lado están aqueles que se están formando en Belas Artes e disciplinas artísticas que seguro sairán con moitas ganas.

G: Volvendo cara atrás: é verdade o que antes comentabas de que hai anos víase en Lugo unha cultura underground arredor do graffiti moi potente. Eu, que sempre xoguei ó basket, fun moi presente de todo iso. Cando iamos xogar ó patio dos institutos Masculino e Feminino, había sempre moito ambiente de rap, breakdance, skate. Hoxe en día véxoo menos, non sei se é só cousa miña… ti como o ves?

D: Eu creo que todo iso está como transformado. Por exemplo musicalmente triunfan o trap e outros xéneros, e quizais a vella cultura urbana está menos presente. Antes, nos seus inicios, aquí en Galiza era un mundiño moi potente, a xente vivíao moito, era algo moi familiar.

Mural gañador do Certame Internacional de Pintura Mural Amarte 2020 | Guido Álvarez Parga
Mural de Diego AS e Guille Paz (Nesui) gañador do Certame Internacional de Pintura Mural Amarte 2020 | Guido Álvarez Parga

G: Eu sempre vivín toda esa cultura dende preto pero nunca dende dentro. Curiosamente foi nos últimos 10 anos (a partir dos 25) cando profundicei máis. Unha das cousas que sempre me chamou a atención foi xustamente ese sentimento de comunidade, de pertenza, reflexado por exemplo no orgullo dos códigos postais. Coñecíao en Lugo, pero vino tamén en varios dos países nos que vivín. Paréceme algo moi interesante e cando menos cunha gran parte de sentido positivo. Orgullo do propio, e sen necesidade de desprezar ó alleo (xa que considero que por norma este mundiño é moi integrador e multicultural). Ti como o ves?

D: Si, é certo, parece que cada un defendemos sempre o noso terreo. Semella querer dicir iso… eu son do 27003 e estou orgulloso delo… ou incluso como símbolo de identidade cando imos a outros lados. Incluso podía ter unha parte de competitividade, pero por norma unha competitividade sana, de intentar sempre ser mellores pero sen desprezar a ninguén. Como pode suceder en calquera ámbito da vida: os equipos de fútbol ou basket dos barrios, ou calquera actividade.

G: Imos cara o final: tes 31 anos, eres do 1989… canto tempo levas vivindo do graffiti e da pintura? Gustaríache vivir toda a vida disto?

D: Cinco anos. Si que me gustaría seguir vivindo disto, incluso diría que me gustaría chegar a vivir non dos encargos senón da miña propia obra, tanto en paredes como en lienzo… supoño que é o desexo de moitos dos que nos adicamos a isto. Evidentemente agora si que teño que facer moitos encargos, porque preciso ter ingresos todos os meses e non me queda outra… pero o día de mañá xa veremos. Eu agora desfruto, se o día de mañá teño que adicarme a limpar coches fareino, non teño medo a ter que cambiar nese senso, pero si que son ambicioso e quero tentalo. Polo menos quero mellorar, que é o meu verdadeiro propósito. Poder medrar cada ano, e se algún día vexo que non melloro pois xa me plantearei facer outras cousas para manterme vivo.

“se o día de mañá teño que adicarme a limpar coches fareino, non teño medo a ter que cambiar, pero si que son ambicioso e quero tentar seguir e evolucionar no mundo da arte”

G: Última: que mensaxe che gustaría deixarlle á xente de Lugo?

D: Á xente que está relacionada co mundo da arte urbana, unión. Que temos que xuntarnos, ver proxectos, e entre todos sacar cousas. Non tentar cada un comerse todo o traballo. E sobre todo… que sigan pintando, mellorando, e sacando proxectos bonitos. E á xente de Lugo en xeral… que nos apoien, que vexan isto como algo beneficioso e que nunca vai ser perxudicial.

ÚLTIMAS

Controlado o incendio da Fonsagrada, que afecta a 65 hectáreas

Un incendio permanece activo no concello lugués da Fonsagrada, onde ata o momento arderon un...

Investigados dous lucenses tras atopar un can abandonado que fora dado de baixa por falecemento

A Garda Civil investiga a dous veciños das localidades lucenses de Castroverde e do Corgo como supostos autores...

Conclúe a inspección da nave de Mazoi calcinada este martes e a empresa desconfía de que fose provocado: “Non sei como prende unha nave...

A Policía Científica deu por concluída este mércores a inspección da nave de reciclaxe da parroquia de...

Morre un peregrino norteamericano en Portomarín

Un peregrino faleceu este mércores no municipio lucense de Portomarín, segundo informou a Garda...