InicioMovementos sociaisHistorias de prostitución e migración: dende as galegas explotadas en Cuba ata...

Historias de prostitución e migración: dende as galegas explotadas en Cuba ata o caso Carioca

O Vello Cárcere de Lugo acolleu un faladoiro sobre 'Hijas de Galicia', unha entidade nacida en Cuba hai máis dun século co propósito de axudar as migrantes captadas polas redes de trata. É un exemplo de sororidade para trasladar á actualidade, cando son moitas as mulleres latinoamericanas as que fan a viaxe á inversa, con múltiples paralelismos. Muller, migrante, empobrecida...; para a mafia da prostitución, elas só "son mercancía".

PUBLICADA O

- Advertisement -

“Aquí viñemos falar de historias de mulleres de Lugo, por exemplo, que migraron a Cuba a principios do século XX na procura de mellores condicións, pero que acabaron sendo prostituídas. Ás veces, explotadas sexualmente polos seus compatriotas galegos. Viñemos falar, tamén, de mulleres latinoamericanas, poñamos por caso, que chegaron a Lugo neste século XXI e que remataron da mesma forma: en mans das redes da trata”. Así comezaba onte, 19 de decembro, un faladoiro protagonizado por Belén Regueira, xornalista, e por María Xosé Porteiro, xornalista e escritora. Da man de Aliad Ultreia, déronse cita no Vello Cárcere de Lugo para visibilizar as “terribles historias” de prostitución que sufriron e sofren moitas rapazas migrantes.

Existe un patrón que se repite ao longo da historia en calquera parte do mundo: mulleres, migrantes, empobrecidas… e captadas por mafias da prostitución. Na Cuba de hai cen anos, daquela que marchaban para aló galegos e galegas a esgalla, tamén ocorría así. “Imaxino unha muller da Fonsagrada ou de Meira que viaxaba soa. Igual era a primeira vez que saía da súa aldea…. Primeiro tiña que atravesar Galicia para coller o barco e nese camiño xa podía pasar de todo!“, vai relatando María Xosé Porteiro. “Moitas delas eran monolingües en galego, sen escolarizar, sen recursos… Ao chegar ao peirao de Cuba, non sempre se entendían. Algunhas xa se perdían alí e daban con elas traficantes que as prostituían”. Moitas remataron na cadea por tentar fuxir, por responder con violencia a quen as explotaba, por abortar…

‘HIJAS DE GALICIA’: ESTRATEXIAS DE SORORIDADE

Para afondar nesta negra realidade con réplicas no presente, Belén Regueira e María Xosé Porteiro tiraron dun fío “luminoso” que xurdiu nesa Cuba de primeiros de século. No ano 1917 naceu a entidade ‘Hijas de Galicia’, que funcionaba como sanatorio e lugar de amparo das mulleres estranxeiras que arribaban na illa. “Foi a primeira asociación constituída por mulleres emigrantes“, sentencian, coma quen quere darlle o peso que verdadeiramente ten. ‘Hijas de Galicia’ traballou para axudar as galegas envoltas nas inxustizas da trata. Foi un lugar de encontro e sororidade, grazas a que tamén contaba co apoio das mulleres cubanas.

A entidade Hijas de Galicia naceu no ano 1917 en Cuba como sanatorio e lugar de amparo para as mulleres migrantes.

As luguesas tiñan moita presenza naquela Cuba e foi, precisamente, unha muller de Lugo quen máis impulsou ‘Hijas de Galicia’. Andrea López Chao, mestra de Mondoñedo, exerceu como vicedirectora da asociación durante algún tempo. “Hoxe, en Cuba, ás galegas gárdannos un respecto especial. Iso debémosllo a esas mulleres”, dicían no coloquio. Cómpre tomar ‘Hijas de Galicia’ como referente nos nosos días para que non só se reproduzan as partes negativas desas historias.

VIAXE Á INVERSA, PERO O MESMO CONTO

Por desgraza, os paralelismos escuros están máis que á orde do día. Mudaron os lugares de partida e de destino, pero a historia repítese. Neste século XXI, son as irmás latinoamericanas as que deixan a súa vida atrás e tentan a sorte en Europa para construír un futuro mellor. “É exactamente o mesmo ca no século pasado: mulleres que escapan de países empobrecidos, nos que hai un conflito armado, político, etc”, afirmaba Ana Barba, educadora social de Aliad Ultreia que se sumou á conversa. E as semellanzas están á vista: “A rede de tráfico de mulleres volve estar aí, alimentándose das rapazas en situacións de dificultade”.

As diferenzas residen, case exclusivamente, no “perfeccionamento” que se impuxeron os proxenetas e traficantes co fin de burlar a xustiza. “Se as mulleres prostituídas non están atadas a unha mesa, parece que están alí voluntariamente”, así que non resulta tan evidente unha violencia explícita sobre elas. Con todo, iso non debe crear confusión: “As mulleres prostituídas son libres? Iso só se demostrará cando sexa tan doado saír da prostitución como entrar“, sostén María Xosé Porteiro. “As mafias seguen facendo todo o preciso para que esas mulleres lles xeren cartos. Para eles son unha mercancía”.

A xornalista Belén Regueira, a educadora social Ana Barba e a xornalista e escritora María Xosé Porteiro conversaron no Vello Cárcere de Lugo arredor do tema ‘Referentes: Fillas de Galicia’ | LX

O CASO CARIOCA

Neste punto da charla, vólvese inevitable mencionar o caso Carioca, a trama de prostitución que sacudiu Lugo ao ser desvelada hai algo máis dunha década. “Ningún home recoñece que acode aos clubs”, pero logo como é posible que persistan redes de prostitución de tal magnitude? “A prostitución ten que ver coa reafirmación do rol do macho dominante” e cos intereses entrelazados de quen se beneficia desa explotación. “É un mercado. As mulleres prostituídas non existirían se non houbese homes que consomen iso”.

Pero existen. Existen eles e “existe toda unha industria —a da pornografía—” que reforza a prórroga deste conflito. Un século despois de que en Cuba nacera un colectivo para amparar as rapazas afectadas pola trata, seguimos falando do mesmo: de mulleres migrantes e empobrecidas que son explotadas sexualmente. “Como é posible que a historia de ‘Hijas de Galicia’ non se coñeza?“, preguntábanse onte as relatoras no Vello Cárcere. Haberá que falar moito máis daquelas galegas pioneiras para que tamén resista a parte positiva. “Temos que transportar á actualidade esa aprendizaxe que extraemos delas”. Que enchan páxinas de libros, que sexan referentes, que a “ferida da emigración” se conte tamén dende os seus ollos e as súas carnes.

ÚLTIMAS

Denuncian un home en Lugo por levar un martelo-machete de cociña e un coitelo na vía pública

Axentes da Policía Local de Lugo identificaron e denunciaron a un home que portaba...

A Deputación destina 750.000 euros a formación dixital para zonas en risco de despoboamento

A Deputación Provincial de Lugo anunciou a posta en marcha do proxecto 'E para...

Rexistrado un terremoto de 3 graos de magnitude en Baleira

O Instituto Xeográfico Nacional (IGN) rexistrou este xoves un terremoto de magnitude 3 no municipio lucense de...