InicioCulturaUn monte de brindos e romances para recuperar a tradición oral de...

Un monte de brindos e romances para recuperar a tradición oral de Lugo

aCentral Folque lanza os proxectos é-Brindo e é-Romance para pór en valor estes xéneros, en cuxa transmisión tiveron moita relevancia as mulleres da Montaña luguesa. O Ribeira de Louzarela, o famoso rei dos brindos, é un dos protagonistas das súas actividades. Tamén organizan obradoiros para as crianzas e amosan como os romances xa non teñen por que falar de princesas e cabaleiros.

PUBLICADA O

- Advertisement -

“Eu sabíache moitos cantares. Antes cantabamos seguido: cando iamos á sega, cando iamos á feira…” Houbo un tempo no que o silencio apenas existía nas aldeas da montaña de Lugo. O boureo da xente ía ao compás. A música vivía nos Ancares, no Courel, no Bierzo…  Aquel tempo aínda non morreu.

Non o fará mentres haxa quen se preocupe por salvagardar unha tradición oral tan rica coma a desta zona. Ese é o obxectivo de aCentral Folque, o Centro Galego de Música Popular que vén de lanzar dous proxectos para poñer en valor os brindos e mais os romances. A presentación en Lugo será o vindeiro martes 26 de novembro (no Vello Cárcere), pero xa adiantan que as propostas de é-Brindo e é-Romance inclúen concertos, obradoiros para nenos e mesmo a publicación de dous libros.

O RIBEIRA DE LOUZARELA, O REI DOS BRINDOS

Estás dúas formas de oralidade —os brindos e os romances— tiveron moito pulo en tempos pasados, pero aínda hai quen as defende con gusto. O Ribeira de Louzarela é o mellor exemplo diso. Os noventa e tres anos de Antonio Río, veciño de Pedrafita do Cebreiro, non lle son impedimento ningún para improvisar os seus brindos. Pode dar boa fe diso Kike Estévez, filólogo e profesor que asinou o monográfico O Ribeira da Louzarela, brindador da dentro. El é quen nos explica as orixes destes cantos e quen nos achega a figuras como a do Ribeira.

Os brindos son conxuntos de catro versos nacidos da pura improvisación, de mentes rápidas que son quen de rimar as palabras que descobren ao redor. As súas raíces sitúanse nas reunións entre veciños para se axudar cos traballos do agro (matanzas, carretos…). Porén, foron as vodas campesiñas as que facilitaron a estabilidade deste xénero. “Daquela, hai cen anos ou máis, os casamentos celebrábanse nas casas. A xente que non fora convidada achegábase alí e, ao rematar a cea, comezaban a mandar cantigas dende fóra cara ao interior. No Courel e nos Ancares, eses eran os ‘brindadores da fóra’. Cantaban para pedirlles tabaco ou un pedazo de rosca á xente que estaba na casa”, explica Kike Estévez.

Os brindos son conxuntos de catro versos nacidos da improvisación

Á súa vez, “na voda había un ‘brindador da dentro’ que contestaba e defendía a casa. Dicíalles aos outros que non lles había dar nada ou que xa llelo daría máis tarde”. Así, íase creando unha “controversia” musicada entre os ‘da fóra’ e os ‘da dentro’. “Ás veces enganchaban e podía durar ata a mañá seguinte!“, ri Kike Estévez.

Pode parecer que os brindos son o mesmo cás regueifas, pero non exactamente. A principal diferenza radica na linguaxe empregada. As regueifas non sobreviviron como forma de amenizar as vodas e mudáronse ás tabernas, espazo que propiciou o endurecemento do ton. “Son moito máis bravas. Nelas vale todo, incluso os insultos. Os brindos son máis respectuosos“, engade Estévez. “O Ribeira tense enfrontado a regueifeiros nalgún certame e aquilo era como xuntar auga e aceite. Non tiña nada que ver!”.

Ademais, di, outras das disparidades explícase atendendo á presenza das mulleres en cada un dos casos. Elas tiñan moita máis importancia nos brindos típicos de Lugo ca nas zonas onde se estilaba a regueifa, precisamente porque estas foran trasladadas ás tabernas, espazos que lles eran negados ás donas.

PÓDESE APRENDER A BRINDAR?

Esto non o fai calquera / esto non é unha broma / nin se escribe nin se aprende / ten que nacer na persona“. Así brinda moitas veces o Ribeira de Louzarela. Antonio Río pensa que ese talento vai no sangue de cadaquén, pero dende aCentral Folque lévanlle a contraria e organizan obradoiros para ensinar a brindar ou a recitar romances. “Claro que se pode aprender!”, di Kike Estévez. El mesmo acabou sendo regueifeiro logo de formarse nun curso impartido en Vigo. “Hai rapaces que, se lle dás as técnicas, cólleno rápido e teñen esa facilidade. Pero sería mellor se houbese unha aprendizaxe con continuidade no tempo”, pensa.

“devolver as tradicións ás comunidades que as crearon e que as transmitiron”

Alba María, outra regueifeira que forma parte deste proxecto, dálle moita importancia ao feito de “devolver as tradicións ás comunidades que as crearon e que as transmitiron”. “Queriamos ir dende abaixo. Por iso empezamos con nenos e nenas”, afirma. Pretenden deixar ese “legado” entre a xente máis nova, para que o coñezan e o poidan reinterpretar.

ROMANCES QUE XA NON FALAN DE PRINCESAS E CABALEIROS

A outra pata deste proxecto, é-Romance, atende a esoutro xénero poético que tan vivo estivo no noso país. José Luis Forneiro, profesor de Filoloxía na USC, é o autor do libro recompilatorio Romanceiro galego. El destaca, precisamente, a importancia do noroeste peninsular no que respecta aos romances, unhas construcións moi ligadas á intimidade familiar. “Había moitísima riqueza e conserváronse moitos“, explica. A obra que asina inclúe 18 gravacións realizadas entre o 1977 e o 1983 nas comarcas dos Ancares, Sarria, A Ulloa, Quiroga, Verín e Valdeorras.

“uns nenos e nenas crearon un romance que falaba dun mono que viña de Marte”

Pola súa parte, Alba María aclara que “antes os romances falaban de cabaleiros, princesas ou milagres de santos”. Non obstante, en aCentral Folque son partidarios de anovar os discursos e adaptalos aos nosos tempos. “No obradoiro que fixemos en Ferreira de Pantón, os rapaces crearon un romance colectivo que falaba dun mono que viña de Marte”. As temáticas non son limitadas e a tradición tampouco está reñida con introducir a perspectiva de xénero, por exemplo.

E POR QUE NA MONTAÑA DE LUGO?

Logo destas conversas, xorde a inevitable pregunta de que será o que ten a montaña de Lugo para constituírse como refuxio da tradición oral. “Era o lugar de entrada dende o resto da península e o Camiño de Santiago tiña moito peso. Era unha zona menos poboada e illada pola falta de comunicacións. Eses foron algúns dos factores que provocaron que estes xéneros non se transformasen, como ocorreu noutras zonas. Tamén se avellentaron e por iso hai que renovalos!”, razoa Alba María.

O certo é que houbo unha chea de brindadores e brindadoras no Lugo máis oriental e no oeste de León. Amais do Ribeira de Louzarela, tamén están os irmáns Álvaro e Pepe de Forgas, Elvira Touzón Quiroga, Angelita do Baño, Manuela de Arnado, María de Balboa…  Aínda que non todas seguen con nós, hai quen traballa por manter viva a súa herdanza e sementar o gusto nas novas xeracións.

“Só hai que saber o que se quere dicir”, indica Kike Estévez. “Primeiro hai que pensar o último verso, rimar o segundo co cuarto e saber falar en octosílabos”. E unha xa se pode arrincar cun brindo: Houbo un tempo na montaña / que cantaban os veciños / rapazas e mais rapaces / que gusto daba sentilos!

ÚLTIMAS

Dous irmáns lucenses, promesas do piragüismo español

Un día de semana ás 10:00 horas da mañá en pleno verán, Hugo Argiz e...

O pleno municipal aproba esixir á Xunta que garanta o dereito das mulleres a abortar na provincia

O pleno do Concello de Lugo aprobou este venres, co voto a favor de...

Un conductor ferido grave tras caer por un terraplén no Corgo

O condutor dun vehículo resultou ferido de gravidade tras saírse da vía e caer por un...

Doa sangue e levarás gratis unha entrada para o cinema

A Axencia de Doazón de Órganos e Sangue (ADOS) e o Centro Comercial As...