InicioCulturaFeminismo e literatura: o Día das Galegas nas Letras homenaxea a luguesa...

Feminismo e literatura: o Día das Galegas nas Letras homenaxea a luguesa Xela Arias

Se á historia da literatura galega se lle tronza a metade dos nomes que dela participaron, xorden iniciativas tan importantes coma a da Sega. Esta plataforma organiza diversas actividades para o xoves 15 de agosto co fin de honrar a poeta en Vigo, cidade na que faleceu a unha idade moi temperá.

PUBLICADA O

- Advertisement -

Cando a literatura galega é celebrada dende un prisma masculinizado, vólvense precisas outras miradas e outras lecturas; ollos que repasen esas letras escritas por mans femininas que lle deben semellar insuficientes á Real Academia Galega á hora de escoller figuras para homenaxear cada 17 de maio. A poeta Xela Arias (Lugo, 1962) foi proposta nun par de ocasións para o Día das Letras Galegas, pero houbo que esperar a este Día das Galegas nas Letras para que as súas aportacións fose recoñecidas de tal maneira.

A plataforma de crítica A Sega organiza por sexto ano dita celebración, fixada para este xoves 15 de agosto. “Diferentes mulleres de diferentes lugares do país” conforman o punto de mira deste colectivo, que vén tinguir de morado a cultura patriarcal. Dicíao así nunha entrevista en Nós Televisión a poeta Arancha Nogueira, membro da plataforma, para explicar que os actos da homenaxe están pensados para Vigo, cidade na que faleceu Xela Arias tan só catro décadas despois de nacer en Sarria.

As ‘segadoras’ teñen previstas unha chea de actividades durante todo o día para lembrar a figura desta escritora tan “reivindicativa“, que “rompía os canons” na escrita e na vida. “Nun mundo do que sempre se sentiu parte activa, dende o coidado e a ollada atenta, sensible á imaxe que fixeron dela, rebelde contra a estampa sexualizada do gusto de señores que dan títulos de poeta nova, ela fendeu o espello, desbotou as estampas, construíu a diario. Retorceu as palabras, escachounas”. Así reza o manifesto co que se anunciaba hai cousa de medio ano a elección de Xela Arias como a Galega nas Letras deste 2019.

A poeta Xela Arias, homenaxeada no Día das Galegas nas Letras 2019 | A Sega

CURTA VIDA, GRAN LEGADO

Feminismo, activisimo social e literatura camiñan da man na vida e obra desta autora, que fixo as veces de mestra de Lingua Galega, poeta, editora e tradutora. Denuncia do equilibrio (1986), Tigres coma cabalos (1990), Darío a diario (1996) ou Intempériome (2003) son os títulos que deixou para a historia esta creadora de Lugo. Todos eles están recompilados nun único volume, editado por Chus Nogueira no 2018 en Xerais.

Na súa vertente como tradutora, Xela Arias trouxo ao galego obras de James Joyce, Roald Dahl, Angela Carter ou Baudeleire. Algúns destes traballos mesmo chegaron a ser merecedores da Medalha do Prêmio de Traduçao Sociedade de Língua Portuguesa, o Premio Ramón Cabanillas de Tradución ou o Premio Plácido Castro (post mortem). Ademais, o ano pasado a Asociación Galega de Profesionais da Tradución e da Interpretación (AGPTI) creou o Premio Xela Arias, en lembranza ao seu labor.

PARA MERGULLARSE NOS VERSOS DE XELA

Son todos eles recoñecementos que veñen a converxer no deste xoves 15, organizado pola Sega. Será en Vigo, no parque do Castro, a partir das doce da mañá. As actividades comezarán cun roteiro que faga viaxar o público pola vida de Xela Arias na cidade olívica, para posteriormente ler un manifesto a iso das 13.00h. Música e poesía serán a combinación perfecta para gozar pola tarde, logo dunha sesión vermú e dun xantar popular con micro aberto. Das catro da tarde en diante, participarán Arancha Nogueira e Sanny, Cristal Méndez Queizán, as Pandereteiras de Verducido, Alba María e Queco, Silvia Penas e, finalmente, Laura LaMontagne e Mai. A deste xoves será unha ocasión para festexar a cultura galega en feminino.

ÚLTIMAS

Altri reúnese coa Asociación Agraria de Galicia e reivindica a sustentabilidade ambiental do seu proxecto

Membros do equipo directivo de Greenfiber (Altri), a compañía que proxecta unha fábrica de...

Ángel Pérez, novo alcalde de Guntín con 27 anos

O pleno do Concello de Guntín elixiu na tarde deste mércores como o seu...

Feridas varias nenas ao ceder unha randeeira nun parque do Club Fluvial

Varias nenas resultaron feridas o pasado fin de semana na cidade de Lugo ao...

Identificado un veciño de Lugo por danar un bolardo e quitar outro porque dificultaba o xiro para entrar na súa propiedade

Axentes da Policía Local de Lugo levantaron acta por danos na vía pública e...