InicioCulturaA editorial Ámboa, un proxecto de mulleres de Lugo que danzan coas...

A editorial Ámboa, un proxecto de mulleres de Lugo que danzan coas letras

Nieves Neira e María Grandío botaron a andar esta idea que recolle a súa querenza pola literatura galega e a portuguesa. Veñen de presentar en Lisboa o libro 'Fulgor. Lectura danzada de María Gabriela Llansol' e pronto o farán tamén na nosa cidade, lugar que ven cheo de iniciativas culturais.

PUBLICADA O

- Advertisement -

En Lugo non pasa nada. En Lugo non hai rebumbio cultural. Que morto está Lugo... Si? Seguro? Non tal! Se se escaravella un pouco na superficie, atópanse unha morea de proxectos ben interesantes que nacen dun “movemento de base, un pouco alternativo, pero con moita presenza”. É o caso da asociación editorial Ámboa —impulsada por Nieves Neira e María Grandío—, que emerxe na vida cultural lucense co fin de achegar a literatura galega e a portuguesa. Faino da man de Fulgor. Lectura danzada de María Gabriela Llansol‘, unha obra que recolle textos da escritora lusa reinterpretados a través da linguaxe corporal.

En maio deste ano, doce mulleres reuníronse onda a Catedral de Lugo para compartir unha lectura peculiar do libro de Llansol. Con varios volumes ciscados polo chan, as rapazas ‘botaron un baile’ coas letras. “Llansol é unha escritora que talvez se considera difícil e críptica en Portugal. Querer ler a súa obra de principio a fin igual fai que te bloquees. A mellor forma é lelo de maneira fragmentaria, fragmentada e incluso cambiando de postura”, explica Nieves Neira. Por iso, naquela lectura ao aire libre só se verbalizaron anacos moi concretos; uns que, canda o baile das mulleres, fixeron danzar tamén as letras da obra orixinal e desembocaron nunha reinterpretación do primeiro texto.

Con toda a ilusión que debe causar o feito de participar no xerme dun libro, esta ducia de rapazas viaxaron a semana pasada a Portugal para presentar a obra no Espaço Llansol, a fundación que coida do legado desta autora. Nieves e María G., fundadoras de Ámboa, falan entusiasmadas da boa acollida que tivo alí este proxecto e adiantan que as compañeiras lusas devolverán a viaxe en setembro, momento no que se prevé presentar o libro en Lugo.

ÁMBOA: VIAXES DE IDA E VOLTA

Precisamente, as viaxes de ida e volta inspiran e fundamentan este proxecto editorial ata o punto de que o nome garda relación con iso. Ámboa é a palabra coa que se coñecían na Ribeira Sacra os cántaros nos que se levaba o viño ata Roma. Alí eran “refugallo ou cascallos” amontoados, pero remataron por perfilar o monte Testaccio. “Todo o que viaxa e volve aparecer doutra forma” é algo no cren as rapazas de Ámboa. Fascinadas por esta historia, tampouco dubidaron en escoller unha ánfora como imaxe gráfica do proxecto, deseñada por Marta Castro.

As doce mulleres que participaron na lectura danzada, na presentación do libro en Lisboa. | Currais Domingues

Había xa uns catro ou cinco anos que andaban debullando esta idea. Foi nun curso de ‘Novas tendencias en edición literaria’, organizado pola CENTRAD, cando María Corral Fernández e Nieves Neira avanzaron na súa posta en marcha. Elas son as dúas editoras de ‘Fulgor’, pero non se reivindican como tal: son amateurs, din, “con todo o bonito que garda esa palabra no sentido de amar o que se está facendo. E, no mundo de hoxe, facer un libro é das cousas máis bonitas que hai”.

CONEXIÓN ENTRE GALICIA E PORTUGAL

O que elas procuran non é outra cousa ca difundir as conexións da literatura galega e a portuguesa. “A proximidade lingüística xoga unha mala pasada ás veces. Ao mellor non se traducen textos porque se entende que as linguas son tan cercanas que non é necesario facelo. Pero logo a distribución non se corresponde con iso. Hoxe queres comprar en Lugo un libro en portugués e só o atopas en sitios moi puntuais”, din.

Así e todo, estas non-editoras rexeitan erguerse como “salvadoras das pontes” entre estes dous países veciños. En Galicia hai editoriais que traballan moi ben, aseguran, sobre todo no que se refire a poesía. “Iso está a bo recado”. Mentres, elas preséntanse como unha “humilde aportación” que dá forma a “libros raros” nos que converxen distintas disciplinas artísticas.

Son “libros desbordados” que van máis alá dun “simple cacho de papel”, segundo expón María Grandío. Se cadra funcionan como revitalizador do concepto de libro físico, “tan posto en dúbida” ultimamente. E non só iso:  tamén revitalizarán, certamente, o movemento cultural de Lugo, xa de por si ben vivo.

 

ÚLTIMAS

Obradoiros de coiro, cerámica e teares para celebrar os ‘Días Europeos da Artesanía’

A Vicepresidencia da Deputación de Lugo, a través da área de Artesanía, súmase á...

Coñecemos á ‘Galiartesá’, Pepa Lombao, oleira de Bonxe

O Galicia Confidencial presenta a serie 'Galiartesáns e galiartesas' coa que procura visibilizar diferentes oficios artesáns...

O Concello de Lugo defende que os recursos empregados no Ceao foron “suficientes”

A concelleira de Cohesión Social de Lugo, Ana González Abelleira, saíu ao paso das...

Bombeiros dá por extinguido o incendio no polígono de O Ceao e a Policía Científica inicia a súa investigación

Bombeiros de Lugo deu por extinguido este mércores o incendio que calcinou na xornada...